Os Máxicos da Primeira Futgal seguen adiante na procura dos seus obxectivos. O Xove de Piru segue nunha impresionante xeira, mentres que a SD Chantada mantén 14 puntos de renda co seu perseguidor máis inmediato, a Residencia. O Monterroso, pola súa banda, non deu opción ao Taboada no derbi.
O Brollón non comparece na Peroxa (3-0). Os de Chura non estiveron cómodos en ningún momento diante dun cadro ourensán que foi superior ao longo de todo o choque. Os Máxicos lucenses trataron de repoñerse ao gol dos rivais, especialmente cun arreón tras a reanudación, pero finalmente os locais puxeron a sentenza con dous tantos máis que deixaron os puntos na casa, 3-0.
O Foz cae de pé ante o Escairón (0-4). A posta en escea dos Máxicos mariñáns foi boa, pero os do Saviñao están a amosar un gran estado de forma nas últimas semanas. Logo dun par de achegamentos do Foz, o Escairón fixo moito dano co 0-1 no engadido do primeiro tempo. Tras a reanudación, Julio duplicou a diferenza e a pegada visitante traduciuse en dous goles máis para pechar un choque no que o marcador foi máis abultado do que se viu sobre o céspede.
A Residencia lévase o gato á auga ante o Guntín (2-0). Foi un partido vistoso na Cheda, entre dous equipos que buscan gañar cun vistoso xogo. Pese a iso, foron dúas accións a balón parado con idéntico protagonista (o capitán branquiazul Chiqui) as que deixaron os puntos na casa. Preto do tempo de lecer chegou o 1-0 e, xa co tempo cumprido na segunda metade, o definitivo 2-0 a prol dos Máxidos de Rafa Casanova.

A SD Chantada non baixa o ritmo (2-0). Esta semana tocoulle ao Santaballés. O líder da categoría impuxo desde o comezo un alto ritmo de xogo e, aínda que os chairegos defenderon ben e presionaron con moita intensidade, Pablo fixo o 1-0 no 41′ logo dun gran pase de Joserra. Na segunda metade, os Máxicos chantadinos terminaron por impor o seu físico e sentenciaron o choque cunha falta directa de Manu, 2-0 no Sangoñedo.
O Monterroso non deixa opción ao Taboada no derbi (0-4). A expulsión de Adri no minuto 8′ pasoulles moita factura aos locais diante dun Monterroso que está a mostrar un nivél inédito. Os vermellos non tardaron en poñerse por diante e duplicaron a renda antes do descanso, 0-2. Na segunda metade, a aposta do Taboada foi arriscada: adiantaron liñas e buscaron recurtar diferenzas, pero os Máxicos de Cerdeiriños souberon defenderse e atacar os espazos para levar o marcador ata o 0-4 definitivo.
Os Máxicos do Monterroso seguen na carreira pola promoción logo de gañar no derbi na Medela
O Lourenzá saca tres puntos de ouro a costa da Milagrosa (1-0). A Milagrosa non se adaptou ao estado da Santa Cruz e o Lourenzá procurou facer dano cos seus rápidos contragolpes. Unha falta lateral colgada por Pablo e rematada por Yago supuxo o 1-0 mediado o primeiro tempo e, xa na segunda metade, a solvencia defensiva local impúxose a un cadro visitante que insistiu con balóns parados e centros á área, pero non foi quen de igualar.
Tolemia no Arturo Pereiro entre Castro e Iberia (3-4). O Castro púxose 2-0 no comezo e errou varias opcións para facer o terceiro. A reacción mariñá, co 2-1 xusto a piques de chegar ao descanso, continuou na reanudación co empate nun saque de esquina. Pouco despois, os Máxicos vermellos fixeron o 3-2 cunha pena máxima e o Iberia empatou nunha falta preto da área.
A xogada chave tivo lugar preto do final: o Castro reclamou un penalti sobre Alonso e o Iberia provocou outro, que si se sinalou, nesa mesma xogada. Iván non errou e, desde ese momento, os mariñáns mantiveron a renda.
O Outeiro respira logo de superar ao Racing Villalbés ‘B’ (2-1). O xogo directo foi protagonista no Municipal e o Racing respondeu mellor no comezo: Iván rematou un centro de Gabri para poñer o 0-1. O Outeiro, porén, reaccionou rápido e conseguiu o empate antes do descanso cunha sucesión de rexeites logo dun centro lateral. Na segunda metade, chegou o segundo gol dun cadro local que se mostrou máis intenso e deixou 3 puntos de moito mérito na súa casa.
O Ribadeo convence e o Oural perde aire (3-0). Os sarriáns defendéronse ben ao comezo, pero os mariñáns puxeron o 1-0 no 37′. Antes do descanso, Iñaki fixo unha gran parada para evitar o empate nun lanzamento de falta dos visitantes e, xusto á saída dos vestiarios, Xairo abriu distancia co 2-0. Desde ese momento, os Máxicos celestes controlaron o choque e anotaron un gol máis para deixar tres puntos nun Pepe Barrera que gozou dunha tarde cómoda.
O Xove sae do descenso a costa do Chantada Atlético (4-0). Os Máxicos mariñáns puxeron máis ganas e intensidade nun duelo chave. Logo do tempraneiro 1-0, porén, o Chantada Atlético reaccionou e estivo a piques de empatar nunha acción que sacou a zaga local baixo paus. Precisamente na seguinte acción chegou o 2-0, que afectou moito aos visitantes. Tras o descanso, un balón parado supuxo o 3-0 e, desde ese momento, tan só houbo unha cor sobre o campo: o verde dun Xove que puxo a guinda co 4-0.


