#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Sarriana, Lemos e Pol abren a competición con vitoria

O primeiro Trío de Ases Panadería O Cantón da tempada 2026/2027 xa está aquí. A competición botou a andar e fíxoo con resultados moi diversos para os conxuntos lucenses. Na Terceira RFEF un triunfo, un empate e unha derrota dos nosos. A vitoria foi para unha Sarriana que amosou o seu podería no campo do Estradense. O Racing Vilalbés empatou na casa diante do Atlético Arteixo e o Viveiro caeu en Cantarrana fronte ao Antela. Na Preferente venceron Pol e Lemos. Os chairegos fixérono no Municipal fronte ao recén descendido Noia, mentres que os monfortinos venceron no campo do Beluso. O Chantada, que volvía á categoría novo anos máis tarde, igualou sen goles no Sangoñedo co Sigüeiro. O Burela caeu na Marosa pola mínima diante do San Tirso.

TERCEIRA RFEF

A Sarriana vence con autoridade ao Estradense no seu retorno á Terceira RFEF (1-3)

O encontro comezou da mellor maneira para os pupilos do debutante no banquiño Alberto Mariano. Aos cinco minutos, Uriarte recuperou un balón en mediocampo e asistiu para que Osián marcara no man a man diante de Pablo Brea. Nos seguintes minutos o encontro igualouse e mesmo os locais foron quen levaron a manixa do mesmo en varias fases, co ribadense Pedrosa sendo a principal ameaza unha zaga da Sarriana que soubo conter o perigo. Xusto antes do intermedio, nun saque de esquina, Andoni colocou un balón medido que Iago Parga enviou ao fondo da portería.

O segundo tempo comezou dun xeito semellante ao primeiro. A Sarriana marcou axiña. Adri Rodríguez, recén incorpoorado no canto de Arona, apurou a liña de fondo e asistiu para o remate a gol de Álex Pérez. O encontro entrou nunha fase na que o xogo resultou moito máis trabado e na cal Iago López viu o segundo cartón amarelo. Con dez, a Sarriana adicouse a conter as acometidas rivais, aínda que pouco puido facer ante a xenialidade de Migui, que colocou o balón na escadra. Nos últimos dez minutos, Pirot estivo atinado na portería para impedir o segundo gol dos locais.

O Racing Vilalbés merece un premio maior diante do Atlético Arteixo (0-0)

A forte calor condicionou o primeiro tempo do encontro na Madalena. O Racing Vilalbés tivo o partido controlado e Raúl Melo, cun balón á cruceta, e Adri Castro gozaron de ocasións claras para adiantarse. Os chairegos pediron penalti tras unha caída de Aller na área que o colexiado non sinalou. A pausa para o grolo sentoulle mellor aos visitantes, dos que formou parte o vilalbés Kiko, e chegaron con certo perigo ás inmediacións de Álex Santomé.

Tras o intermedio, a climatoloxía cambiou de forma radical e a calor transformouse en forte vento e tormenta. Os de Juan Rodríguez seguiron un guión semellante e Lansade, Adri Castro e Jose Varela tiveron nas súas botas o tanto da vitoria. O técnico chantadino tentou darlle frescura ao equipo cos trocos, aínda que no último tramo os vilalbeses chegaron á área rival con máis corazón que cabeza. O Arteixo non foi quen de xerar perigo en todo o periodo final.

Un gol de carambola provoca a derrota do Viveiro co Antela en Cantarrana (0-1)

Un encontro no que os catro primeiros minutos resultaron determinantes. O Viveiro gozou da mellor ocasión nas botas de Arturo. O capitán viveirense estrelou o balón no pao. Na seguinte xogada o cadro ourensán marcou o que sería o único tanto do encontro. Nunha conducción de Bellido, o extremo disparou e o balón tropezou nun defensa e colouse paseniño na portería dun Ayoub que xa estaba vencido. O conxunto mariñán atopouse cun conxunto que defendeu nun bloque moi baixo e cun esforzo moi xeneroso por parte dos seus xogadores. Marcos Pereiro, que debutaba no banquiño de Cantarrana, optou por combatir a defensa rival cun fútbol moi directo e contou con ocasións para lograr o empate, sobre todo en accións a balón parado.

