#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

A terceira praza, un botín que Monterroso e Ribadeo non queren deixar escapar

Como se dun obxecto de valor se tratase, a terceira praza da clasificación é un prezado ben que Monterroso e Ribadeo veñen compartindo nos últimos meses de clasificación. Nesta xornada, o dono dunha praza no play off de ascenso pode quedar máis definido, ou incluso deixar que a emoción continue ata as derradeiras xornadas. O encontro disputarase o domingo ás 17 horas en Cerdeiriños coa arbitraxe de Álvaro Valín.

Malia que o obxectivo do Monterroso era acadar a permanencia sen pasar excesivos apuros, non se tardou en albiscar que o cadro dirixido por Fernando García estaba preparado para retos maiores. A conxunción de xogadores veteráns con rapaces da base deu os seus froitos e o cadro monterrosino ten ao seu alcance un reto maiúsculo e á vez apaixoante: pelexar por un ascenso que non acada desde o ano 1999.

Enfronte estará un Ribadeo que gañou en regularidade desde a chegada de Dani Moirón ao banquiño. O conxunto mariñán, co técnico pontenovés á fronte, só perdeu diante de Chantada e Residencia, os dous equipos que encabezan a clasificación, e cedeu un empate fronte ao Taboada nun impracticable Pepe Barrera. Cos restantes partidos contados por vitorias, o Ribadeo asentouse na zona alta da clasificación e un triunfo no sempre difícil Cerdeiriños deixaríalle catro puntos de marxe e o moi probablemente o golaverage (no encontro de ida impúxose o Monterroso por un gol a dous, pero o golavege xeral é moi favorable ao Ribadeo).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Iago Guaje (SD Monterroso)

O Ribadeo. «Agardo un partido moi competido, aínda que non o consideramos unha final, creo que é moi axiña para calificar así o partido. Cada equipo co seu estilo de xogo vai dar todo para sumar os tres puntos que poden resultar vitais ao final de temporada. As nosas opcións pasan sempre, neste partido e nos restantes pola palabra equipo. Neste Monterroso da igual quen xogue e no posto que sexa. Todos damos a nosa mellor versión e esa é a clave de estar onde estamos na clasificación«.

Cambio de chip. «Ao comezo o obxectivo era manter a categoría. O míster sempre nos transmitiu que co equipo que tiñamos deberíamos conseguila sen problema e a verdade é que fomos quen de competir coa totalidade de equipos. Vimos que en Cerdeiriños eramos moi fortes e enseguida nos demos conta de que traballando como estamos a facer podíamos pelexar por todo«.

O terceiro posto. «Creo que Residencia, Escairón, Racing Vilalbés B e Milagrosa van estar cun ollo posto do que ocorra no partido de Cerdeiriños e iso é sinal de que a pelexa está aberta a máis equipos. Eu sempre lle digo aos rapaces que hai que estar preparados, ao mellor non somos os grandes favoritos, pero e se é que si?«.

Castrín (Ribadeo FC)

O encontro en Cerdeiriños. «Vai ser un partido moi difícil. O Monterroso ven facendo as cousas moi ben durante toda a temporada na súa casa e son un equipo moi forte. Será un encontro pechado onde, para nós, a clave será defender ben para non encaixar. Eles defenden moi ben, e sobre todo se levan vantaxe no marcador é moi difícil facerlles gol. Polo tanto, deixar a portería a cero e ser eficaces na fase ofensiva será fundamental para nós«.

A melloría do equipo. «Adaptámonos moi ben á idea de Dani Moirón. A maioría do equipo xa o coñeciamos da súa anterior etapa, polo que nos resultou sinxelo. Desde a súa chegada o equipo xoga máis replegado e máis xunto, buscando accións de ataque máis rápidas e un fútbol máis directo. Todos demos un paso adiante e logramos ser máis regulares e creo que estamos no bo camiño para acadar o obxectivo de entrar no play off de ascenso«.

Segundos ou terceiros. «Está todo moi igualado. Excepto o Chantada que xa se escapou, creo que para os postos de promoción, co número de xornadas que quedan, pode pasar calquera cousa. Con respecto á Residencia, cinco puntos é unha diferencia que se pode recurtar, ademáis quédanos un enfrontamento directo na última xornada no Pepe Barrera. Pero a realidade é que temos só un punto de vantaxe sobre o Monterroso e seis sobre o Escairón, que non o debemos esquecer. Debemos centrarnos en sacar adiante cada xornada das que quedan e seguir mantendo a dinámica que traemos ata o de agora e deste xeito os resultados positivos seguirán chegando«.

A AXENDA

Terceira Galega Feminina

San Roque – Comercial (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): derbi capitalino no que as visitantes quererán estrear o casilleiro de puntos. As locais buscan rachar cunha xeira de dúas derrotas consecutivas.

Terceira RFEF

Racing Vilalbés – Montañeros (Sábado ás 17 horas na Madelena): os chairegos queren atopar de novo a regularidade nos resultados que os levou a consolidarse na zona de play off. Enfronte un Montañeros situado na zona media da clasificación

CD Lugo B – SD Compostela (Domingo ás 16:30 horas na Cheda): o filial albivermello quere achegarse á promoción de ascenso e volver a gañar logo de sete xornadas sen facelo, iso si, só colleitou dúas derrotas neste periodo. Enfronte estará o líder, que amosou que tamén é terreal no último mes e medio de competición.

Preferente Futgal

Burela – Dumbría (Domingo ás 17 horas na Marosa): encontro chave para os de Oke. Logo da derrota da pasada xornada, enfrontamento diante doutro rival directo pola permanencia e que conta cun só punto máis que os mariñáns.

Primeira Futgal

Chantada Atlético – SD Chantada (Sábado ás 17 horas no Sangoñedo): derbi chantadino moi dispar na clasificación, pero como bo derbi de pronóstico incerto. O Atlético quere saír dos postos de descenso e a SD sumar tres novos puntos que lles fagan descontar datas para cantar o alirón.

Segunda Futgal

Folgueiro – Guitiriz (Sábado ás 16 horas en Boa Vista): os locais, terceiros e cun partido menos xogado, reciben a un Guitiriz que chega líder e cunha xeira impresionante de once encontros gañados dos últimos doce disputados. Partido transcendental na pelexa polo ascenso do que estará moi pendente o Riotorto.

Lemos B – Portomarín (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): o filial monfortino, segundo na clasificación, a seis puntos do Becerreá, buscará un novo triunfo, que sería o sexto consecutivo. Enfronte estará situado no noveno posto, pero a só cinco puntos do descenso.

Terceira Futgal

Rioaveso – Catro Roldas (Sábado ás 16:30 horas en Paraños): derbi vilalbés que pode decidir o segundo ascenso do grupo. Unha vitoria do Catro Roldas seviríalle aos de Coto para ascender se o Muimenta non vence no Pichón o domingo ao Cazás. Pero o Rioaveso terá moito que decir, xa que, quere certificar o seu pase ao play off de ascenso.

Relámpago Taboada – Corgo (Sábado ás 17:30 horas no Anexo á Medela): unha vitoria do Corgo certificaría o ascenso matemático dos de Abel Rochela. Incluso certificarían o ascenso matemático no caso de non gañar, se o domingo o Rubián non é quen de sumar tres puntos diante do Río Sil. Os locais non poñen en xogo obxectivos clasificatorios, pero son un conxunto difícil de vencer nesta temporada.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

A terceira praza, un botín que Monterroso e Ribadeo non queren deixar escapar

Taboada B e Rubián non ceden na

A terceira praza, un botín que Monterroso e Ribadeo non queren deixar escapar

A terceira praza, un botín que Monterroso