O Racing Villalbés celebra a súa vitoria

Sarriana e Racing Villalbés suman algo máis que tres puntos

O Trío de Ases O Cantón tivo como protagonistas ao Racing Villalbés e á Sarriana nesta fin de semana. Os chairegos lograron voltar aos postos de promoción tras vencer ao Cambados, mentres que os de Dani Giménez saen do descenso ao gañar ao Bergantiños. Viveiro, Lugo B e Pol lograron sumar un punto, mentres que Lemos e Burela caeron e terán por diante finais para acadar os seus obxectivos.

A Sarriana sae dos postos de descenso

A Sarriana acadou unha vitoria ante o Bergantiños por 0-1 que ben vale o seu peso en ouro. Os de Dani Giménez non puideron arrincar dunha mellor forma o encontro. No minuto 7, unha combinación propia dun videoxogo entre os lucenses rematou nun tacón de Millán para que Berardozzi fusilase a Santi Canedo. O gol obrigou a dar un paso aos do chairego Simón Lamas e Diego topouse con Fernando cando ía a polo empate.

Na segunda parte, á Sarriana tocoulle resistir os envites do cadro local. Fernando tivo que actuar en varias ocasións para deixar a súa portería a cero e a defensa tivo que achicar moita auga. Pese a iso, Villaverde estivo moi preto no minuto 70 de poñer a sentencia ao encontro. Ao final, o esforzo valeu a pena e os tres puntos foron para A Ribela antes dun partido ante o Marino de Luanco que ten tintes de final.

O Racing Villalbés volve aos postos de promoción

O Racing Villalbés fixo os deberes na Magdalena para vencer ao Cambados por 2-0 e voltar aos postos de promoción de ascenso. Foron os visitantes os que colleron o mando do encontro e os que ameazaron con abrir o marcador nunha dobre ocasión na que Rodri e Dieguito se toparon cos paus da portería de Santomé. Cando peor pintaban as cousas, unha xogada pola dereita no minuto 32 chegou a Pablo Trigo, que foi quen de superar a David para abrir o marcador.

Ese tanto deulle máis forza ao conxunto que dirixe Juan Rodríguez para ser aínda máis fortes no seu entramado defensivo e non conceder oportunidades. Todo con dous nomes importantes da base como Edu Reigosa e Gael dando moita forza nesa zaga chairega. No minuto 69, Pablo Trigo aproveitaría un penalti para poñer o segundo tanto e, pouco despois, Santomé pararíalle un a Noel Chaves para dar a tranquilidade necesaria para a vitoria final.

Empates de tranquilidade

O Viveiro foi de menos a máis para sumar un punto ante o Somozas nun choque que rematou co 1-1 no electrónico. Unha perda no centro do campo á media hora de encontro depararía nun un contra un onde Iñakí Leonardo definiría para abrir o marcador. Seis minutos despois, un remate espectacular de Lansade remataría nun rexeite que aproveitaría Manu Martín para empatar. Os mariñáns tiveron oportunidades para gañar na segunda parte, pero non concretaron.

O Lugo B igualou ante o Gran Peña nun encontro que, pese a que ambos conxuntos tiveron grandes oportunidades para marcar, non tivo movemento no marcador (0-0). Hugo García tivo a mellor ocasión do encontro no minuto 34 cun disparo que bateu no poste. Na segunda parte, o cadro vigués mellorou e tivo oportunidades, pero Aday, Hugo Díaz e Pascu tiveron o gol da vitoria no tramo final do encontro

O Pol tamén se une aos equipos que só puideron sumar un punto, 1-1 ante o Cidade de Ribeira. Alesito e Omar estiveron preto de abrir a lata con tres mans a mans que non convertiron, pero na media hora o Pol adiantaríase cun tanto en propia porta. As baixas lastraron aos de Labrada, o que sumado á lesión de Omar deixou todo moi xusto ata que Mouhamed convertiría o empate tras unha xogada de estratexia.

Golpes moi duros en forma de derrota

O Lemos deuse un golpe duro en Xinzo de Limia ao caer ante o Antela, un dos seus rivais directos pola promoción, por 2-1. Os pequenos detalles fixeron que cada erro penalizase e os monfortinos tiveron máis na primeira metade. Carlos López e Negrete deronlle dous tantos aos locais aos vinte minutos de que comezase o encontro. A pesar de que Fito deu unha reacción rápida, os de Marquitos non puideron definir para igualar o encontro.

O Burela tamén caeu na súa visita ao Betanzos por 1-0 nun encontro no que os mariñáns mereceron máis, sobre todo no segundo tempo. Todo se decantaría cun penalti no minuto 6 que transformaría Martín Lago, pero os de Julio Castro mereceron un maior botín. Tiveron moi boas oportunidades na segunda metade, pero non puideron converter. O bon foron as sensacións que deixan de cara as últimas cinco finais.

Foto do Instagram do Racing Villalbés.