Chega o primeiro Tres en Raia En Boas Mans da temporada nunha Terceira Futgal que promete ser máis parella e apaixoante ca nunca. O Mondoñedo comeza liderando o grupo norte logo de golear ao Muimenta, outro dos candidatos ao ascenso. O Cazás venceu no derbi xermadino no campo do Roupar, mentres que Rioaveso, Comercial e Catro Roldas tamén sumaron os tres puntos.
No sur o Corgo endosoulle unha goleada ao Incio, nun choque que semellaba máis parello e o Quiroga venceu con suficiencia ao Río Sil. Rubián e Piringalla sacaron adiante os seus convites, mentres que Relámpago Taboada e Bóveda asinaron táboas.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo é o primeiro líder tras golear ao Muimenta (4-0). O comezo non presaxiaba nada bo para os chairegos. Con pouco máis dun minuto xogado, o colexiado sinalou un penalti, moi protestado polos de Fran Veiga, que transformou Javi. Os locais foron superiores no primeiro tempo, aínda que o marcador non se moveu antes do intermedio, mesmo o Muimenta desperdiciou unha pena máxima. Na reanudación o Muimenta mellorou e levou a iniciativa durante os primeiros vinte minutos, sen chegar a inquedar os dominios de Alberto. Nunha contra os de Nico fixeron o segundo obra de Oli nada máis entrar ao campo, momento no que os visitantes se foron do encontro. Vázquez e Acebo completaron a goleada.
Triunfo do Catro Roldas nun disputado encontro diante do Abadín (2-0). Os de Coto sumaron os primeiros tres puntos nun comezo de temporada ben distinto que o do curso anterior. O encontro resultou parello, aínda que sempre estivo do lado amarelo. Os locais xogaron máis en campo contrario aínda que sen xerar excesivo perigo. Sobrepasada a media hora de xogo, Santi Cazás abriu o marcador tras rematar unha falta lonxana. No segundo tempo o dominio do Catro Roldas intensificouse. Dopico e Yáñez xeraron dúas claras ocasións de gol antes de que David Orosa fixera o segundo á saída dun córner. O Abadín apenas inquedou os dominios de Carmelo.



O Rioaveso vence ao Celeiro nun frouxo encontro (2-0). Un erro dos mariñáns decantou cedo o partido para o Rioaveso. Mario abriu a lata e os de Asier Lozano foron mellores nun primeiro tempo no que gozaron de ocasións para ampliar as diferencias. O Celeiro tamén tivo as súas opcións para marcar e protestou unha acción na que Paredes derribou a un atacante ao considerar que era último xogador. Tras o descanso novamente as ocasións sucedéronse sendo os locais os que levaron o gato á auga. Toni, tras un encontronazo co gardameta José Luis, fixo o segundo.
O derbi xermadino lévao o Cazás diante do Roupar no sprint final (0-2). O cadro local comezou mellor e chegou con certo perigo á portería rival. Co paso dos minutos o Cazás mellorou e fíxose dominador contando cun par de man a man diante de Anxo que os visitantes non souberon resolver. O segundo tempo resultou semellante ao primeiro e cando todo indicaba que o encontro remataría en empate Rober anotou para o Cazás tras servizo de Bruno. A grada local protestou o tanto ao entender que existía fóra de xogo. Anxo Rey tivo o empate para os de Ángel Pena, pero foi Mounir o que no tempo de desconto fixo a sentencia tras aproveitar un rexeite.
A Comercial remonta diante do Pol B e comeza sumando de tres (2-1). Balado fixo historia ao anotar o primeiro tanto na historia do Pol B en competición oficial. Os de Luis Romay comezaron cun lixeiro dominio, sustentado pola boa labor de Hugo na defensa, pero todos os goles chegaron no segundo tempo. Nunha xogada mal defendida polos visitantes Carlos empatou e o gol espoleu a unha Comercial que gozou dos seus mellores minutos. As ocasións sucedéronse para ámbolos conxuntos ata que no desconto, nunha xogada aillada Xabi decantou a balanza para os capitalinos.

GRUPO SUR
O Corgo golea na segunda metade ao Incio (6-0). A primeira metade non facía presaxiar a goleada final. Os visitantes defenderon ben en bloque baixo e o Corgo non foi quen de xerar excesivo perigo ante a portería rival. A lesión de Antón condicionou a zaga do Incio e os locais adiantáronse preto do intermedio cun tanto en propia porta tras unha acción a balón parado. No segundo tempo os de Abel Rochela aproveitaron os espazos e á contra completaron a goleada. Rober, ex da Residencia, debutou con gol.
O Quiroga vence ao Río Sil nun encontro con alternativas (3-0). Os visitantes comezaron mellor e tiveron o dominio do xogo nos primeiros vinte minutos, aínda que con tímidos achegamentos á portería rival. O Quiroga mellorou paulatinamente e gracias ao podería físico de xogadores como Ariel ou Leo foron que de xerar perigo ata a volta de vestiarios. O segundo tempo resultou de claro dominio local. Rubio abriu o marcador cun bo tiro cruzado. Tras uns minutos titubeantes do Quiroga nos que o Río Sil contou con varias ocasións o gardameta Álvaro soubo resolver as ocasións dos soberinos. Os trocos revitalizaron aos locais e Mario, logo de entrar desde o banquiño, sentenciou con dous goles.
A Piringalla dobregou ao Carballedo nun reñido partido (3-2). Os visitantes non entraron ben ao partido e foi a Piringalla quen marcou o ritmo do encontro. Nunha boa xogada por banda, Truku fixo o primeiro tanto para os locais, pero o Carballedo non tardou en empatar por medio de Rober. O último tramo do primeiro tempo foi o mellor dos de David Guerra. Tras o intermedio a Piringalla volveu a ser mellor e levou o peso do partido, mentres que o Carballedo optou por xogar á contra. Nos últimos dez minutos chegaron os goles. Galocha adiantou aos locais e André volveu a poñer as táboas. No desconto, un golazo de Miguel deulle os tres puntos aos de Jony Lombardía.
Un solitario gol de Víctor dalle tres puntos ao Rubián diante do Taboada B (1-0). Encontro condicionado polo forte vento. O Rubián xogou en campo contrario e contou con algunha ocasión que desbaratou o gardameta Eloy. O primeiro tempo rematou sen goles, pero pouco despois da reanudación, nunha xogada mal defendida polo filial, Víctor definiu ben no un contra un diante do gardameta. O Taboada B buscou o empate no tramo final e contou con algunha opción a balón parado que non logrou definir.
Un Bóveda en inferioridade suma un punto diante do Relámpago Taboada (1-1). Entrou mellor ao partido o Relámpago, pero co paso dos minutos foi o Bóveda o que levou o mando. Xusto antes do descanso, o gardameta visitante Bárbaro viu o cartón vermello e o Bóveda tivo que xogar con dez todo o segundo tempo. Malia esta incidencia, os de Cristian Penas tiveron o control durante boa parte do mesmo. Marcos marcou para o Bóveda a falta de dez minutos para o final, pero os de Melendo non se viñeron abaixo e lograron empatar por medio de Fran.