Comezamos este novo episodio do mercado do fútbol provincial con novidades no fútbol feminino. A SD Chantada segue perfilando o seu cadro de xogadores coa renovación de oito futbolistas. Laura Caseiro, Rocío, Noa Rodríguez, Elisa, Saray, Andrea, Noa Meilán e Martina seguirán un ano máis no cadro chantadino.
Na Primeira Futgal, o Monterroso reforza a súa portería coa chegada de Lucas Seoane, procedente do Antas, co que xogou na Segunda Futgal malia a estar aínda en idade xuvenil. Afrontará o seu primeiro ano sénior. Fichaxe de quilates para o Outeiro de Rei coa chegada de Kevin Pierre. Chega procedente do Pol, e conta con experiencia no Riotorto, Meira ou Ribadeo.
O Brollón renova ao seu capitán Miguel, que cumprirá os corenta na vindeira campaña e sumará vintedous anos consecutivos no conxunto dos Medos. Outro conxunto que está a reforzarse de cara ao próximo curso é o Chantada Atlético. Chegan ao Sangoñedo Iker Moure, procedente dos veciños da SD Chantada e Sandro, procedente da Sarriana B.
Un chanzo máis abaixo, o Mondoñedo reforza a súa parcela defensiva con dúas novas incorporacións. Miguel Barreira retorna ao Viñas da Veiga logo do seu paso polo Lourenzá e dun ano alonxado dos terreos de xogo. Tamén xogará no cadro mindoniense o xove zagueiro Iago Pena, procedente do Lourenzá, futbolista que finalizou a súa etapa formativa, pero que gozou de minutos no primeiro equipo durante os seus anos no xuvenil. O pichichi da pasada temporada, o All Star Javi, e Álex Gacio continuarán unha campaña máis no Mondoñedo.

Outro recén ascendido a Segunda Futgal, o Catro Roldas asinou a contratación de Gabeiras, procedente do Rioaveso, conxunto no que xogou as últimas tres temporadas. Continuará no equipo adestrado por Suso Coto o atacante Danny Yáñez. O terceiro conxunto que acadou o ascenso a Segunda, o Abadín, tamén conta con novidades. Incorpora ao seu cadro de xogadores a David Permuy, futbolista procedente da Residencia, onde militou as últimas tres temporadas. O de Oreiros tamén xogou anteriormente no extinto Cospeito. Pola contra, causan baixa Chupi, Carra, o polifacético Cristian, xogador habituado a compatibilizar a portería e a dianteira do seu equipo, e Carreiras, que deixa o club logo de dezaseis temporadas.
O Paradela segue reforzándose coa chegada de Carlos López ‘Barán‘. que volve ao club que capitaneou durante catorce temporadas, Iván Carnero, que chega desde o Incio e de Yonier Muñoz, procedente da Sarriana B. Á Piringalla chegan catro futbolistas: Rodri, procedente do Páramo e formado na base do CD Lugo e Residencia, Erik que procede do Meira, Manu, canteirán da Residencia e Brandon, futbolista que adestrou co club capitalino a pasada campaña.

