Chega o derbi provincial da Preferente, este ano o único que poderemos ver na categoría. O Pol recibe ao Burela no Municipal o domingo ás 12 horas nun encontro, malia a estar na cuarta xornada, de certa urxencia para os locais. Arbitrará o colexiado ourensán Rubén Castro Fernández.
A temporada non comezou do xeito que máis lle gustaría ao Pol. Os de Ramón Labrada suman un só punto nas primeiras tres xornadas logo de perder fronte ao Victoria e O Val e arañar un punto no último encontro no campo do Dumbría. As expectativas creadas no conxunto chairego de cara a esta nova campaña son altas e agárdase que o equipo se instale na zona alta da clasificación. As chegadas de xogadores da talla de Luis Díaz, Diego Rey, Javi Rey, Susavila ou Diego convidaban ao optimismo e case que obrigaban ao Pol a pelexar polo que sería un histórico ascenso a Terceira RFEF. Aínda no primeiro mes de competición, o cadro vermello está a tempo de todo.
Mellor é a situación do Burela no ano do seu retorno á categoría logo de dezasete anos lonxe dela. Os mariñáns suman catro puntos logo do empate na Marosa fronte ao Sigüeiro e a vitoria no campo do Dubra. Na última xornada os de Oke caeron no seu feudo diante dun San Tirso que soubo aproveitar varios despistes dos burelaos, que agora buscarán seguir invictos a domicilio.
Para este encontro o Pol non poderá contar cos sancionados Pablo Rey e Ríos, mentres que Diego Rey é dúbida. No Burela, Iago e Adri, que volven tras lesión, estarán entre algodóns ata última hora.



Falamos con dous xogadores que se verán as caras fronte a fronte, Cuadrado, dianteiro do Pol e Javi Celes, central da SD Burela.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Cuadrado (Pol)

O mal comezo. «A verdade é que non foi o ideal. Este ano contamos cun gran equipo con incorporacións moi importantes e aína estamos en periodo de adaptación. Non teño dúbidas de que os resultados irán mellorando co paso dos partidos«.
O Burela. «É un equipo novo na categoría e estou seguro que van saír a dalo todo. Agardo un partido moi disputado no que a intensidade desde o primeiro minuto será fundamental. Debemos estar concentrados os noventa minutos e aproveitar as ocasións de gol para que os tres puntos queden na casa«.
Obxectivos. «Non nos centramos nas expectativas en torno ao equipo. Temos un gran cadro de xogadores e só pensamos en adestrar o mellor posible e dar todo en cada encontro. Se facemos iso estou seguro de que será unha gran temporada«.
JAVI CELES (SD BURELA)

A derrota co San Tirso. «Debemos sacar a aprendizaxe de que isto é Preferente. Ou estamos concentrados todo o partido ou pásanche por enriba. Por sorte, podemos poñerlles remedio aos goles que recibimos e entre todos faremos o posible para que non vova a pasar. Como se soe decir, unhas veces gáñase e outras apréndese«.
O derbi. «O Pol é o máximo favorito para o encontro. Aínda que non comezaron como quixeran, en calquer momento arrincarán e estarán nos postos altos da clasificación. Debemos evitar calquer erro en defensa e aproveitar as nosas ocasións, que sempre as xeramos«.
A reconversión. «Pasei de facer a miña mellor temporada como dianteiro en Primeira Galicia, polo menos en canto a números, a ter que adaptarme como central se quería xogar. Dentro das miñas posibilidades o que quería era axudar ao equipo desde onde tocase. Foi un gran desafío ese cambio tan radical, pero teño que decir que despois das inseguridades do comezo fun colléndolle o gusto, sobre todo porque tiñamos moito balón. Agora afronto esta campaña en Preferente, onde debuto con 36 anos con ganas de seguir axudando aos compañeiros e sobre todo ao equipo do meu pobo, ao cal puiden voltar grazas a Simón e Jairo, a seguir en Preferente outro ano máis«.
A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE . . .
Terceira RFEF
Racing Vilalbés – Noia (Dominigo ás 12 horas na Madalena): os chairegos buscarán a primeira vitoria no seu casilleiro logo do empate acadado en Cantarrana. Enfronte un Noia que chega tras golear ao Barbadás.
CD Lugo B – Montañeros (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): enfrontamento entre dous conxuntos invictos. Os de Dani Galán buscarán seguir na súa boa dinámica fronte a un Monteñeros alonxado do papel de recén ascendido. Unai Peón regresa á Cheda logo da súa participación no All Star Futbolinlugo.
Primeira Futgal
SD Chantada – Oural (Domingo ás 17 horas no Sangoñedo): os chantadinos, líderes imbatidos, tentarán manter o pleno de vitorias. Enfronte un Oural que chega tras derrotar ao Xove Lago e sumar os primeiros puntos da temporada.
Segunda Futgal
Alfoz – Riotorto (Domingo ás 17 horas no Municipal): os de Javi Chinchón non coñecen a derrota e reciben a un Riotorto situado en cabeza con pleno de puntos.
San Roque – Santa Comba (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): os capitalinos, único conxunto do grupo sur que conta os partidos por vitorias, recibe a un Santa Comba que suma tres puntos e co que os goles están asegurados.
Terceira Futgal
Mondoñedo – Muimenta (Domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga): encontro entre dous recén descendidos. Os locais, coa chegada ao banquiño de Nico nos últimos días, tentará comezar sumando os tres puntos diante doutro dos candidatos ao ascenso.
Corgo – Incio (Domigo ás 18 horas no Municipal): interesante partido entre un Corgo que se quedou ás portas do ascenso na última temporada e o Incio, que buscará recuperar a categoría perdida desde o comezo.
Foto de portada: El Progreso.