Semana de 6 puntos para o Chantada B
-
Iván Calaza | 02/04/2026
- 0
- 19min de lectura
O Xoves Santo serviu para recuperar tres partidos máis daquela xornada aprazada de finais de xaneiro. O triunfo máis importante logrouno o Chantada B. O filial chantadés venceu ao San Roque (1-0) cun gol de Jorge Riocabo na recta final do encontro. Cos tres puntos, suma 29 e queda 11º, próximo aínda as posibles posicións de arrastre, pero a seis do descenso directo.
Damián e Jorge foron os sobranceiros no filial, mentres que o xuvenil Xoán realizou un gran encontro no San Roque. O cadro visitante viuse lastrado pola expulsión de Hugo Corredoira ao inicio do segundo tempo.
No norte, o Sporting Pontenova perdeu co Goiriz (3-1) e continúa na 13ª posición, a tres puntos do Casás. Agora mesmo, o posto do club pontenovés non é de arrastre, pero non está libre de selo.
Nico Santomé luciuse no Goiriz ao asinar un novo hat-trick. O dianteiro acumula 15 goles no que vai de lliga. Nos visitantes, Alesuco e Carlos volveron ser do máis destacado nos visitantes.

Tamén se xogou o Sanci 1-3 Celta Barreiros, que deixa ao cadro de San Cibrao na última posición, a un punto de saír do descenso directo, pero para unha praza que si sería de arrastre. A expulsión de Gio antes do descanso tamén condicionou aos locais, xa que naquel momento o resultado era de 1-1.
Os xemelgos Andina e Rocky rendiron a un gran nivel no Celta Barreiros, mentres que Aleixo sacou o pundonor no medio do campo do Sanci.
Con estes tres encontros, a Segunda Futgal norte está ao día. No sur, quedan dous encontros pendentes: a loita polo liderado, Becerreá – Lemos B, e o Monterroso B – Ferreira, que pode ser determinante para os locais na loita pola salvación. Ambos os dous partidos xogaranse o venres 1 de maio.
Para a maioría dos conxuntos quedan 15 puntos en xogo, despois do parón da Semana Santa. As clasificacións divídense en bloques moi marcados, con equipos que quedan sen un gran obxectivo. Lembrade que por segunda temporada consecutiva só o segundo xoga a fase de ascenso. Repasamos a situación en #ONoso11AChaira.
O Guitiriz ocupa o posto de líder cun punto de marxe sobre o Folgueiro, que se sitúa na praza de promoción de ascenso. Sen duelos directos no que queda de liga, o seu bo facer na recta final dictará sentencia. O gol average é favorable ao Folgueiro.
Por detrás, Riotorto e Alfoz agardan o fallo. O Riotorto é terceiro con 48 puntos, a cinco do Folgueiro. Un menos ten o club alfocense que acumula sete encontros consecutivos sen perder.
O Guitiriz sumou tres puntos máis e alcanzou os 54, encadeando a terceira vitoria consecutiva. O Cabreiros é 9º con 37 puntos, situado na zona media, cun punto máis ca o Xermade.
O encontro foi de dominio claro do conxunto local. Levou a iniciativa desde o inicio, xerando situacións de perigo tanto en xogada coma a balón parado. Na primeira metade, xa dispuxo de varias ocasións claras para adiantarse, pero faltoulle acerto na finalización.
Na segunda parte o guión mantívose. O Cabreiros apenas conseguiu achegarse á área rival, máis alá de accións illadas, mentres o Guitiriz insistía unha e outra vez. O gol resistíase, incluso con balóns ao pau e ocasións que non atopaban portería.
O premio chegou no tramo final. Carral rematou de cabeza para romper o empate. Ademais do triunfo, no Guitiriz presomen doutro xogador xuvenil que debutou co primeiro equipo: Sergio Pereira.
O club do Vicedo mantense a un punto do liderado e prolonga a súa xeira de doce partidos sen perder. Continúa invicto en 2026. O Celta Barreiros, ao recuperar o encontro co Sanci, é 7º con 38 puntos e continúa nunha zona media moi igualada, co quinto a cinco puntos.
O partido quedou encarrilado moi cedo. O Folgueiro aproveitou un inicio dubitativo do rival para abrir vantaxe nos primeiros minutos e ir gañando confianza co paso do tempo. Antes do descanso xa deixara o encontro moi de cara, sendo superior en intensidade e acerto. Isma, Lalas e Álvaro marcaron.
Na segunda metade, o Celta Barreiros tratou de reaccionar e deu un paso adiante, chegando con algo máis de perigo, pero sen capacidade para meterse de cheo no partido. O Folgueiro, máis efectivo, ampliou diferenzas por medio de Iago e o segundo de Isma. Só nos minutos finais chegou o gol da honra local por medio do máximo goleador do grupo, Rocky (23 goles).
O Riotorto sumou tres puntos ao superar ao Matela (1-0) e mantense na terceira posición, a cinco do Folgueiro. O Matela continúa en postos de descenso directo, a un do 14º.
O encontro foi aberto e con alternativas. O Riotorto levou máis iniciativa, pero o Matela tamén conseguiu chegar con perigo, sobre todo na primeira metade, onde puxo en apuros á defensa local.
Na segunda parte, o partido mantivo ese intercambio de ocasións. O Riotorto xerou máis situacións claras, mentres o Matela tamén respondeu con chegadas, aínda que con menos acerto na finalización.
O único gol do partido chegou nunha acción lateral. Manu Carreira incorporouse ao remate e cabeceou á rede, dando unha vitoria moi traballada ao seu equipo.
O Alfoz venceu á Candelaria (4-0) e continúa nun gran momento de forma, encadeando sete xornadas sen perder e asentado na zona alta da clasificación. A Candelaria continúa na parte media, 8ª posición, a cinco puntos do 5º.
O encontro disputouse no Municipal de Alfoz, onde o conxunto local levou a iniciativa desde o inicio. Foi superior en intensidade e controlou ben o partido, sen conceder apenas opcións ao rival.
A primeira metade xa deixou ver esa diferenza, cun Alfoz máis sólido en defensa e con maior presenza en campo contrario, xerando chegadas. No primeiro tempo, Dani Jiménez asinou un novo dobrete.
Na segunda parte, o guión mantívose. O Alfoz continuou dominando e acabou atopando o premio en ataque, sendo máis efectivo nas súas ocasións e deixando o partido encarrilado. Adán e Víctor foron os autores dos outros dous goles.
O actual sistema de competición implantado na temporada 2024/2025 impide que equipos que poderían estar pelexando por grandes obxectivos, xa estean nunha zona na que o único que poden ter coma ambición é unha mellor posición. Agora mesmo a 5ª pode ser un reto para varios equipos. Con todo, o Goiriz que a ocupa agora con 43 puntos, aínda podería escalar algunha, ao estar a catro do Alfoz.
Na sexta praza sitúase o Meira con dous puntos menos. A cinco da 5ª, están o Celta Barreiros e a Candelaria. Logo seguen Cabreiros (37 puntos) e Xermade (36 puntos).
Na 11º posto aparece o Pastoricense con 34 puntos. A súa derrota co Casás fíxolle retrasar a súa permanencia oficial, pero moi mal se lle ten que dar para perder a súa posición actual, na que está libre de arrastres.
Precisamente houbo un deses duelos directos polo quinto posto. Meira e Goiriz empataron e quedan agora con dous puntos de diferenza, logo do triunfo do Goiriz no partido aprazado. O cadro meirego leva seis partidos sen perder, idéntica xeira ante os mesmos equipos na primeira volta: cinco vitorias e un empate.
O encontro comezou mellor para o Meira, que se adiantou cun disparo afastado de Mateo tras unha boa primeira media hora. Ademais, tivo algunha opción máis para ampliar diferenzas.
Co paso dos minutos, o Goiriz foi medrando e empezou a xerar perigo, sobre todo a balón parado. Antes do descanso conseguiu igualar o marcador por medio de Lucho.
Na segunda metade, os visitantes puxéronse por diante nunha acción a balón parado cun remate de Canario. O Meira tivo que remar e, no tramo final, atopou o empate cunha vaselina de Sergio.
