#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Sin categoría

Javi López (Atlético Escairón): «A chegada de Charlie foi moi importante para nós»

O Atlético Escairón remataba o pasado curso coa satisfacción de ser o equipo revelación do campionato, logrando un moi meritorio sexto posto. Pero as cousas non tardaron en torcerse, e preto de comezala pretemporada, o adestrador Alberto López deixou o banco ao non sentirse identificado coa idea de clube que propuxo a nova directiva. Con Anxo Valcárcel no banco comezaron a competición, pero os resultados non eran os desexados e o equipo transitaba pola zona baixa da clasificación. Actualmente é o sarriano Charlie o inquilino do banco do conxunto do Saviñao.

Agora o equipo ten 14 xornadas por diante para acadalo obxectivo da permanencia, e que O Saviñao goce un ano máis do fútbol da Preferente Norte. No último encontro puxeron a primeira pedra, logrando o primeiro triunfo fóra da casa. Foi no Baleato ante o Dubra.

Para achegarnos as claves da temporada do Atlético Escairón, falamos co seu porteiro, Javi López. O do Incio, pese a contar con 31 anos é un trotamundos do noso fútbol, xa que defendeu a porta nas últimas temporadas do Lalín, Boiro, Chantada, Castro e agora é un dos importantes no Escairón.

Javi López, indiscutible na porta do Escairón.
Foto: LVG

FUTBOLINLUGO: O pasado domingo lograstes un triunfo vital para poder saír do descenso no campo do Dubra. Como foi o partido?



JAVI LÓPEZ: Foi un triunfo importantísimo. A primeira victoria fora da casa e ante contra un rival da entidade do Dubra. Fixemos unha primeira parte moi sólida en defensa, está a costarnos moito crear ocasións polo que todo pasa por non encaixar. Na segunda metade, nun erro noso encaixamos, pero a diferencia doutros partidos soubemos repoñernos e démoslle a volta ao resultado. Gran traballo de todos, corpo técnico, once inicial e os que saíron desde o banco.

FIL: Como ves ao equipo de cara ao último tramo de competición?

JL: Véxoo ben. A chegada de Charlie, aínda que os resultados non acompañaran foi moi importante para nós. O equipo estaba mal físicamente e sen confianza e o míster está a cambiar todo esto e ao final ten que dar os seus froitos.



FIL: Alami, David Calo, Quique…o equipo reforzouse no mercado invernal. Que poden aportar os novos fichaxes?

JL: Reforzarse era primordial, e sobre todo con xogadores deste nivel que melloren o que hai e que axueden a sumar. Entre todos temos que sacar isto adiante, temos equipo para facelo e a última victoria ten que reforzarnos sobre todo anímicamente. Os novos fichaxes, aparte de aportarnos calidade, van aportarnos experiencia que para a situación na que estamos é importantísima, xogadores que asuman a responsabilidade, que queiran o balón e que non se escondan.

FIL: Logo da temporada realizada o ano pasado, esperabades estar ahí na pelexa por evitalo descenso ou a previsión era unha temporada máis cómoda?

JL: Sabiamos que a temporada pasada era moi complicado repetila. Evidentemente contabamos estar máis arriba, pero esta Preferente ten máis nivel que a do ano pasado, e para min que a dos últimos anos. Ademáis a nosa pretemporada foi un pouco atípica e iso pasa factura.

O capitán Iván González é outra das pezas clave do conxunto do Saviñao

FIL: O cambio de adestrador xusto cando ía comezala pretemporada, como cres que afectou ao equipo?



JL: A marcha de Alberto López en pretemporada aféctanos, a maioría dos xogadores fomos fichados por él e estábamos a morte con él. E o peor é que ao non estar él, moitos xogadores deciden non continuar, e os fichaxes non chegaban. Todo isto a poucos días de comezala pretemporada.

FIL: A loita por evitalo descenso prevese complicada ata o final. Como ves ao resto de rivais?

JL: A pelexa vai estar interesante ata o final, ademáis cos posibles arrastres vai ser unha incógnita. Tódolos equipos que estamos ahí abaixo estamos moi igualados, pero eu creo que nós temos equipo para quedar na metade da táboa e se sacamos dous ou tres resultados positivos nas vindeiras xornadas non imos a ter problema.

FIL: A nivel persoal…estás a xogalo todo esta temporada. Como te atopas?

JL: Atópome moi ben. Estou xogándoo todo, e iso para un porteiro é moi importante, a nivel de confianza para un mesmo e para os compañeiros. Estou moi contento en Escairón, a carón da casa e con moitos compañeiros e amigos no vestiario, e moi involucrado en salvar a este clube do descenso.

 

Javi López (Atlético Escairón): «A chegada de Charlie foi moi importante para nós»

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *