#Sin categoría

O Rubián xogará en Segunda Futgal, Rioaveso e Piringlla ao play off

Chega o último Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia da fase regular na Terceira Futgal. A derradeira xornada tivo máis emoción nun grupo sur no que faltaba por decidir a segunda praza de ascenso directo. O Rubián sacou os tres puntos fronte ao Incio e xogará en Segunda Futgal, deixando ao Taboada B na terceira posición. A Piringalla ocupará o último dos postos de play off.

No grupo norte quedaba por decidir a sexta praza pola que pelexaban Rioaveso e Pol B. Os vilalbeses venceron ao Cazás e xogarán a promoción. O Mondoñedo rematou a liga invicto tras derrotar no Viñas da Veiga ao Catro Roldas, nun choque entre ascendidos.

GRUPO NORTE

O Mondoñedo vence ao Catro Roldas e non estrea o casilleiro de derrotas (2-1). Temporada pra enmarcar do cadro mindoniense, que rematou cun ascenso e sen coñecer a derrota e que foi agasallado polo Catro Roldas co tradicional pasillo. Nun encontro no que ámbolos conxuntos partían co obxectivo cumprido, o encontro foi intenso e competido. O dominio foi alterno, aínda que sempre o Mondoñedo foi quen levou máis a iniciativa do xogo. Javi abriu o marcador logo dunha boa combinación e o Catro Roldas igualou ao convertir Samu unha pena máxima. No segundo tempo o Catro Roldas buscou xerar perigo á contra e o Mondoñedo chegou á portería dun inspirado Carmelo con certo perigo. Malia todo o Mondoñedo tivo que agardar ao desconto para facerse coa vitoria con outro gol do pichichi Javi.

O Pol B queda sen o premio do play off tras igualar no Pichón fronte ao Muimenta (1-1). Encontro no que poñía moito máis en xogo o cadro visitante. Os de Luis Romay precisaban un triunfo para optar a poder xogar a promoción de ascenso e saíron ao campo propoñendo un fútbol combinativo que o Muimenta logrou dificultar cunha boa presión. Aínda así o filial contou con algunha ocasión de gol que non foron quen de concretar. No segundo tempo o Muimenta baixou un pouco a presión e logrou adiantarse tras varios despexes errados dos visitantes que culminou un Nacho que todos os goles que marcou na competición o fixo diante do Pol B. Os de Luis Romay lograron empatar cun tanto de Kevin e buscaron o gol da vitoria con certa precipitación no tramo final.

O Rioaveso vence en Paraños ao Cazás e logra o pase á promoción de ascenso (3-1). O cadro local saiu ao campo disposto a certificar o seu pase ao play off e foi quen de adiantarse axiña cun tanto de Javi Cabarcos que lanzou desde a frontal e superou a un desacertado Fernando. A partir de aí o Cazás foi mellor. Dominou o centro do campo e gozou dalgunha oportunidade. Os xermadinos lograron o empate cun bo gol de Mateo Rouco e os seus puideron ir por diante no tempo de lecer. A segunda metade comezou cun arreón local. Javi Cabarcos aproveitou a saída de Fernando para deixarlle en bandexa o gol a Noé González. Co paso dos minutos as forzas foron a menos, pero o Cazás aínda tivo algunha opción de empatar. Na recta final sentenciou David Piñeiro cun lanzamento desde campo de seu que sorprendeu ao gardameta Fernando.

Once inicial do Rioaveso no día que certificou o pase ao play off polo ascenso

Roupar e Abadín igualan nun encontro sen nada en xogo (2-2). Comezou mellor o Roupar que foi quen de xerar varias ocasións, principalmente nas botas de Paco, quen marcou o primeiro tanto do partido. O Abadín xerou perigo a balón parado e nun rexeite tras un saque de esquina o colexiado indicou penalti, que transformou o debutante Tucho, que fichou no Abadín procedente do Lourenzá. No segundo tempo o encontro seguiu a mesma tónica e foi o Roupar o que logrou adiantarse cun tanto de Anxo a servizo de Paco. O Abadín logrou empatar nunha xogada embarullada na que Ferre enviou o balón ao fondo da portería. Nos últimos intres ámbolos conxuntos gozaron de ocasións para levar os tres puntos.

A Comercial despide a temporada regular con bo sabor de boca logo de golear ao Celeiro (5-1). O encontro foi de claro dominio local e no que a Comercial soubo aproveitar as ocasións das que dispuxo. Soto Spuch, Andrés e Nico deixaron o encontro visto para sentencia antes do descanso. O Celeiro, moi curto de efectivos, non foi quen de meterse no partido e Dani, xa no segundo tempo, sentenciou con dous novos tantos. Xa no tramo final Fran maquillou o marcador.

GRUPO SUR

O Corgo vence na Carqueixa e remata coas opcións de play off do Río Sil (2-3). Os locais estaban obrigados a gañar e agardar unha derrota da Piringalla. Non se deron ningunha das dúas opcións. O Corgo impuxo a súa condición de líder e adiantouse cun gol de Xoia. O Río Sil foi quen de igualar nun erro defensivo do Corgo. Nada máis comezar o segundo tempo, os visitantes fixeron o segundo, obra de Rubio. Logo dunha gran ocasión de Sebas para facer o terceiro, o Río Sil logrou o empate por medio de César. No desconto chegou o tanto do triunfo para os de Abel Rochela nunha boa acción de Rober.

O Rubián ascende a Segunda Futgal logo de derrotar ao Incio (3-2). Os locais sabían que un triunfo dáballes o ascenso matemático e non dubidaron na saída ao terreo de xogo. A primeira metade foi un monólogo do Rubián que deixou o encontro encarrilado antes do intermedio. Armesto e Víctor marcaron para os de Senén López, que foron superiores a un Incio que acusou as numerosas baixas. Malia a que o Rubián sentenciou nada máis comezar o segundo tempo, os visitantes non lle perderon a cara ao encontro e apretaron o marcador con tantos de Kenny e Valenzuela.

O Taboada B vence no derbi, pero ten que conformarse co terceiro posto (0-4). Os de Jacobo Vázquez venceron con comodidade ao Relámpago Taboada, pero xogarán o play off de ascenso logo do triunfo do Rubián. As ocasións sucedéronse para o filial e Pita marcou dous goles no primeiro tempo, un deles de falta directa. No segundo tempo, os de Melendo baixaron os brazos e o Taboada B xogou a pracer. Pita completou o seu hat-trick e Brian completou a goleada.

O Quiroga remata con vitoria fronte ao Carballedo nun encontro intrascendente clasificatoriamente (3-2). O partido comezou de cara para o Quiroga. Un erro defensivo do Carballedo propiciou o tanto de Manoliño aos tres minutos de xogo. A partir de aí foron os visitantes os que levaron a iniciativa no primeiro tempo xerando boas ocasións para lograr o empate, nas botas de Monchito e Carral principalmente, sen que este chegase. No segundo tempo, nunha contra, chegou o empate obra de Monchito. Pero non lle durou moito a alegría aos de David Guerra. Noutro erro defensivo o Quiroga fixo sangue cun gol de Rubio ao que respostou o Carballedo sen tardar establecendo o empate novamente. Preto do final, nun saque desde o curruncho Rubio deulle a vitoria ao Quiroga.

A Piringalla xogará o play off logo de golear a un Bóveda en inferioridade (7-1). O Bóveda acudiu ao encontro con só nove xogadores, cos que disputou os primeiros corenta e cinco minutos, sendo dez para o periodo final, o que xa afrontaron cun marcador moi adverso. O partido non tivo historia. O conxunto local xogou moi cómodo e logrou unha ampla vantaxe no marcador. Os visitantes lograron tirar unha vez á portería rival e conseguiron marcar, pero en ningún momento perigou a vitoria local. Cristóbal e Samu anotaron sendos dobletes.

O Rubián xogará en Segunda Futgal, Rioaveso e Piringlla ao play off

Semana de 6 puntos para o Chantada