Os descensos directos dos equipos da Primeira Futgal provocan arrastres no grupo da Segunda a onde caian eses conxuntos. Por iso, a 13ª posición podería ser de descenso en cadea no caso de que dous equipos do norte da Primeira baixen e o equipo que xogue o play off non suba. Por exemplo, se o Folgueiro xogase a promoción e ascendese, liberaría un arrastre.
O Casás conta con tres puntos de marxe e o gol average con respecto ao Sporting Pontenova, que ocupa esa 13ª posición.
O Casás superou ao Pastoricense (2-1). Sumou tres puntos e alcanzou os 27 puntos, queda a sete do seu rival.
O partido comezou mellor para o Casás, que tivo máis presenza nos primeiros minutos e mesmo dispuxo dun penalti que non conseguiu transformar. Maira si inaugurou o marcador.
Co paso do tempo, o Pastoricense foi medrando no partido e acabou igualando o marcador nunha acción a balón parado, tras un córner que rematou Pablo.
Na segunda metade, o encontro mantívose igualado, con alternativas para ambos equipos, aínda que sen demasiadas ocasións claras.
O desenlace chegou xa no tramo final. Nunha acción de transición, o Casás aproveitou un desaxuste defensivo para facer o 2-1 e levar tres puntos moi valiosos. Luis marcou o tanto.
O Sporting Pontenova venceu ao Xermade (1-3). Sumou tres puntos e continúa 13º con 24, tras perder no encontro aprazado co Goiriz.
O Xermade queda 9º con 36 puntos, mantendo a súa posición na zona media.
O encontro comezou con maior iniciativa visitante. O Sporting Pontenova xerou varias ocasións nos primeiros minutos e acabou atopando premio cun gol de Carlos Fernández tras unha boa acción pola banda.
Antes do descanso, o Xermade dispuxo das súas opcións, pero atopouse cun inspirado Presno baixo paus, que evitou o empate con intervencións de mérito.
No segundo tempo, o Sporting Pontenova ampliou diferenzas cun golpeo de falta directa de Alesuco, o seu sétimo tanto desta maneira. Co rival máis aberto, chegou o terceiro, de novo por medio de Carlos, cunha vaselina nun man a man.
No tramo final, o Xermade recortou distancias cun remate de cabeza de Fran García, pero xa sen tempo para cambiar o resultado.
Este titular fala da posibilidade de salvación que teñen os tres últimos clasificados do grupo. O seu ritmo de puntuación é moi baixo, aínda máis se o comparamos co que levan na zona sur. Con todo, o conxunto que finalice na antepenúltima posición podería ter posibilidades de permanencia.
A 14ª posición pode permitir a salvación. Para iso non debería haber arrastres ou como máximo un, e que o equipo que xogue a promoción suba para liberar ese arrastre. O Castroverde ocupa esta posición cun punto de marxe sobre o Matela e o Sanci.
Tiña a opción de saír do último posto. Con todo, a derrota no encontro aprazado co Celta Barreiros impediullo. E iso que chegaba con inercia positiva logo de vencer ao Castroverde por segunda vez na temporada.
O partido quedou marcado desde o inicio. Antes de cumprirse o primeiro minuto, o San Ciprián adiantouse nun saque de esquina en curto, cun remate desde o vértice da área que acabou na escuadra. Autoría de Xoel.
A partir de aí, o Castroverde levou o peso do encontro. Dominou durante moitos minutos e acumulou ocasións claras, incluíndo remates desde fóra da área, accións a balón parado e chegadas dentro da área que non atoparon portería ou se atoparon cun porteiro acertado.
O Sanci, pola súa parte, replegouse e defendeu en bloque baixo, tratando de aproveitar algunha transición, pero sen xerar moito perigo máis alá do gol.
O marcador non se moveu e os locais conseguiron un triunfo de moito valor nun partido no que soubo sufrir.

O ascenso é un asunto de dous
A derrota do San Roque no partido aprazado co Chantada B, deixa a Becerreá e Lemos B virtualmente clasificados, como mínimo, para xogar a promoción. Entre ambos os dous xogaranse o ascenso. O 1 de maio desputarán un partido pendente que ten pinta de que vai ser clave, a dúas xornadas do final. Tan só hai un punto entre ambos.
O Becerreá sumou tres puntos ao gañar ao Portomarín (0-2) e mantense líder con 54 puntos. O Portomarín queda con 32 puntos na zona media, nun tramo da clasificación sen presión inmediata, pero que pode precisar dalgún punto máis para non estar pendente de arrastres nas últimas dúas xornadas.
O encontro mantívose igualado durante boa parte da primeira metade. Ambos equipos tiveron poucas ocasións claras, nun partido condicionado polo ritmo e pola falta de continuidade no xogo.
O guión rompeu preto do descanso. Nunha acción embarullada, o Becerreá conseguiu adiantarse por medio de López. Pouco despois ampliou diferenzas tras unha xogada pola banda que acabou cun remate desde a frontal de Riomao. Dous golpes consecutivos que marcaron o partido.
No segundo acto, o Portomarín deu un paso adiante e tentou meterse no encontro. Tivo algunha chegada, incluído un remate ao pau, pero o Becerreá mantívose firme en defensa e mesmo dispuxo de opcións para sentenciar.
O Lemos B sumou tres puntos ao vencer ao Friol (1-3) e segue segundo con 53 puntos. O Friol queda con 35 puntos na zona media.
O encontro quedou moi encarrilado na primeira metade. O Lemos B foi superior desde o inicio, aproveitando tamén as condicións do partido para impoñer o seu ritmo e xerar ocasións. Adiantouse cedo e, co paso dos minutos, ampliou diferenzas ata marchar ao descanso cun claro 0-3. Un dobrete de Adri Álvarez e outro gol de Pallín.
Na segunda parte, o Friol reaccionou. Recortou distancias nada máis comezar a través de Adri e durante varios minutos conseguiu meter ao Lemos B no seu campo, xerando certa sensación de perigo.
Co paso do tempo, o encontro estabilizouse. O Lemos B soubo xestionar mellor os tempos e mesmo tivo opcións para ampliar a vantaxe, asegurando unha vitoria que reforza a súa candidatura.
Cos dous primeiros escapados, a terceira posición pode ser a ambición competitiva para varios conxuntos. O San Roque ocupa esa praza con 40 puntos, igualado co Santa Comba. A tres puntos deles, está o Ferreira. Despois séguelle un trío de equipos con 35 puntos: Antas, Friol e Sarriana B.
O San Lázaro sumou tres novos puntos ao superar ao San Roque (1-3), volve saír dos postos de descenso directo, que o deixa a tres puntos. É antepenúltimo, posición que agora mesmo sería de arrastre.
O encontro comezou igualado, con ambos equipos buscando o seu sitio no partido. O San Lázaro adiantouse cedo tras aproveitar un erro na saída de balón e Fer levou o balón ao fondo das redes. O San Roqeu reaccionou e conseguiu igualar por medio de Yelko.
O punto de inflexión chegou no tramo final da primeira metade coa expulsión de Vigo, que deixou ao San Roque con dez xogadores.
Na segunda parte, o San Lázaro aproveitou esa superioridade. Volveu poñerse por diante pouco despois da reanudación co segundo de Fer e pasou a controlar o ritmo do encontro. No tramo final, xa co rival volcado, chegou o terceiro por medio de Basadre que sentenciou o partido.
O Paradela sumou tres puntos ao gañar ao Santa Comba (0-3) e dá un paso importante na zona baixa. Conta con 29 puntos, é 12º, posición que agora mesmo non sería de arrastre. Pola súa parte, o Santa Comba continúa nunha dinámica negativa con nove encontros sen gañar.
O encontro estivo condicionado pola situación do equipo local, que tivo que improvisar na portería. Juan Reija colocouse baixo paus ante a sanción de Roy. A primeira metade foi igualada e sen apenas ocasións.
Na segunda parte, o partido rompeu. Dous erros claros na saída e toma de decisións permitiron ao Paradela ampliar vantaxe e sentenciar o encontro. Samos e un dobrete de Camilo protagonizaron os goles.
Antas e Ferreira seguen moi próximos na clasificación tras igualar no seu duelo.
O encontro foi equilibrado na primeira metade, con poucas ocasións e moito xogo directo. O Ferreira adiantouse nun saque de esquina por medio de Chomi, pero o Antas respondeu pouco despois para empatar a través de Hugo.
Na segunda parte, o Antas saíu mellor e conseguiu poñerse por diante con tanto de Jorge. O Ferreira reaccionou e logrou remontar ata o 2-3, nun tramo no que foi máis efectivo. Fagín e Osky marcaron.
Cando o partido parecía decidido, xa no desconto, un penalti transformado por Portu permitiu ao Antas empatar, nun final marcado por esa acción polémica. Anteriormente, Xurxo do Antas tamén tivo que marchar do terreo de xogo por un forte golpe na cara.
A Sarriana B sumou tres puntos ao gañar ao Monterroso B (4-1) e mantense na zona media. Acumula 35 puntos, os mesmos que o Friol e o Antas. Pola contra, queda con 22 o Monterroso B na última posición. Saír do descenso directo está a catro puntos.
O encontro quedou practicamente decidido na primeira metade. A Sarriana B saíu moi enchufada e marcou diferenzas cedo, aproveitando erros do rival para marchar ao descanso cunha vantaxe clara.
Na segunda parte, o Monterroso B deu un paso adiante e conseguiu recortar distancias. Tivo incluso ocasións claras, incluídos varios man a man, para meterse no partido.
Porén, faltoulle acerto. A Sarriana B recompúxose tras ese tramo de dúbidas e, xa no tempo engadido, fixo o cuarto gol para pechar definitivamente o encontro.
A loita pola permanencia na Segunda Sur é un dos maiores atractivos competicionais na provincia, debido ao número de equipos implicados. O Palas (33 puntos) e o Portomarín (32 puntos) están en boa posición, pero coma comentamos, precisarán dalgún punto máis para non pasar apuros nas últimas dúas xornadas.
Logo hai seis equipos en sete puntos. Agora mesmo descenderían catro. Hai que ter en conta sempre que a circunstancia dos arrastres cambia semana a semana. Ademais, por exemplo, se o Lemos B xoga a fase de ascenso e sobe, liberaría un arrastre.
O Chantada B e o Paradela están igualados a 29 puntos. Un menos ten O Páramo (28) e con 26 conta o San Lázaro. En descenso directo o Sober ten 23 e o Monterroso B, 22, pero cun partido menos.
Por segunda vez na temporada, O Páramo logrou unir dous triunfos consecutivos. Venceu ao Palas (2-1) e sumou tres puntos moi importantes para lograr a salvación. É 13º, posición que agora mesmo sería de arrastre, pero esta situación non é definitiva. Ademais, queda a cinco do seu rival, que non debería pasar apuros, pero libre de todo aínda non está.
A primeira metade foi pechada e con poucas ocasións. O partido xogouse máis no erro que na elaboración, e foi o Palas quen se adiantou tras un fallo na portería local.
Na segunda parte, o Páramo deu un paso adiante en intensidade. Sen dominar con claridade, levou o partido ao seu terreo e atopou o premio en dúas accións a balón parado, nas que aproveitou erros defensivos para darlle a volta ao marcador.
A partir de aí, controlou o encontro sen excesivos apuros e mesmo tivo opcións para ampliar a vantaxe.
O Chantada B sumou tres puntos ao vencer ao Sober (3-0) e alcanza os 26 puntos, nunha zona baixa moi igualada e condicionada polos arrastres. Os tres puntos a maiores do seu partido aprazado fano un rival que chega en forma ao tramo final do curso.
O Sober continúa en postos de descenso directo, agora a tres do San Lázaro.
O encontro quedou encarrilado cedo. Miguel abriu o marcador nos primeiros minutos e, antes do descanso, Brais Cuñarro ampliou diferenzas tras unha boa acción combinada.
Na segunda metade, o Sober intentou reaccionar e deu un paso adiante, pero non estivo acertado nas súas ocasións. O Chantada B, máis efectivo, pechou o encontro co gol de Efrén.
