Anxo, nova fichaxe do Burela

Anxo (Burela): «O club está preparado para seguir na Preferente»

No Campus Futbolinlugo Burela Bonita sempre hai grandes figuras xunto aos cativos que veñen a mellorar a súa calidade futbolística. Un deses referentes foi Anxo, que acaba de firmar polo conxunto da Marosa para ser un dos nomes prometedores do proxecto de cara á loita pola permanencia na Preferente.

Chega desde o Ribadeo, onde fixo unha entrada no fútbol sénior desas que deixan unha gran pegada na provincia. Xa sendo xuvenil, marcara 17 goles en dúas campañas na Primeira Futgal co Foz, pero neste último curso asentouse na titularidade dun dos candidatos ao ascenso e conseguiu marcar 14 tantos. Un talento moi prometedor que vai dar moito que falar de aquí ao futuro.

Futbolinlugo: Que tal foi a experiencia na pasada campaña no Ribadeo?

Anxo: Foi moi enriquecedora. Aprendín moitísimo dos compañeiros dentro dun equipo espectacular. Agora é turno de cambiar de aires para seguir mellorando, que é o obxectivo sempre.

«A oferta do Burela era irrexeitable»

F: Foi difícil tomar a decisión de fichar polo Burela? Había outras noivas?

A: Ao final a principal opción era quedar en Ribadeo polo grupo que había, pero a oferta do Burela era irrexeitable desde o primeiro momento. Agora teño moitas ganas de que chegue xa o inicio da tempada.

F: Din sempre que a segunda tempada despois dun ascenso é a máis difícil. Pode volver a salvarse o Burela?

A: Si. Falando coa directiva temos mellor plantilla que o ano pasado e os compañeiros xa coñecen a Preferente. Por instalacións e por sistema, o club está preparado para aguantar na Preferente outra campaña máis.