Cos encontros desta fin de semana, o fútbol feminino lucense puxo o punto final á tempada. Última xornada en Primeira e Segunda Futgal que rematan cun sabor agridoce. O Antas quedou ás portas do play-off de ascenso á 3ªRFEF, a Milagrosa clasificouse para a fase de promoción sen necesidade de xogar e o San Lázaro pechou o curso cunha dura derrota ante o campión da categoría.
O Antas queda a un paso do premio tras caer ante o Rosalía
O Antas non puido culminar o soño do play-off e despediu a liga cunha derrota por 1-0 no campo do Rosalía. As xogadoras de Óscar Méndez chegaban ao encontro tras disputar apenas dous días antes o partido aprazado fronte ao Sporting Burgo, ao que superaran con claridade por 6-1.
A pesar do desgaste acumulado, o conxunto ulloán saíu ao terreo de xogo con personalidade e acompañado por numerosos afeccionados desprazados desde A Ulloa. Durante boa parte da primeira metade, as lucenses foron superiores e conseguiron encerrar ao Rosalía no seu campo. As ocasións sucedéronse e incluso reclamaron un posible penalti tras un balón que impactou no brazo dunha defensora local, aínda que a colexiada non sinalou nada.
O dominio visitante mantívose durante moitos minutos, pero o esforzo realizado nas últimas horas e as altas temperaturas foron pasando factura. Co paso do encontro, o Rosalía foi medrando e atopou o premio nunha acción na que Candela quedou soa diante de Xanaia para marcar o único tanto do partido.

Lonxe de renderse, o Antas buscou ata o final un empate que lle permitise seguir soñando, pero a igualada non chegou. As celestes conclúen así unha notable campaña cun meritorio cuarto posto, quedando moi preto de acceder á promoción de ascenso. Porén, ao conxunto ulloán aínda lle queda un título polo que loitar, a Copa Deputación, precisamente ante a Milagrosa.
A Milagrosa accede ao play-off sen necesidade de competir
A xornada deixou unha excelente noticia para a Milagrosa. O encontro que debía disputar fronte ao Esteirana non chegou a celebrarse debido á obrigada retirada (por sanción) do conxunto muradán, o que confirmou a presenza das lucenses no play-off de ascenso á Primeira Futgal.
Despois dunha segunda volta moi sólida e de varias semanas asentada nos postos altos da clasificación, a escuadra dirixida por Héctor Expósito terá agora a oportunidade de loitar por dar o salto á categoría de prata do fútbol feminino galego.
O Muxía non dá opción a un San Lázaro moi condicionado polas baixas
O San Lázaro pechou a temporada cunha derrota contundente por 7-0 no campo do Muxía, campión da categoría. O equipo lucense presentouse ao encontro moi minguado debido ás baixas e só puido contar con dez futbolistas para afrontar o compromiso.
As locais aproveitaron a súa superioridade e demostraron desde o inicio por que rematan a liga no máis alto da táboa. María de la Barca e Eva Lema converteron seis dos sete tantos dun Muxía que foi claramente superior.
A pesar das dificultades, o San Lázaro intentou competir ata o final nun encontro moi esixente tanto polo nivel do rival como polas circunstancias coas que afrontou a última cita da temporada.


