A xornada desta fin de semana para os integrantes do Trío de Ases O Cantón sérvelle a Lemos e Racing Villalbés para dar pasos importantes para os seus obxectivos con goleadas que aportan na moral de ambos. O Lugo B tamén se levou os tres puntos e dá un golpe moi importante enriba da mesa da Terceira RFEF. Na Preferente Norte, tanto Burela como Pol aboáronse nesta xornada ao empate sen goles e Sarriana e Viveiro non sumaron fóra da casa.
O Lemos pisa a zona do play off
O Lemos deu un aviso a toda á Preferente Sur cunha goleada por 4-0 ante todo un Valladares que descendeu na pasada campaña da Terceira RFEF. A primeira media hora da Sarriana foi todo un ciclón, xa que no minuto 7 Fito foi quen de gañar un balón aéreo e definir. Non pasou moito tempo para que Luis González encontrase cun centro ao segundo pau a Adri Díaz para facer o segundo. No minuto 35, Fito sentenciaba o encontro á contra.
A goleada quedou no 4-0 final tras un penalti que transformou Luis González para engadir o seu nome na conta de goleadores do Lemos do día. O Valladares tivo opcións para recortar distancias, pero os monfortinos mostraron toda a súa superioridade. O Lemos xa se ubica nos postos de play off de ascenso á Terceira RFEF e Fito Periale comparte con outros dous xogadores o liderado na táboa de goleadores da competición.
A xeira invicto pasa a cinco
O Racing Villalbés está no seu momento de maior dominio, xa que entra nos postos de play off tras encadear cinco xornadas invicto e tres vitorias consecutivas tras gañar por 3-1 ante todo un candidato ao ascenso como o Arosa. O encontro encarrilouse no minuto 1 cunha recuperación en campo rival que centra Pablo Trigo para o remate de Make. No minuto 16, o propio Trigo volveu a golpear cunha nova recuperación que define



Os de Juan Rodríguez non se foron atrás en ningún momento e seguiron apretando para ir a por máis. No desconto da primeira parte, nunha boa xogada Pablo Trigo voltou a mostrar a súa calidade cunha vaselina para que un dos xogadores revelación do curso sume o seu terceiro gol no curso. No segundo tempo, o Racing Villalbés tivo a calma necesaria e o Arosa só pudo marcar no 86 cun gol de Marcos Remeseiro.
Golpe enriba da mesa do Lugo B
O Lugo B está dando que falar na Terceira RFEF, xa que sigue na terna da zona máis alta tras gañar ao Estradense por 2-0. Os lucenses fixeron un encontro moi completo ao longo de todo un partido no que o ritmo foi vertixinoso. O filial albivermello non puido aproveitar os roubos en campo rival na primeira metade cos que xeraron situacións de perigo, mentres que o Estradense intentou sacar vantaxes no balón parado.
A saída de balón foi a chave do encontro e aí Ibe foi quen de encontrar os espazos para facer dano. O dianteiro aproveitou un balón ao espazo para inaugurar o marcador na Cheda cun disparo cruzado. Pouco despois, a mesma situación fai que Ibe gañe un novo duelo para asistir a Aday para facer o segundo tanto. O Estradense estivo a piques de marcar, pero Candal e o pau impedírono, o que lle dá tres puntos moi importantes.
Empates na Preferente Norte
O Pol foi vítima da mala sorte e non foi quen de pasar do empate a ceros ante o Cultural Maniños. O encontro foi un auténtico monólogo por parte dos de Labrada onde foron quen de provocar máis de dez córners e 15 ocasións de gol. As oportunidades foron de todas as cores, desde mans a man ata disparos desde fóra da área, pero ou ben os paus ou ben o porteiro impedían que Pol puidese coller os tres puntos no Municipal
O Burela tamén tivo o resultado de 0-0 na súa visita ao Victoria coruñés. Os da Mariña tiveron dificultades para estar cómodos nos primeiros minutos do encontro, pero despois conseguiron ter unha das mellores oportunidades do encontro cunha volea de Yago que detivo Damián. Na segunda parte, os de Oke ameazaron nos primeiros intres pero o cansancio entrou en xogo e o encontro pasou ás mans locais, pero sen un gran perigo.
Derrotas para os que xogaron fóra da casa
A Sarriana estivo a piques de sumar nas Pistas do Helmántico tras caer por 2-1 cun gol no 86 de Servetti. Os de Iván Carril víronse superados por un dos equipos destinado a loitar polo ascenso directo. Pirot salvou en varias ocasións aos seus con paradas, pero foron os sarriaos os que conseguiron marcar primeiro cun gran balón directo de Boedo a Berardozzi, que definiu ante o porteiro. Unha falta de entendemento permitiu que o Salamanca empatase no minuto 50 e Servetti privaría á Sarriana de acadar un gran punto.
O Viveiro tampouco puido sumar no seu encontro ante o Juventud Cambados, que rematou co 2-0 no electrónico. O encontro estivo marcado polo tanto no minuto 1 de encontro de Diego Iglesias, o que mudou os plans dos de Alberto López. Pese a que o primeiro tempo non foi bon, na segunda o Viveiro estivo moi preto de igualar o partido, pero Diego Iglesias aproveitaría unha perda para facer o segundo dos de Cambados.
Foto do Instagram do Racing Villalbés
