- O conxunto ulloán impúxose por 3-1 nunha final disputada en Taboada que quedará na memoria das dúas afeccións
A Medela foi testemuña dunha final de Copa Deputación Femenina que o Antas resolveu con contundencia fronte á Milagrosa. Un 3-1 que non reflicte con exactitude o equilibrio que houbo durante boa parte do encontro, pero que premia a capacidade das ulloanas para golpear nos momentos decisivos.
O partido non arrincou á hora prevista. A alerta laranxa por altas temperaturas obrigou a desprazalo das 18:00 ás 20:00 horas, un cambio que non afastou ás afeccións das bancadas de Taboada, presentes desde o principio para arroupar aos seus equipos.
Os primeiros minutos foron de tanteo. Ningún dos dous conxuntos quería abrir espazos nin asumir riscos innecesarios, e o partido transcorría con moita atención táctica por ambas partes. Foi nun saque de banda parado, no minuto 6, cando Gabi apareceu libre de marca dentro da área e resolveu con precisión para adiantar ao Antas.
A Milagrosa non se descompuxo tras encaixar o gol. O equipo de Héctor Expósito sostivo o tipo e foi capaz de igualar antes do descanso: Rebeca aproveitou un mano a mano para bater á gardameta rival e deixar o marcador en táboas ao paso polos vestiarios.


Na segunda parte, as ulloanas saíron con outra intensidade. O Antas exerceu un maior control do xogo mentres a Milagrosa apostaba polo contragolpe como principal vía de facerlle dano ao rival. Nunha desas saídas rápidas chegou a ocasión máis clara para as capitalinas: penalti a favor que Irene se encargou de lanzar, pero Xanaia adiviñou a intención e detivo o disparo. O que puido ser o 1-2 quedou en nada.
A parada foi un punto de inflexión. Case de inmediato, Nuria aproveitou a desorganización defensiva das milagrosistas para facer o 2-1. A partir de aí, o Antas administrou ben a vantaxe e non lle deu opción á reacción á Milagrosa. A cinco minutos do final, Melanie rematou un mal despexe da defensa para establecer o 3-1 definitivo.
O título chega nun momento especialmente significativo, xa que as dúas finalistas coincidirán a vindeira temporada en Primeira Futgal tras o recente ascenso da Milagrosa. O que hoxe foi rivalidade copeira converterase en ligueira a vindeira tempada.

