#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Xermade, campión da Copa por primeira vez

  • Álex Gimeno marcou o único gol do partido ante o Ferreira
  • Despois de tres finais perdidas, a Copa viaxou para Xermade

O Xermade é o campión da Copa Deputación de Lugo da Segunda e da Terceira Futgal 2026. Venceu ao Ferreira no Sangoñedo de Chantada pola mínima e alzou o primeiro trofeo copeiro da súa historia.

Foi unha final desputada entre dous equipos similares no fondo. Ambos os dous conxuntos presentáronse cunha idea consolidada nestas últimas tres tempadas. Tanto Borja Bouza, adestrador do Xermade, coma Manu Rodríguez, técnico do Ferreira, levan tres anos nos seus respectivos clubs.

A mistura de futbolistas veteráns con xente nova é unha característica que define aos dous cadros de xogadores. Todo isto se reflectiu no escenario de xogo, onde os dous equipos estiveron apoiados por cadansúa afección, a pesar de que, neste caso, o desprazamento beneficiaba aos de Ferreira. 

Os primeiros minutos foron de tanteo, de coñecer as intencións do rival. O Ferreira tratou de manexar o balón, pero sen xerar grandes ocasións de perigo.

Avanzado o primeiro tempo, Álex Gimeno aproveitou un rexeite para marcar un gran gol pola escadra. Aí o cadro xermadés tivo os seus mellores minutos. Gozou de oportunidades para marcar o segundo, pero o gardamallas Adri García estivo acertado. 

O Xermade non deixou que pasaran moitas cousas no segundo tempo. Non puido ampliar o marcador, pero tampouco deixou que o Ferreira chegase a súa área con facilidade. Enríquez e Fagín intentárono, pero non lograron o tanto do empate. 

Finalmente, quen festexou foi o Xermade. Logo de catro finais desputadas, levantou o trofeo promovido pola entidade provincial. O capitán Esteban, presente xa noutras finais, foi o encargado de subir a copa coas súas mans e contaxiar a festa a todo o club. 

O Xermade estrea o seu palmarés na Copa. Pasa a ter unha, igual ca o seu rival. O Ferreira lograra o trofeo hai 23 anos, precisamente nunha final que se xogara no Municipal de Xermade. Nese ano 2003, o cadro de Pantón lograra dobrete, co ascenso a daquela Primeira Autonómica. 

Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomeamos un xogador destacado de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

O camiño a final de Xermade e Ferreira

O Xermade superou todas as roldas da competición. Na primeira venceu ao Celeiro (1-6); logo o Sanci (0-2); despois ao Muimenta (0-1); en cuartos impúxose ao Casás (0-3), e en semifinais, por fin xogaron na casa, e venceron ao Sporting Pontenova

O Ferreira presentouse na final, logo de presentar recurso por aliñación indebida do San Roque nas semifinais, que lle gañara no campo. Non obstante, o comité de competición deulle a razón o club do Baliño. Anteriormente eliminara ao Antas (3-0) en dezaseisavos, tras pasar exento a primeira rolda; clasificouse nos penaltis ante o Paradela (1-1; 2-4); e en cuartos volveu botar man das penas máximas para pasar ante o Friol (0-0; 3-4). 

Guitiriz e Lemos B, os únicos en competición

Con este encontro, tan só quedan dous equipos da Segunda Futgal en competición. O Guitiriz e o Lemos B comezaron este fin de semana a fase de ascenso á Primeira. O cadro guitiricense empatou sen goles co Xuventude de Dorneda e o filial lemista perdeu 2-1 co Pino. A vindeira finde xogarán a volta nas súas respecticas casas. De pasar esta primeira eliminatoria, os dous lucenses citaríanse na final, reducindo así a participación de clubs da provincia na Primeira. Feito que xa anunciamos no seu momento en Futbolinlugo co novo formato de competición aprobado en 2024.

O Xermade, campión da Copa por primeira vez

Chegan os play off!!