Lemos B e Guitiriz afrontan esta fin de semana a volta da primeira eliminatoria da fase de ascenso á Primeira Futgal. David Díaz marcou o único tanto dos lucenses na ida. O gol permitiulle ao filial lemista reducir diferenzas co Pino nos intres finais do seu partido (2-1).
Mentres tanto, o Guitiriz non encaixou ante o Xuventude Dorneda (0-0) e todo se decidirá no Suso Cruz. Cómpre lembrar que no caso de que as eliminatorias cheguen igualadas ao final destes segundos 90 minutos, haberá prórroga. Se persiste o empate global, o pase decidirase nos penaltis.
Lemos B e Guitiriz son os únicos conxuntos que quedan en competición na Segunda Futgal, logo de que o Xermade saíse campión da Copa Deputación.
Se fosen quen de superar esta primeira eliminatoria, citaríanse na final por subir. Esta situación aseguraría un ascenso lucense á Primeira Futgal, pero tamén impide que poidan ser dous. Esta última circunstancia, xunto con este sistema de competición, provoca que os equipos lucenses teñan menos posibilidades de escalar divisións.

A Pinguela quere ser o escenario dunha remontada
O Lemos B perdeu por 2-1 ante o Pino no campo de Reboredo, situado en Arca, localidade coñecida por ser paso asegurado dos roteiros máis pateados do Camiño de Santiago.
A parada do Lemos B alí, non foi para tomar un respiro, pero saíu con forzas para tratar de chegar á meta. A volta xógase este domingo ás 12:00 h na Pinguela, que vén de acoller a cita do primeiro equipo na súa promoción á Terceira RFEF.
Con 14 xogadores se presentou o filial lemista en campo rival por mor de sancións, lesións e a convocatoria tamén de Dani Blanco co primeiro equipo. Nada máis comezar o partido, O Pino marcou un gran gol. Jorge puxo por diante aos seus coa repercusión que ten o de facelo tan cedo.
O locais dominaron e xeraron perigo para ampliar a vantaxe. Logo da pausa para o grolo, o Lemos B intentou equilibrar máis as forzas e ubicouse máis no encontro.
No segundo acto, o filial lemista saíu con ganas de intentar igualar. Novamente, os locais impuxéronse. Crearon boas oportunidades e puideron aumentar en gran medida a súa vantaxe. Marcaron o segundo a través de Lucas Lareo, pero non estiveron máis atinados.
Na recta final, o Lemos B deu un último empurrón. Chegou con máis claridade a área rival e buscou o tanto. Nos últimos intres, un penalti transformado por David Díaz permitiulle reducir a distancia, salvar o resultado e chegar con opcións a Pinguela. É o sétimo gol do curso para o dianteiro monfortino.

O Guitiriz quere darlle a volta a torta
O Suso Cruz acollerá este domingo ás 17:30 h a volta das semifinais polo ascenso á Primeira Futgal. O Guitiriz non precisa remontar como tal o resultado, xa que vén igualado, pero si que tratará de ser máis superior ao rival do que o foi na ida. De aí a brincadeira do titular, xa que o encontro coincidirá no mesmo día que o concello guitiricense exalta un dos seus doces máis típicos: a Torta de Millo.
Os pupilos adestrados por Jose si competiron na Marola, no concello de Oleiros. Con todo, tiveron fortuna para deixar a portería a cero. O Xuventude Dorneda, herdeiro do CD Dorneda que chefou a Terceira División hai 15 anos, levou o dominio do balón e xerou perigo a balón parado. O Guitiriz pechouse en bloque medio e intentou saír en transicións rápidas, pero só o conseguiu cando Brais dispuxo dun man a man no que non estivo atinado.
No segundo acto, o Guitiriz asomou algo máis ante a área rival cunha gran ocasión de Juan a pase de Asier. Conforme foi avanzando o tempo, o Xuventude empurrou máis e acabou o encontro en campo rival. O gardamallas Jesús realizou boas intervencións e o marcador non se moveu.

