#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Dani Galán (S.D.C. Residencia): «En Preferente calquera equipo aproveita o máis mínimo erro que cometas»

A S.D.C. Residencia está a vivir a temporada do seu retorno á Preferente Norte, logo de dúas campañas en Primeira. O conxunto dirixido por Álvaro Meilán ocupa o décimoterceiro posto na táboa clasificatoria con trinta e tres puntos, sendo así o mellor dos cinco equipos que ascenderon o pasado ano.

Nunha categoría cun número de descensos pechado, e faltando dez xornadas pra rematalo campionato, os da Cheda atoparíanse nunha situación cómoda e coa tranquilidade de ter no peto a permanencia, pero na Preferente iso é utópico. Os equipos da metade da clasificación cara abaixo viven coa intranquilidade dos descensos que se produzan en Segunda B e Terceira, para saber cantos equipos rematan por caer a Primeira Autonómica.

O conxunto lucense, logo dun mes de febreiro no que ante o Dubra, Betanzos e Viveiro lle marcharon os puntos nos últimos cinco minutos de encontro, voltou de novo á dura pelexa pola permanencia. Nos últimos dous partidos colleitaron catro dos seis puntos posibles ante equipos da zona alta como o Ribadeo e o Arzúa, polo que o optimismo reina entre os membros da S.D.C. Residencia.

Desde Futbolinlugo quixemos falar con Dani Galán, capitán e buque insignia do equipo, ademáis de ser o adestrador do equipo xuvenil, que temporada tras temporada segue a demostrar a súa valía.



FUTBOLINLUGO: Na pasada xornada lograstes un gran triunfo ante o Arzúa, equipo que opta á promoción de ascenso. Como foi o encontro?

DANI GALÁN: Foi un partido que se nos puxo moi de cara coa expulsión de Mosteiro, o seu central, á media hora de xogo por dúas amarelas moi seguidas. Ademáis conseguimos abrir brecha no marcador xusto antes do descanso co 2-0, o que situou con moita ventaxa no partido. Ao pouco de comezala segunda parte fixemos o terceiro e o partido quedou sentenciado. Facíanos falta chegar a un final de encontro tranquilos.

FIL: En Ribadeo tamén fixéstedes un moi bo partido e case vos levades a victoria. Dánsevos mellor o equipo da zona alta?



DG: A verdade e que salvo o encontro ante o As Pontes, contra tódolos rivais da zona alta estivemos no partido ata o final e competindo con opcións de gañar. Sabemos que contra estes equipos temos que estar ao cen por cen defensivamente, e probablemente é o que nos falta contra os equipos da nosa liga. Nesta categoría calquera equipo aproveita o máis mínimo erro que cometas.

A SDC Residencia foi quen de derrotar na Cheda ao Polvorín, líder da categoría

FIL: Escapáronsevos moitos puntos nos últimos minutos dos partidos. A que cres que é debido?

DG: Si, escapáronsenos moitos puntos nos últimos intres que nos permitirían estar nunha situación moito máis cómoda. Foron erros puntuais tras xogar bos encontros en liñas xerais, pero como falamos antes, calquera equipo ten xogadores que aproveitan os erros que cometas.

FIL: Logo do ascenso do ano pasado, mantivéstedes gran parte do plantel. Está sendo a Preferente como a esperabas para a Residencia?

DG: A meirande parte do plantel xa estivemos na anterior etapa do clube na categoría e xa sabiamos a esixencia que ten. O principal obxectivo era ser capaces de competir ante calquer rival e creo que o estamos a conseguir. Agora toca dar un pasiño máis contra os rivais da nosa liga pra non depender tanto dos temidos arrastres.

[themoneytizer id=»15360-3″]

FIL: Por mor deses arrastres, os postos de descenso non están claros ata o final. Estades convencidos de lograla permanencia?

DG: Estamos convencidos ao douscentos por cen de que este equipo é capaz de conseguila permanencia e está a demostralo en case tódolos partidos. Pero tal e como están as cousas en Segunda B non podemos ter nin un intre de relaxación porque está todo moi igualado.

FIL: Como vés aos rivais que pelexan con vos pola permanencia?

DG: Como che comentei anteriormente, os enfrontamentos directos contra estes equipos son o nos déficit ata o momento. Agardemos ter aprendida a lección para estes seguintes partidos contra eles porque van a ser vitais para non chegar á última xornada coa auga ao pescozo.

FIL: Ano tras ano segues a ser peza clave na Residencia. Como te atopas no equipo?

DG: A verdade é que con moitas ganas de aportalo meu gran de area para demostrar que este equipo pode ter continuidade nesta categoría tan competitiva. Da gusto estar con este equipo, tanto dentro como fóra do campo.

 

 

 

Dani Galán (S.D.C. Residencia): «En Preferente calquera equipo aproveita o máis mínimo erro que cometas»

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *