Diario dun Mercado. Episodio 530
-
Eros López | 23/07/2026
- 0
- 3min de lectura
O Diario dun Mercado de Futbolinlugo fai unha ruta máis estreando unha nova decena. Os equipos seguen consolidando os equipos cos que queren que as súas afeccións soñen por acadar os seus obxectivos. Hai regresos á provincia, xogadores que renovan para seguir escribindo a súa historia dentro dun club, novas incorporacións e incluso movemento nos bancos. Xa falta menos de mes e medio para que volva o fútbol aos campos, pero o mercado segue no seu ritmo.
A nosa viaxe comeza na Terceira RFEF cun equipo que está establecendo as bases dun proxecto de moita ilusión. A Sarriana firma a Álex Pérez, que xa fora diferencial na categoría onde conseguiu o ascenso co Racing Villalbés. Tamén xogou no Coruxo e na última tempada no Bergantiños. Tamén xogará na Ribela o gardameta Diego Domínguez, que militou no Sporting Atlético xuvenil, e Andoni Pérez, que conta cunha breve estadía en Galicia co Ourense CF e que chega despois de ascenderco Portugalete. No Viveiro tamén hai unha noticia importante, xa que o internacional con Galicia Ayoub seguirá mantendo a cero a porta de Cantarrana.
Na Primeira Futgal, as novidades van en dirección A Mariña. Álex Meitín cumprirá a súa quinta campaña no Pepe Barrera. No último curso foi quen de marcar 17 goles, a maior cifra de toda a súa carreira con 30 anos e desputando máis de 2.600 minutos. Tamén hai novidades nun ascendido como o Folgueiro. A súa liña defensiva seguirá contando con Schuster e Paguato un curso máis e co obxectivode salvar a categoría.
Viramos cara a Segunda Futgal onde hai unha novidade no sur e outra no norte. O mercado indica que o dianteiro Óscar xogará no Pastoricense, mentres que no Ferreira contarán unha campaña máis con Chivi.

Por último, o traxecto do Diario dun Mercado fai dobre parada na Terceira Futgal. No Pol B, Basi será o seu novo adestrador e voltará a contar ao seu carón con Iago Fernández, que dirixirá ao cadete e fará as labores de analista no primeiro equipo. Por último, imos cara un dos equipos de recente creación para esta tempada. O Río Ouro ficha a Izan Loredo, formado na base do Burela e que na pasada campaña xogou no Celta Barreiros.