#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O San Lázaro sae do descenso directo despois de 10 xornadas

  • O San Lázaro logrou nos últimos catro partidos a metade dos puntos que acumula na liga. Levaba a maior parte da temporada na zona de descenso directo. Logo de dez xornadas seguidas aí, a vitoria ante o Palas permitiulle subir á 14ª praza. Diego Fonsa (na imaxe de portada retratado por Mariluz Fagín) foi un dos destacados dos seus.
  • O equipo máis en forma da zona sur é o Lemos B. Acaba de volver ao posto de promoción de ascenso, tras estar nel nas dúas primeiras xornadas da competición. Cinco vitorias consecutivas colócano a seis puntos do Becerreá, con quen teñen un duelo aprazado que se xogará o Xoves Santo.
  • O Guitiriz é líder en solitario no norte. O empate do Riotorto e o triunfo guitiricense en Xermade, deixan ao club do Suso Cruz nesta posición privilexiada por primeira vez na campaña.

A 21ª xornada da Segunda Futgal colocou ao Guitiriz na cabeza con dous puntos de marxe sobre o Riotorto. O Folgueiro mantén as súas opcións intactas. No sur, o Becerreá segue de líder ao sumar a 15ª vitoria do curso. Lemos B, Santa Comba e San Roque protagonizan a loita máis igualada pola promoción.

Nestes momentos a salvación do norte semella afectarlle máis directamente a cinco equipos: Casás, Sporting Pontenova, Castroverde, Matela e Sanci. No sur, existen moitos máis conxuntos implicados. Dende o 8º ata o último posto hai nove puntos, con algún club pendente de recuperar un encontro.

Lembrade que cando falamos dos arrastres poñémonos no peor caso. Os tres descensos directos da Primeira Futgal arrastran nos grupos da Segunda. Incluso podería haber unha baixada a maiores polo arrastre da Sarriana dende a Segunda RFEF. Agora mesmo ese hipotético descenso non lle afectaría a ningún lucense da Primeira Futgal. Un ascenso na promoción dun equipo da Segunda libera un arrastre no grupo do que proceda. Se rematase así a liga no sur e o Lemos B lograse subir, tras superar dúas eliminatorias na promoción ante equipos da provincia da Coruña, a posición actual de arrastre do Páramo quedaría anulada. 

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Guitiriz e Becerreá

Promoción de ascenso: Riotorto e Lemos B

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de un en cada grupo): Castroverde, O Páramo e San Lázaro

Descenso directo: San Ciprián, Matela, Chantada B e Sober

Partidos pendentes de xogarse:

Sanci – Celta Barreiros (19/03)

Meira – Folgueiro (19/03)

Goiriz – Sp. Pontenova (02/04)

Chantada B – San Roque (02/04)

Portomarín – Santa Comba (02/04)

Becerreá – Lemos B (02/04)

Monterroso B – Ferreira (01/05)

O Guitiriz é líder en solitario

Son semanas clave na parte alta da zona norte, porque se xogan varios duelos directos. O Guitiriz logrou a 13ª vitoria do curso no Municipal de Xermade (0-2), onde só gañaran o Goiriz e o Alfoz. 

Despois de doce encontros sen perder, queda en solitario na primeira posición con 45 puntos. Conta con dous de marxe co Riotorto e cinco sobre o Folgueiro (que ten un partido menos). Precisamente, o club do Vicedo recibirá ao Guitiriz na próxima xornada. Outro encontro dos importantes da tempada. 

Pola súa parte, o Xermade fica con 31 puntos, a doce do posto de promoción de ascenso. Conta con outros once con respecto a terceira hipotética praza de arrastre. 

Encontro moi desputado por ambos os dous equipos. Entrou ben o Guitiriz, que xerou achegamentos nos primeiros minutos. Foise equilibrando o partido e os locais crearon certo perigo a balón parado. 

No segundo acto, non cambiou a dinámica. Roi Rivera foi quen desequilibrou a balanza ao realizar unha boa acción individual para marcar o primeiro tanto ao redor do minuto 70. 

