A SD Antas, xa ascendida, remata a Liga con empate ante o líder
A SD Antas chegaba á cita pola desputa do título de Liga na última xornada despois de firmar unha tempada espectacular na que, ademais de asegurarse o ascenso e rematar, finalmente, no 3º posto da táboa, foi capaz de puntuar en todos os partidos de visitante.
O partido comezou con moita incomodidade. O San Roque levaba o control do xogo e o Antas non era capaz de adaptarse para poder contrarrestalo. Dous balóns de falta foron desaproveitados para empurralos diante da portería e as locais responderon cun balón que pegou no traveseiro e un bo golpeo que parou Ángela.
Xa chegando ao final da primeira parte, Marta saca un balón e consegue meterse dentro da área e bater á porteira para pór ó Antas por diante (0-1).

Á volta dos vestiarios, o San Roque foi medrando e facendo dano con balón parado e, nun saque de esquina moi pechado, Ángela saca o balón baixo paus evitando o gol directo mais o rexeitamento cae na cabeza dunha xogadora local e o San Roque pon as táboas no marcador.



O Antas seguiu tentando o gol da vitoria, pero non foi capaz de anotar. Tampouco o conseguiron as locais e campionas de Liga, o San Roque, aínda que amosou un xogo moi intenso e combativo.
Peche de tempada perfecto para o CD Lugo B
Último partido da tempada para as albivermellas dirixidas por Iria ante o Dumbría con vitoria.
O CD Lugo B dominou o encontro de inicio a fin, cunha primeira parte sen opcións de gol para o Dumbría e coas luguesas dominando o xogo con dúas ocasións claras de Daniela e outra de Ánxela.

Sería Daniela quen abriría o marcador nos primeiros 45′ poñendo por diante ás locais. Tras o paso polos vestiarios, a dinámica foi a mesma: un Dumbría sen ser capaz de crear perigo e co Lugo dominando o partido. María, nun centro dende o curruncho, remataría de cabeza para pór o definitivo 2-0 no luminoso.
Dous erros cústanlle o partido ao PM Friol B
Malia que o partido foi moi igualado, dúas ocasións marcaron o resultado final do encontro. As locais, o Sporting Burgo, adiantaríanse no 26′ grazas a un gol de Sara Romero despois dun córner que, Romero remata e acaba por entrar tras dar primeiro no pau.

As friolesas, que mereceron o empate, poñíano no luminoso no minuto 58′ por medio de Nerea Rodríguez. Mais novamente a sorte púxose do lado do Sporting Burgo que, novamente nun córner e nunha xogada bastante desafortunada con moitos rexeitamentos que non conseguiron sacar o balón da área e varios rebotes, acaba rematándoo Nair Lage para pór o definitivo 2-1 xa no minuto 83′.
A SD Chantada remata a Liga cunha nova derrota e certificando o descenso
A SD Chantada non puido co Atlético Villalonga no Sangoñedo, buscando tres puntos que obraran o milagre da permanencia.
As visitantes amosaron dende o inicio a súa clara superioridade sobre o campo e, malia que as xogadoras da SD Chantada tentaban non baixar os brazos, o marcador chegaba xa un 0-7 ó descanso.

Á volta dos vestiarios, o partido seguiu coa mesma dinámica. No 85′, Laura Fernández puxo un solitario gol (e o primeiro na súa conta persoal en competición) para maquillar o resultado final, 1-13; co que a SD Chantada remata, polo momento, a súa andaina pola 2ª Futgal.
Reparto de puntos no Luis Bodegas
Malia que o Monte Forte se fixo grande na súa casa e dominou con claridade todo o encontro, non foi quen de sacar máis ca un empate ante a Milagrosa, que semellou xogar con medo máis que con ansias de gañar.
Adiantáronse axiña as xogadoras do Milagrosa grazas a un gol de Leire no minuto 3′, ao que sumaría outros dous tantos para pór o 0-3 antes de chegar aos primeiros 30 minutos do encontro e deixando o partido, a priori, totalmente encamiñado para as luguesas.

O Monte Forte semella que comezara o partido durmido e pagouno con creces coa efectividade goleadora da Milagrosa por medio das botas de Leire. Porén, ao hat-trick de Leire respondeu Noa da Rocha na segunda metade, na que o equipo saiu cunha mentalidade totalmente renovada; con outros tres goles en apenas 20′ para empatar o partido, unha situación máis que merecida para as monfortinas, que pese o marcador desfavorable ata o momento, eran as claras dominadoras do encontro.
Con ambos tripletes, de Leire para a Milagrosa e Noa para o Monte Forte, o luminoso non volveu a moverse, firmando así as táboas nun partido con moitos goles no Luis Bodegas.
Vitoria pola mínima pero grandes sensacións da Comercial
A Comercial impúxose a domicilio no campo do Trazo grazas a un solitario gol de Daniela no 50′.
Pese ao resultado, con vitoria pola mínima, as xogadoras de Vicky amosaron unha das súas mellores versións da tempada, presionando ás rivais, xogando co balón e creando boas ocasións malia que, finalmente, só unha vez o balón entrou a porta.

O bo partido das xogadoras enorgullece á súa adestradora, Vicky, que se amosou moi satisfeita co traballo realizado e por conseguir unha importante vitoria.
Dominio total e vitoria para o Carballedo
As xogadoras lideradas por Sementa comezaron o partido acusando certo nerviosismo, mais axiña foron atopando o seu lugar de comodidade sobre o céspede.
Porén, adiantaríase a SD Negreira na que probablemente foi unha das escasas ocasións que tivo en todo o partido, no minuto 13′ cando un saque de esquina colle despistadas ás xogadoras do Carballedo.
Mais o Carballedo non tardou nin un minuto en reaccionar e devolver o golpe. Aránzazu Chousa puxo as táboas no marcador xa no 14′.

O Carballedo foi a por máis, pero atopouse coa falta de acerto e con que o Negreira se pechou na súa área, dificultando as posibilidades de anotar para as ‘guerreiras’ do Catro Ventos, que aínda así conseguiron o gol por medio de Paula Bugueiro no 23′ e, xa na segunda parte, Sara Fernández aumentaría a vantaxe ao 3-1 no 63′, sen que o marcador se volvera a mover.
Vitoria do San Lázaro para seguir na loita polo ascenso
O San Lázaro recibiu a unha SDC Órdenes que amosou no Rodríguez Lago un moi bo fútbol, facendo que as luguesas tiveran que amosar tamén unha boa versión.
Un partido máis desputado do agardado que, porén, dominaba o San Lázaro con ocasións máis claras. Foi Anita a encargada de poñer por diante ao San Lázaro no 34′, para que o equipo se marchara dominando aos vestiarios.
Tralo descanso, o San Lázaro volveu a saír ao verde cun bo xogo, creando ocasións para poder ampliar a vantaxe aos dous goles. Porén, nunha contra despois dun roubo de balón a SDC Órdenes empata o partido grazas ao tanto de Anabel Carreño no 60′.

A partires de aí, o San Lázaro acusou o nerviosismo de saber que precisaban a vitoria para manterse na loita polo liderato e o ascenso. A presión facía mella nas xogadoras de Rubén, que non se atopaban cómodas no campo e todo semellaba encamiñarse da cara ao empate, mais xa no 90′, Mireia sorprendeu á porteira rival cun tiro dende unha falta lonxana.
Unha vitoria que, xunto á derrota do Nicrariense, achega o ascenso ao San Lázaro.
