#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

As Valgas, o esceario dunha final pola permanencia

É a xornada vintenove, e aínda quedarán cinco encontros por disputar, pero a situación clasificatoria de Iberia e Taboada, último e penúltimo respectivamente, convida a que o domingo ás 17 horas, as Valgas alberguen un partido con auténtico sabor a final. Arbitrará o colexiado Álvaro Valín.

O Iberia chega ao encontro na derradeira praza da clasificación con vintecatro puntos, a catro da permanencia que marca un Xove Lago que iguala a puntos co Lourenzá. Os de San Miguel acumulan unha xeira moi negativa, cunha soa vitoria nos últimos once encontros, nos que só foron quen de sumar catro puntos, feito que os levou dunha situación relativamente cómoda na clasificación a ter que afrontar este encontro coa urxencia vital de sumar os tres puntos. Os de Moro, que retornaron esta campaña á Primeira Futgal dez anos despois, prometen vender cara a súa pel. Así lucían As Valgas antes do derradeiro adestramento para o encontro.

Pola súa banda, o Taboada visita o campo do Iberia cun punto máis e un posto por enriba dos barreirenses. O partido servirá de estrea de Andrés Fernández no banquiño en sustitución de Martín Murado. O técnico, nado en Taboada, conta con traxectoria no fútbol castellonense chegando a adestrar ao filial do CD Castellón. O técnico partirá co obxectivo primordial de acadar a permanencia na Primeira Futgal, categoría que nos últimos dezaseis anos só abandonou unha temporada para xogar na Preferente.

O último enfrontamento entre Iberia e Taboada nas Valgas data do 1 de febreiro de 2015. Daquela o encontro rematou cun empate a un. O focego Aitor anotou para o Iberia e Emilio, un mito dos da Medela, fixo o tanto do empate.

Falamos con con Dani Prieto, xogador do Iberia, supervivinte daquel encontro de fai once anos, e con Martín Vázquez ‘Martuno‘, un dos futbolistas máis destacados do Taboada nesta campaña.

OS PROTAGONISTAS

Dani Prieto (Iberia)

O encontro. «Tal e como estamos a estas alturas, o partido é unha verdadeira final. Se gañamos enganchámonos á pelexa e se perdemos estamos descendidos ou case. A clave para sumar os tres puntos pasa porque cada un de nós loite cada balón como se fose o último. Temos que dar o mellor de nós mesmos. Se o facemos, estou seguro de que gañamos o partido, xa que, calidade temos de sobra«.

Os motivos da mala xeira. «Creo que aínda estamos pagando a pouco experiencia na categoría, xa que, a nivel individual temos un cadro de xogadores con nivel para estar na metade da táboa sen ningún problema. Sen embargo, como equipo non competimos como esta categoría require e a clasificación así o demostra«.

O factor campo. «Está todo moi apretado e gañar un partido sitúate na pelexa e perder deixate sentenciado. Agora é cando temos que amosar as ganas de permanecer na categoría e temos que deixar todo no campo, xa que temos dous partidos como locais contra rivais directos: Taboada e Lourenzá. Coa axuda da afección, que nunca nos deixa de lado, imos sacalos adiante«

Martuno (Taboada)

A visita ás Valgas. «Imos con moita ilusión e enerxías renovadas A chegada do novo míster achéganos novos conceptos estamos máis motivados e todos queremos demostrar e sentirnos importantes. O equipo está convencido e cre na salvación. Sumar os tres puntos en San Miguel pasa por facer un partido moi serio en defensa e moi concentrados nos pequenos detalles. Debemos aplicar o que levamos traballando estas dúas semanas«.

As dificultades da temporada. «Tivemos moitas baixas durante boa parte da temporada, pero tampouco o quero poñer como excusa. Creo que nos faltou propoñer máis en canto a xogo e a preparación física tampouco foi a mellor. Aínda así, estou convencido que o fútbol, e máis nestas categorías, son dinámicas e resultados, e estes non nos acompañaron«.

O grupo. «Creo que é a nosa principal baza. Somos un grupo extraordinario e temos un orgullo moi grande de xogar pola nosa xente e pola nosa vila. Nese aspecto somos o mellor equipo da liga de seguro. Agora recuperamos xogadores diferenciais en todas as liñas e estamos concienciados das seis finais que temos por diante«.

A AXENDA

Terceira RFEF Feminina

PM Friol – Domaio (Domingo ás 17 horas na Reigosa): as locais queren sumar os tres puntos para asaltar a segunda posición, diante dun rival que ocupa praza de descenso.

Primeira Galega Feminina

Antas – Arenteiro (Domingo ás 17:30 horas no Castro Seoane): as da Ulloa son terceiras e teñen o obxectivo de achegarse ao liderado. Reciben a un Arenteiro situado na zona media da clasificación.

Terceira RFEF

CD Lugo B – Gran Peña (Sábado ás 18:45 horas na Cheda): o filial albivermello é duodécimo na táboa clasificatoria, pero a só cinco puntos do play off de ascenso. O rival conta cun punto máis. Unha vitoria permitiríalle aos de Dani Galán soñar coa quinta posición.

Racing Vilalbés – Xuventude Cambados (Domingo ás 12 horas na Madalena): logo sumar cinco puntos nas últimas oito xornadas nas que non acadaron a vitoria, os chairegos buscarán un triunfo que os meta novamente en zona de promoción de ascenso. Enfronte un Cambados que ten un punto de marxe sobre o descenso.

Primeira Futgal

Foz – Chantada (Domingo ás 12 horas no Martínez Otero): un triunfo do Chantada serviríalle aos de Traste para ser novo equipo de Preferente logo dunha temporada sobresaínte. Un empate ou unha derrota obrigaría ao Chantada a aprazar cando menos unha semana a celebración. O Foz precisa unha vitoria para non verse en apuros para manter a categoría.

Segunda Futgal

Páramo – Chantada B (Domingo ás 17 horas nas Rapadas): dous conxuntos que buscan fuxir do descenso. Os visitantes contan cun punto máis, pero ámbolos dous chegan nun bo momento.

As Valgas, o esceario dunha final pola permanencia

A Copa en imaxes: Friol-Ferreira e San

As Valgas, o esceario dunha final pola permanencia

As Valgas, o esceario dunha final pola