No argot futbolístico o adestrador do Racing Vilalbés quere seguir sendo Juan Rodríguez. Con todo, dense a súa adolescencia en Chantada é coñecido como ‘Zecho‘. Un alcume que nas últimas temporadas tamén se asentou en Vilalba, tras adestrar ao Santaballés e integrarse na estruturado Racing en diferentes cargos.
A casualidade é que este alias ten rima consoante cos alcumes do primeiro e segundo adestrador da SD Compostela, eles si coñecidos desa maneira xa dende hai tempo no fútbol galego. José Manuel Martínez ‘Secho‘ e Antonio Ríos ‘Vecho‘.
Este domingo saudaranse sobre o céspede da Madalena e dirixirán un dos grandes partidos da fin de semana. O Racing Vilalbés recibirá no seu feudo á SD Compostela o domingo ás 12 horas, coa arbitraxe do colexiado ourensán Adrián Estévez.
COMO CHEGAN OS EQUIPOS?
Racing Vilalbés
- 9 xornadas.
- 15 puntos.
- 5º clasificado.
- 11 goles a favor.
- 6 en contra.
- Álex Santomé, segundo porteiro menos goleado.
- Máximo goleador: Pablo Trigo con 5 goles.
- Mellor racha: seis partidos sen perder, catro vitorias e dous empates.
- Cinco encontros sen recibir goles.
SD Compostela
- 9 xornadas.
- 21 puntos.
- Líder.
- 17 goles a favor.
- 7 goles en contra.
- Invicto
- Marcou en todos os partidos.
- Encaixou en todos os partidos salvo en tres.
- Armental e Maceira son os máximos realizadores con tres goles.
Un auténtico partidazo o que se poderá ollar na Madalena. O Racing Vilalbés quere volver a sumar de tres, logo de dúas xornadas sen facelo, na visita á Madalena dun histórico do fútbol galego e nacional, a SD Compostela. Os chairegos sobrepuxéronse ás tres xornadas iniciais sen gañar da mellor maneira. Unha gran xeira de resultados situounos na zona alta e os de Juan Rodríguez non se queren baixar de aí.

Malia non contar con grandes esixencias clasificatorias, o gran carácter competitivo do cadro de xogadores chairegos, liderados polos Make, López, Vérez, Buyo ou os irmáns Varela, farán que o Racing pelexe por entrar nun play off de ascenso que vai estar máis caro ca nunca. Ademáis esta temporada o club apostou sen complexos polos rapaces da base, protagonistas nos onces de Juan Rodríguez.
A SD Compostela chega á Madalena invicta e cunha carta de presentación digna dun claro aspirante a rematar na primeira praza e retornar pola vía rápida á Segunda RFEF. O obxectivo non é outro e para iso o cadro compostelán apostou por xogadores de renome. Desde o gardameta Álex Cobo, os zagueiros Jorge Valín ou Pablo Crespo ou os atacantes Armental, Maceira ou Charly.
Será un encontro de reencontros na Madalena. Volverán a pisar o céspede vilalbés xogadores como Cañi, Uzal ou Damián, pero quedámonos con dous xogadores que vestiron ámbalas dúas camisolas.
Falamos con Alberto Lamas Verdes ‘Make‘, capitán do Racing Vilalbés que militou na SD Compostela na 2016/2017 ás ordes dun recén chegado Yago Iglesias e con Francisco González Rochela ‘Kiko‘, vilalbés e fillo do actual delegado do Racing, defensa central do Compostela e que militou no Racing en dúas etapas, a última en Segunda RFEF.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Make (Racing Vilalbés)

O primeiro tramo de liga. «Non tivemos dúbidas en ningún momento nin cando nos costaba gañar ao comezo. Este ano o club apostou por un cadro de xogadores máis curto para darlle protagonismo acertadamente aos rapaces da canteira que o están a facer moi ben e merecen a oportunidade. Esto conleva que en pretemporada cargamos máis minutos que noutros anos e fixo que non chegaramos frescos ao comezo. Agora afrontamos un tramo de liga difícil e enfrontámonos a equipos que che esixen estar concentrado ao cento por cento. Coñecémonos á perfección, somos un bloque sólido, que sabemos moi ben o que facemos e cos reforzos temos un equipo moi interesante co que podemos facer dano a calquera. Que ninguén dubide que o Racing vai competir toda a temporada como sempre se fixo aquí en Vilalba«.
O Compos. «Imos pelexar para que por fin perdan un partido. Teñen equipo para ser campións e para iso planificaron esta temporada con grandes xogadores. Temos que estar moi xuntos e sobre todo conceder moi pouco. O perigo que nos podan crear que sexa por verdadeiros méritos deles e non por concesións nosas. Aí creo que estará a clave. Debemos saber xogar cos tempos do partido e se é así na Madalena creo que teremos opcións de gañar«.
A etapa no club compostelán. «Cheguei nunha situación similar, co club en Terceira logo dun descenso de categoría. Malia todo o presuposto era menor e, aínda que tiñamos bo equipo, eramos completamente novos, cun adestrador novo e costounos. Foi un ano bonito e pasámolo moi ben alí. É un club ao que lle teño moi aprecio e tratáronme moi ben alí«.
A convocatoria coa Selección Galega. «É un orgullo para min defender o escudo de Galicia, aínda que sexa nunha selección amateur. Son convocatorias para adestramentos nas que nos tratan xenial e xogaremos unha amigable, novamente contra o Compostela. Ogallá esté na convocatoria definitiva para poder aportar ese grao de veteranía que sempre fai falta. Somos un grupo con moitos rapaces de gran proxección e debemos remar na mesma dirección para crear un bo grupo xa que cada un vén do seu club e con roles diferentes«.
Kiko (SD Compostela)

Comezo inmellorable. «A temporada está a ser moi positiva. O equipo está amosando un bo nivel e mantemos a liña de traballo que se marcou desde o comezo. Ser líderes é o resultado da constancia e da implicación de todos e do compromiso colectivo. Aínda queda moito por diante, pero sen dúbida estamos no camiño que queriamos seguir no club«.
O encontro na Madalena. «Agardo un partido moi competido. O Racing Vilalbés é un rival forte, especialmente na casa, e seguro que nos vai poñer as cousas difíciles. Debemos manter a intensidade durante todo o partido e facer o noso xogo con orde e concentración. Se somos sólidos atrás e aproveitamos as ocasións seguro que somos quen de sacar un resultado positivo«.
Retorno á casa. «Sempre é especial voltar. En Vilalba teño moitos recordos, a familia e os amigos e é un lugar ao que lle gardo especial cariño. É un partido diferente polo contexto persoal, pero afronto a semana con tranquilidade e centrado«.
Hai pique co pai?. «Ningún pique. Respetamos moito os nosos roles (risas). Cada un está centrado no seu, él desexa que me vaia ben a nivel individual, pero sabe que defendo ao Compostela con total compromiso. Sempre é especial coincidir co teu pai, pero cada un coas súas cores«.
A AXENDA DA FIN DE SEMANA . . .
Primeira Galega Feminina
Antas -Pastoriza (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): as da Ulloa queren prolongar a súa boa xeira e acheegarse á zona alta da clasificación. Reciben a un conxunto situado na penúltima praza da clasificación.
Segunda Galega Feminina
San Lázaro – Eirís (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): as lucenses, logo de tres triunfos consecutivos, atópanse en praza de playoff. Reciben a un conxunto coruñés que conta con tres puntos menos.
Preferente Futgal
Pol – Sofán (Domingo ás 12 horas no Manuel Luna): cun só triunfo, os de Labrada buscarán escapar da zona baixa cunha vitoria diante dun Sofán instalado en praza de play off.
Burela – Puebla (Domingo ás 16:30 horas na Marosa): logo de cinco xornadas sen coñecer a derrota, os mariñáns buscarán darlle continuidade á boa xeira. Enfronte un rival cos mesmos puntos na clasificación que ven de perder no seu último encontro.
Primeira Futgal
Castro – Milagrosa (Domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro): o irregular comezo dos locais xa está subsanado e os de Dumi xa opositan a entrar na zona de promoción. Reciben a unha Milagrosa terceira clasificada con dous puntos máis que os chairegos.
Segunda Futgal
Riotorto – Cabreiros (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): O técnico local Isaac Rouco recibe ao seu ex equipo. O Riotorto vén de gañar os dous últimos partidos e está a un punto do segundo posto que ocupa un Cabreiros que chega nun gran momento.
Santa Comba – Lemos B (Domingo ás 16:15 en Tras do Novo): Catro vitorias e un empate avalan aos locais nos últimos cinco partidos. Queren prolongar a xeira e entrar na zona de play off diante dun filial lemista que non quere marchar dos postos de privilexio.
Terceira Futgal
Catro Roldas – Muimenta (Domingo ás 17 horas na Canteira): o líder non quere deixar a súa condición de invicto con pleno de puntos. Pola contra os de Fran Veiga buscarán tres puntos que os acheguen ao conxunto amarelo.
Corgo – Quiroga (Domingo ás 17 horas no Municipal): os locais, líderes invictos e sen recibir un só gol, buscarán prolongar a espectacular racha diante dun Quiroga que ven de perder co Rubián e non quere alonxarse do liderado.

