Volve o Fútbol, con F de Feminino
-
Eva Argiz | 09/09/2026
- 0
- 3min de lectura
Volve o fútbol feminino á provincia nesta tempada 2026/2027 que inaugurarán os partidos do PM Friol (3ªRFEF), Antas e Milagrosa (1ªFutgal).
As friolesas comezarán esta campaña na Reigosa, onde recibirán ao Concello de Boiro. Unha tempada con cambios no vestiario pero que, de seguro, seguirá contando co acerto dunha dianteira experimentada e sempre con fame de goles, Yoleidis, que sen dúbida será un dos piares do equipo amarelo.
Tras quedar a pasada tempada ás portas do play-off de ascenso, as friolesas están de novo chamadas a ser un dos equipos a dominar a zona alta da táboa un curso máis.
Tamén preto de facer unha tempada redonda -e coroala co ascenso- estivo o Antas. De novo con Óscar Méndez como director de orquestra, as ulloás manteñen o groso do grupo que a campaña a piques estivo de converter o soño do ascenso nunha realidade.

Co obxectivo de seguir amosando o altísimo nivel do que gozan as celestes, o cadro ulloán comeza a tempada esta fin de semana a domicilio, visitando o Chan da Barcia, campo do Ponte Caldelas. Sumar os tres primeiros puntos será importante non só polas sensacións iniciais senón porque, como se demostrou na 2025-2026, cada punto será esencial na clasificación final.

Na mesma categoría que o Antas, pero nun grupo distinto, estrearase unha Milagrosa recén ascendida da que colle a batuta Francisco Rodríguez Braña, ‘Fran’; gran coñecedor das xogadoras ás que agora dirixe tras a súa experiencia na base do club albivermello. O seu predecesor, Héctor Expósito, déixalle unha liña a seguir máis difícil de igualar.
Porén, se algo teñen as luguesas é unha canteira coa que nutrir a un grupo no que a ilusión das cadetes combinarase coa experiencia de xogadoras máis experimentadas como Aldara Paredes, Ana Seguín, Leire Jauregui ou Ana Piñeiro. Aínda que con numerosas baixas, a ilusión tentará volver a ser esencial para que a Milagrosa siga a ser un referente do fútbol feminino provincial.
Nese camiño, o primeiro paso darano esta fin de semana na casa. O Luis Gorgoso agarda xa o asubío inicial dun partido no que as albivermellas mediranse co Victoria FC ‘B’.