O Trío de Ases Panadería O Cantón tráenos unha xornada na Terceira RFEF na que a Sarriana logrou vencer na Ribela ao Portonovo e sube á segunda posición, por detrás dun intratable Boiro. O Racing Vilalbés realizou un bo encontro, pero non pasou do empate na Madalena diante do Alondras e o Viveiro cae á derradeira posición da táboa logo da derrota no campo do Estradense.
Na Preferente, o Lemos igualou no campo do Marín, líder do grupo, e mantén a cero o seu casilleiro de derrotas. Tampouco sabe o que é o perder nesta tempada o Pol, que igualou no Municipal fronte ao Sofán. Sumou un punto tamén o Chantada no Sangoñedo diante do Ordes, mentres que o Burela caeu derrotado na súa visita ao campo do Arzúa.
TERCEIRA RFEF
A Sarriana dalle a volta ao marcador e vence ao Portonovo (2-1)
O cadro sarriou reencontrouse coa vitoria despois de tres xornadas e xa é segundo na clasificación. Os de Alberto Mariano foron mellores que o Portonovo na primeira media hora de xogo, aínda que sen chegar a inquedar a unha ordeada zaga visitante. Os de Benjamín Vidal tampouco xeraron perigo, pero ao borde do descanso, Batkov aproveitou un rexeite de Pirot para poñerse por diante no marcador.
A Sarriana saiu de vestiarios coa firme idea de remontar e así o fixo. Álex Pérez avisou e pouco despois Cabarcos cun bo tiro igualou a contenda. Eran os mellores minutos do conxunto local e nunha xogada por banda que centrou Álex Pérez rematou Osián preto do pao impsible para o gardameta. No tramo final, o Portonovo buscou o empate e Pirot tivo que empregarse a fondo para evitalo.
O Racing Vilalbés amosa a súa mellor versión, pero iguala en inferioridade na Madalena diante do Alondras (1-1)
Os chairegos sumaron a quinta xornada sen gañar, pero amosaron unha boa imaxe sobre o céspede da Madalena. O Alondras tivo máis o balón no comezo do choque e Luismi puxo a proba a Álex Santomé que respostou ben. O Racing Vilalbés xerou situacións de perigo sobre todo en accións a balón parado, con boas opcións nas botas de Aller e na cabeza de Rodri Alonso. Aínda que non se viron goles no primeiro tempo, os de Juan Rodríguez tiñan o encontro controlado.
No segundo tempo a tónica foi semellante, pero chegaron os goles. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora, nunha transición, Rodri Alonso asistiu e Adri Castro definiu á perfección. Non tardou en chegar o empate para o Alondras logo dun dubidoso penalti por agarróns na área que transformou Yelco Alfaya. O encontro púxose costa arriba para os chairegos ao ver Adri Castro o cartón vermello directo por protestar. Malia xogar en inferioridade, o Racing estivo ben posicionado no campo e contou con ocasións de Edu e Borja Míguez para facer o segundo.

O Viveiro cae no campo do Estradense malia adiantarse dúas veces no marcador (3-2)
Os mariñáns caeron á derradeira posición da táboa clasificatoria logo da derrota fronte ao Estradense. Os locais saíron moi fortes e chegaron con moito perigo á portería de Ayoub. O Viveiro logrou recompoñerse e no primeiro achegamento á área rival foi quen de adiantarse no marcador tras unha boa xogada entre Peli e Cora que culminou ben o viveirense. O Estradense volveu a coller o temón do encontro e sen chegar a someter aos celestes como nos primeiros minutos foron quen de empatar nun acción mal defendida que rematou Edu Taboada. No minuto 34, tras unha triangulación, o Viveiro voltou a poñerse por diante. Cora centrou e Huguito, libre de marca superou co seu remate a Pablo Brea. Co tempo xa cumprido, nun saque desde o curruncho, o cadro local logrou empatar por medio de Pablo Carabán, noutro desaxuste defensivo dos de Marcos Pereiro.
Logo do paso por vestiarios, o encontro tivo unha dinámica semellante ao primeiro tempo. O Estradense saiu a polo terceiro gol e o Viveiro, agazapado preto da súa área soubo capear o temporal. Ao igual que no periodo inicial, os mariñáns lograron estar máis lonxe da súa propia porteria e atopáronse ben con balón. A falta de vinte minutos para o final, Cora gozou dunha gran oportunidade para marcar tras un servizo de Rolle. Pablo Brea quedou a media saída, pero logrou tocar o balón tras o remate do extremo e o esférico saiu rozando o pao. Pouco despois, nunha rápida transición, Dani Pedrosa asistiu e Migui non errou para remontar o encontro para o Estradense. No tramo final, o Viveiro tentou a igualada sen éxito.

PREFERENTE FUTGAL
O Lemos empata no feudo do Marín nun encontro de altura (1-1)
Os monfortinos mantéñense invictos e segundos na clasificación logo de empatar no campo do Marín, líder e un dos claros candidatos, xunto cos monfortinos, a acadar o ascenso de categoría. O conxunto local dominou o primeiro tempo con Antón De Vicente e Álex Rey como líderes na medular, xerando transicións para os seus extremos e cun Sylla que gañou todos os balóns directos. Foi o propio Sylla quen logrou adiantar ao Marín tras anticiparse a Losada na súa saída. O Lemos non foi quen de xerar ocasións de gol claras nos primeiros corenta e cinco minutos.
Alberto López trocou de sistema no intermedio e deulle entrada a Aragón para xogar con dous dianteiros. O Lemos mellorou, tamén coa entrada de Iñaki e Brais Pardo, e foi quen de meter no seu campo ao Marín e chegar á portería contraria con perigo. Youness, Caden e Aragón tiveron ocasións moi claras para marcar, pero que desbaratou o gardameta local. O tanto do empate chegou preto do final logo dunha boa combinación que culminou Caden cun bo tiro cruzado. Non renunciou o Lemos a sumar os tres puntos e tentou a remontada cun disparo de Brais Pardo que marchou fóra.
O Pol iguala co Sofán e mantén a súa condición de invicto (1-1)
Quinto empate para o Pol nesta temporada que se mantén invicto e en posición de play off de ascenso, empatado a catorce puntos co seu rival nesta xornada, o Sofán. O encontro non puido comezar mellor para os de Ramón Labrada. Aos dous minutos de xogo, Javi Rey asistiu a Hugo Buíde que rematou e Marino empurrou a gol. O Sofán, moi ben situado sobre o céspede do Municipal, tivo a posesión do balón e dificultou moito a saída dun Pol que non se sentiu cómodo. No primeiro tempo, os visitantes apenas inquedaron a portería defendida por Javi Liz, ata que moi preto do descanso, Samu cometeu penalti e Julián igualou a contenda.
No segundo tempo, o Pol estivo mellor e contou con varias ocasións para marcar. Fito estrelou o balón na escadra tras un lanzamento de falta, mentres que o cadro visitantes respostou de igual xeito. No último tramo de encontro Marino, moi incisivo pola súa banda, xerou situacións de perigo, sen lograr o premio do gol.
Kadete marca preto do final e fai xustiza ao partido realizado polo Chantada (1-1)
Encontro entre dous rivais igualados a puntos. Chantada e Ordes disputaban puntos importantes para saír da zona de perigo e o cadro chantadino comezou dominando o balón e gozando de longas posesións, aínda que sen chegar con claro perigo á portería rival. Co encontro controlado polos locais, foi o Ordes o que logrou poñerse por diante no marcador nunha rápida saída de balón que culminou Lata cunha boa definición.
Tras o intermedio, o Chantada foi con máis decisión a polo empate. Traste realizou trocos ofensivos e o Ordes viuse encerrado na súa parcela defensiva. As ocasións sucedéronse, as máis claras nas botas de Sergio, Damián e Diego. O gol resistiuse ata o minuto 89, cando Kadete definiu ben o logrou a igualada, que facía xustiza ao visto sobtre o céspede do Sangoñedo. No desconto, Tino gozou dun man a man para culminar a remontada, pero non estivo atinado.
O Burela cae en Arzúa e prolonga a súa mala xeira (4-1)
Os burelaos seguen en posicións de descenso logo de perder no campo do Viso. Os de Julio Castro comezaron do mellor xeito, cun gol no primeiro minuto. Nunha rápido contra, David Ben puxo por diante ao Burela. O Arzúa buscou xerar perigo cun xogo directo que lle deu os seus froitos. Os locais igualaron tras un saque desde o curruncho que rematou Miguel ao fondo da portería e, poucos minutos despois, Maki deulle a volta ao marcador ao culminar unha contra. Yago, ás beiras do descanso, tivo nas súas botas o empate ao rematar un centro lateral.
O Burela comezou mellor que o seu rival o segundo tempo, tendo a posesión do balón e xerando perigo por ámbalas dúas bandas. O gardameta local Ale estivo moi atinada e logrou o empate. No tramo final, Villa con dous tantos, sentenciou o choque para o conxunto arzuán.
Foto de portada: Mariluz Fagín.