No segundo tempo, o Viveiro gozou de boas ocasións para marcar nas botas de Jacobo e Dani, aínda que a máis clara tívoa Carlos que con todo a favor rematou ás mans do gardameta Bruno. O Antela, que tentou parar o partido sempre que puido, tivo varias contras para sentenciar o partido que non foi quen de aproveitar.

PREFERENTE FUTGAL

O Lemos comeza con forza e vence no feudo do Beluso (0-2)

O conxunto monfortino saiu vitorioso dun encontro moi táctico disputado sobre céspede sintético de reducidas dimensións. As rápidas transicións e as segundas xogadas foron unha constante. Iker adiantou ao Lemos tras un saque de banda que prolongou de cabeza Cuadrado nun primeiro tempo no que os de Alberto López exhibiron unha gran organización defensiva.

O Lemos foi quen de transitar cos seus extremos e desa forma xerou boas ocasións de gol. Preto do final unha contra levada por Nourredine rematou co disparo de Pallín que se colou pola escadra.

Nen un diluvio frea ao Pol no debut ligueiro fronte ao Noia (2-1)

Encontro no que ámbolos equipos amosaron as imprecisións propias do comezo de liga nunha tarde de calor abafante no Municipal. Tanto Pol como Noia pelexaron por ter o dominio do balón e alternaron o dominio do mesmo. Adiantouse no marcador o cadro visitante tras un erro de Ross que aproveitou Mario Regueiro para batir un Javi Liz que detivo en primeira instancia. Pouco despois, a insistente pelexa de Fito serviulle para recuperar un balón que chegou a Javi Rey e o disparo deste supuxo o empate.

A segunda metade comezou co dominio dos pupilos de Ramón Labrada. Pero aos dez minutos de xogo o encontro interrupiuse debido a unha importante tormenta que deixou o terreo de xogo impracticable. O colexiado detivo o partido máis dunha hora e coa opinión en contra dos locais decidiu reanudar o choque, malia as dificultades climáticas. A chuvia seguía caendo con intensidade e o Pol decidiu trocar o plan de partido e xogou directo sobre a área do Noia. Deste xeito, os chairegos amosáronse moi superiores e lograron dous goles que o colexiado anulou. Preto do final, Luis Díaz, cun lanzamento desde fóra da área acadou un golazo pola escadra que deu os tres puntos aos locais.

O retorno do Chantada á Preferente remata en empate (0-0)

O Chantada recibiu ao Sigüeiro no encontro que supuxo o retorno á Preferente do equipo adestrado por Traste nove anos máis tarde. Os locais foron dominadores nos primeiros vinte minutos nos que tiveron o balón e xogaron en campo contrario. Tino gozou da ocasión máis clara do periodo inicial. Tras a pausa de hidratación, os visitantes axustaron mellor as súas liñas e dificultaron máis o xogo dos chantadinos, malia que non xeraron opcións de gol.

Tras o intermedio, o encontro resultou parello con chegadas a ámbalas áreas. A defensa local estivo firme nas accións de xogo por banda do rival e os de Traste rozaron o gol nun disparo de David que se estrelou no pao. Nos últimos intres, os dous conxuntos valoraron o punto acadado e non correron excesivos riscos.

O mal primeiro tempo penaliza ao Burela fronte ao San Tirso na Marosa (0-1)

O Burela saiu mal ao campo. En pleno Osa do Mar, o conxunto verde estivo atenazado, con demasiados nervios e sen demasiadas ideas con balón. O San Tirso estivo moi cómodo xogando en campo rival, aínda que non era quen de xerar claras ocasións de gol. Co paso dos minutos, o paritdo igualouse e nese momento chegou o tanto visitante logo dun penalti claro que transformou Denis.

A entrada de Diego Chao tras o descanso deulle outro aire aos de Julio Castro que estiveron moito mellor que no periodo inicial. O encontro estivo cheo de duelos nos que o San Tirso, un conxunto moi físico, saía case vitorioso, e de mediocampismo. Preto do final, o Burela contou cun bo achegamento que non atopou rematador e o encontro rematou co triunfo visitante.

Sarriana, Lemos e Pol abren a competición con vitoria

Marcos Pereiro (Viveiro): «Vivo o debut con

Sarriana, Lemos e Pol abren a competición con vitoria

Sarriana, Lemos e Pol abren a competición