Marcos Pereiro, adestrador do Viveiro

Marcos Pereiro (Viveiro): «Vivo o debut con moita ilusión»

O Viveiro arrincará a tempada en Cantarrana este domingo ás 12:00 horas nun encontro ante o Antela que, noutro momento da tempada, podería ser un deses partidos que marcan o destino na Terceira RFEF. Será o debut dun proxecto novo dentro do cadro mariñán onde a aposta polo talento local será de gran importancia para o que será a visión o longo prazo do club.

Será un partido bonito para todos, pero en especial para o adestrador lucense Marcos Pereiro, que despois de dous anos xunto a Alberto López debutará como primeiro adestrador na Terceira RFEF. O técnico pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Durante a entrevista falou da nova oportunidade que se lle presentou, os cambios que houbo no proxecto e o obxectivo da permanencia.

Entrevista a Marcos Pereiro do Viveiro

Oportunidade nova no Viveiro: Xurdiu de xeito inesperado polo cambio de proxecto que se quería facer. Xurdiu o meu nome despois de que Alberto López e o club acordasen marchar e confiaron en min para levar o equipo. Vívoa con moita ilusión e con ganas de seguir traballando e mellorando como equipo.

Cambios no proxecto: Queríamos facer algo máis sostible apostando por xente nova do entorno que nos permita medrar no tempo e establecelo. Nos últimos anos houbo un vaivén de xogadores grande e queríamos estabilidade.

Obxectivos: O obxectivo está clarisimo, manter ao equipo. Sabemos da gran dificultade que ten detrás e queremos acadalo.