Os locais gozaron de boas oportunidades para empatar. Nos últimos intres, o porteiro local Ángel Prieto foi expulsado tras derrubar a Asier Bao nun contragolpe. O propio Asier faría o segundo gol visitante cun lanzamento dende lonxe. 

A boa noticia para o Xermade foi o regreso de Mario Fraga ‘Fraguita’. O futbolista pontés volveu xogar uns minutos logo da súa lesión de gravidade hai uns catorce meses. 

O Folgueiro gañoulle o gol average o Riotorto

A Veiga acolleu o gran partido da fin de semana na zona norte. O Riotorto empatou co Folgueiro (1-1) e queda na 2ª posición, con tres de marxe sobre o seu rival. Con todo, o Folgueiro ten un partido menos e fíxose co gol average ante o cadro riotortense. 

Terceiro encontro sen gañar do Riotorto, que comezou perdendo na primeira parte. Á media hora de xogo, Sergi puxo por diante ao Folgueiro. Practicamente non houbo ocasións e ao descanso a vitoria era local. 

No segundo tempo, a entrada de David Echavarri deulle ánimos aos visitantes. Casualmente, tamén lles “favoreceu” quedar cun futbolista menos á hora de xogo. Mario foi expulsado, pero con dez os visitantes foron mellores. Empataron por medio de Echavarri e puideron levar o triunfo nos últimos achegamentos. 

Décimo triunfo do Alfoz

Os pupilos preparados por Javi Chinchón suman 37 puntos ao vencer ao Sporting Pontenova (3-0). Quedan a seis do Riotorto, que marca a praza de promoción. Pola súa parte, o Sporting Pontenova continúa na zona de perigo por mor dos arrastres. Conta con sete puntos sobre a antepenúltima posición, pero todo dependerá do que pase na Primeira.

O Alfoz comezou a xerar oportunidades xa dende os primeiros minutos, a pesar de que o terreo de xogo do Municipal non estaba en boas condicións. A balón parado trataron de achegarse os visitantes, que tiveron unha boa oportunidade nas botas de Carlos.

Na recta final do primeiro tempo, cadansúa acción de Víctor e de Dani déronlle aos locais unha vantaxe de dous goles.

No segundo tempo, o Sporting tivo máis o balón e xerou perigo en área rival, pero o Alfoz aproveitou o contragolpe para sentenciar. Logrouno por medio de Jose.

O Goiriz alcanza os 35 puntos

Segundo triunfo seguido do Goiriz, que volve recuperar o sorriso das vitorias, despois do baixón de inicio de ano. Derrotou a Candelaria (2-0), equipo co que estaba empatado na táboa clasificatoria. O conxunto vilalbés queda a oito da promoción de ascenso cun partido menos. 

Comezou mellor a Candelaria. Logo da media hora de xogo, o Goiriz comezou a chegar a portería rival. Mantivo esa liña no segundo tempo, moveron o balón rápido e acumularon chegadas. 

Os goles chegaron a balón parado. Primeiro marcou Nico Santomé a pase de Muñiz. Na recta final, o propio Muñiz anotou o segundo. Nos últimos intres a Candelaria intentou atacar, pero os locais mantiveron a portería a cero. 

O Cabreiros volveu desperdiciar a posibilidade de achegarse máis á promoción

Os xogadores preparados por Saúl Méndez empataron na Veiga do Olmo co Castroverde (0-0). Son 5º con 35 puntos e seguen a oito da segunda posición. Pola súa parte, o Castroverde continúa na antepenúltima praza. O seu antecesor está a sete puntos. Agora mesmo estaría en posición de arrastre.

As mellores ocasións chegaron ao final, onde calquera dos dous equipos puido levar os tres puntos. Na primeira parte, xerou máis perigo o Castroverde con algún achegamento a balón parado. O Cabreiros gozou dunha moi boa opción na que o central Felipe evitou o tanto no último momento.

No segundo acto, co avance dos minutos, ambos conxuntos preocupáronse menos de defender e máis de buscar un gol que lles dese opcións para seguir adiante cos seus obxectivos. Puido caer para calquera lado, pero ningún estivo atinado.

O Meira supera os 30 puntos

O conxunto meirego superou ao Matela (2-0). Consolídase na zona media con 31 puntos, oito máis que a hipotética posición perigosa por arrastres que marca o Casás. Pola súa parte, o Matela volveu entrar nunha mala xeira de resultados con catro derrotas seguidas na liga. Está a catro puntos de saír da zona de descenso directo e ter algunha opción de salvación. Esta finde afronta un partido clave ao recibir ao Castroverde.

Primeira metade igualada, cunha gran ocasión para o Meira. O gardamallas visitante Álex cometeu un penalti, pero logo parouno.

No segundo acto, o Meira aproveitou as súas ocasións. Farra anotou un dobrete.

A terceira dobre seguida do Pastoricense

Por terceira vez no curso, o cadro da Pastoriza logrou unir dúas vitorias seguidas. Suma tres nos últimos catro encontros e chega aos 28 puntos. Superou 3-5 ao San Ciprián nun partido de moitas alternativas. Mentres que o Pastoricense avanza cara a permanencia, o Sanci segue en postos de descenso directo. As inmediatas opcións de salvación están condicionadas polos arrastres. 

Os visitantes marcaron nada máis comezar. Cristian aproveitou un pase ás costas da defensa para definir ante Manu Gómez. Con todo, en tres minutos, os locais remontaron o encontro. Igualaron por medio dunha boa xogada pola banda e con remate no segundo pau de Danielson. Nunha rápida transición ofensiva, marcaron o segundo por medio de Dani GP

Ao redor do minuto 20, Manupa empatou, logo dunha xogada pola banda de Iaguito. Antes do tempo de lecer, os locais volvéronse poñer por diante cun gol de Ailton. 

No segundo tempo, o Pastoricense fíxose dono do encontro gañando as segundas xogadas. En dez minutos, dobrete de Dani para darlle a volta ao marcador. De penalti, Edu practicamente sentenciou. Con todo, o Sanci non se deixou ir e aínda enviou un balón ao longueiro case ao final. 

O Casás argumenta as súas opcións de permanencia

O conxunto capitalino volveu enlazar, igual que o Pastoricense, dúas vitorias seguidas por terceira vez na campaña. Venceu 3-1 ao Celta Barreiros e queda na 12ª posición con 23 puntos. Fica na terceira hipotética praza de arrastre, aínda que neste momento a baixada en cascada só lle afectaría ao 14º. O Celta Barreiros ten oito puntos máis, empatado co Meira e co Xermade.

Bo encontro do Casás, que lle xerou perigo ao rival en boas transición ofensivas. Aínda que se puxeron por diante a balón parado nun bo lanzamento de falta de Maira.

No segundo acto, Maira anotou o segundo da tarde con outro bo disparo. Brayan sentenciou antes de entrar no tramo final. Nese parte, Raúl parou un penalti e finalmente Rocky logrou o tanto da honra visitante.

Jesús (Guitiriz) é o porteiro menos goleado do grupo

Quince triunfos do Becerreá

O conxunto preparado por Javi Gómez superou ao Monterroso B (1-4). Aumenta nun punto a súa vantaxe co segundo. Conta con seis de marxe co Lemos B, equipo co ten pendente un partido. Pola súa parte, o Monterroso B acumula 22 puntos. Atópase agora mesmo na hipotética terceira praza de arrastre, que agora mesmo non sería tal.

Púxose por diante o Monterroso. Con todo, a reacción do Becerreá foi contundente. Tres goles paea remontar e ampliar vantaxe. Xusto antes do descanso, os locais poideron anotar o segundo de penalti, pero Dani parouno.

Na segunda metade, o líder xestionou o resultado e buscou o contragolpe para lograr a sentencia definitiva. Nunha desas, chegou o cuarto.

O Lemos B recupera a posición da segunda xornada

Cinco vitorias seguidas e once encontros sen coñecer a derrota na liga. O Lemos B vai moi en serio. Na semana de sorpresas no primeiro equipo, o filial venceu no derbi estelar de filiais ante a Sarriana B (0-2) e volveu ao posto de promoción de ascenso. Conta con dous puntos de marxe co Santa Comba e catro sobre o San Roque.

A Sarriana B mantense na zona media con 26 puntos. Deberá sumar algún máis para confirmar a permanencia. A igualdade na zona baixa é total.

O San Roque aínda ten algo que dicir

O Xove Lago de Piru (ex adestrador do San Roque) gaña e o San Roque de Basi tamén. Segundo triunfo seguido ao superar ao Sober (2-1). Sete encontros sen perder, manteñen aos capitalinos cerca da parte alta. A segunda posición está a catro puntos.

A quinta derrota seguida do Sober lévao a última posición. Non obstante, a igualdade é máxima. Está a tres puntos da antepenúltima salvación. A permanencia total, sen preocupacións de arrastres, está a sete puntos.

Décima vitoria do Antas

O Antas quitou ao Santa Comba do posto da fase de ascenso ao gañarlle (1-4). É o primeiro equipo que gaña no Tras do Novo este curso. Tan só fora capaz de sacar un punto o San Roque. O triunfo deixa ao Antas con 34 puntos, a cinco do seu rival e a sete da segunda posición. Con todo, os da Ulloa teñen un partido máis xa que os seus antecesores.

A pesar do resultado, os locais si que foron capaces de xerar boas ocasións. Dous goles no primeiro tempo déronlle ás o Antas.

O Ferreira empatou en Portomarín

Na sexta posición mantense o Ferreira. Igualou no Chao da Poza co Portomarín (1-1). O punto fai que sume 31, a dez do segundo e nove por riba do hipotético terceiro posto de arrastre. Mentres tanto, o Portomarín é 9º con 25 puntos. Precisará algún máis para non pasar apuros.

O Friol suma os mesmos puntos en seis xornadas que na primeira volta

Catorce puntos acumula o Friol en seis partidos da segunda parte do campionato. Foi as unidades que logrou nos quince encontros da primeira volta. Vén de superar ao Chantada B (1-2) e selar unha permanencia virtual, que ten moito mérito logo dos malos resultados de 2025. Pola súa parte, o filial chantadés é penúltimo con 17 puntos, a tres do San Lázaro.

O Páramo – Paradela, un punto para seguir na pelexa

Derbi de necesidades (1-1). Ao Paradela sérvelle máis, aínda que a súa xeira de resultados é peor: leva cinco encontros sen gañar. O Paradela é 10 con 25 puntos. Agora mesmo fóra de perigo. O Páramo ocupa a 13ª posición con 21. Nestes intres, a súa posición sería de arrastre. Insistimos en que a situación é moi igualada. Todo cambia xornada a xornada, ao igual que os arrastres.

Terceira seguida do San Lázaro

Terceiro encontro no que o San Lázaro suma de tres de xeito consecutivo. Tamén é o seu terceiro triunfo a domicilio. Venceu ao Palas (0-2) e saíu dos postos de descenso directo. Queda na antepenúltima posición con 20 puntos, a catro de escapar de calquera perigo, posición que marca o seu rival Palas na 11ª posición. O San Lázaro volve ter esta finde un duelo directo co Páramo.

Primeira metade controlada polo Palas en canto a dominio de balón. En transicións rápidas, si conseguiu facer algo de dano o San Lázaro. 

No segundo tempo, Álex Freire adiantou aos visitantes e o Palas rompeuse. Nun saque de recanto, o rival recuperou o balón, xerou un contragolpe e marcou o segundo Dawit. Para máis inri, no tempo extra mancouse Samuel e os locais quedaron con 10.

Foto de portada: Mariluz Fagín