O penúltimo Trío de Ases O Cantón desta temporada tráenos boas novas para o fútbol provincial. Na Terceira RFEF, o Viveiro acadou a ansiada permanencia logo de vencer en Cantarrana ao Betanzos. A Sarriana venceu á UD Ourense. O Racing Vilalbés non pasou do empate na Madalena fronte ao Barbadás, mentres que o Polvorín caeu na súa visita ao Noia.
Na Preferente, o derbi provincial rematou cos tres puntos no peto do máis necesitado. O Lemos venceu ao Escairón e depende de si mesmo na última xornada para seguir na categoría. O Ribadeo salvou o primeiro ‘match-ball‘ tras vencer na Pedreira ao Mugardos, rival directo, ao que supera na clasificación. Os mariñáns terán que vencer na última xornada ao Sofán e agardar o tropezo de O Val ou Lemos para seguir en Preferente. O Pol perdeu no Municipal fronte ao Sigüeiro.
A Sarriana recupera a súa esencia e vence ao xa ascendido UD Ourense (1-0)
Bo encontro o visto na Ribela entre dous conxuntos con bo gusto polo xogo combinativo. Os visitantes saíron mellor ao campo, aínda que co paso dos minutos a Sarriana mellorou e logrou adiantarse no marcador na enésima asistencia de Santi Gegunde, desta volta a Diego Rey que definiu á perfección diante de Dani Sampayo.


No segundo tempo a Sarriana apenas pasou apuros en defensa e contou con varias ocasións para ampliar o marcador. Piay e Álex Millán en dous lanzamentos desde fóra da área a piques estiveron de sentenciar o encontro.
A Sarriana é terceira e pode pelexar na derradeira xornada por alcanzar a segunda praza que ocupa o Estradense.
A falta de acerto priva ao Racing Vilalbés do triunfo ante o Barbadás na Madalena (0-0)

Os chairegos prolongan a súa mala xeira cun empate na casa fronte ao Barbadás e buscarán na derradeira xornada escalar un posto na clasificación. O dominio do encontro correspondeu ao Racing. Os de Alberto López xogou en campo contrario e a través de boas combinacións creou numerosas xogadas de perigo con Barroso e Cañi como protagonistas. A boa actuación do gardameta Bruno impediu o gol.
No intermedio o Barbadás moveu o banquiño e o cadro ourensán mellorou notablemente e levou a batuta do partido nos primeiros vinte minutos, aínda que sen inquedar a portería de Álex Santomé. A entrada de Fito e Borja Míguez deulle ao Racing máis presencia na área contraria. Os dous ‘9’ dos chairegos, xunto con Vicente e Cañi tiveron ocasións claras para mover o marcador. Nos últimos intres Álex Santomé gañou un man a man fronte a Joao na que foi a mellor opción de gol dos visitantes.
Un viveirense racha a boa xeira do Polvorín (1-0)
Logo de tres xornadas invicito, o Polvorín caeu no feudo dun intratable Noia que aínda pelexa por entrar no play off de ascenso. O primeiro tempo foi intenso e escaso de ocasións. As máis claras foron para os de Iván Carril, nas botas de Mario e Piñeiro.
No segundo tempo, o Polvorín dificultou o movimento de balón dos locais, aos que lles custou máis chegar con perigo á área lucense. Malia todo, a falta de quince minutos para o final, nunha xogada comezada por Hugo Losada, o viveirense Aldán rematou de tacón ao fondo da portería.
O Viveiro vence ao Betanzos e acada a permanencia en Terceira RFEF (3-0)
Os mariñáns seguirán un ano máis en categoría nacional. Logo dun espectacular comezo con Jandri Rego no banquiño, o Viveiro deu un baixón importante ás ordes de Fabri para volver a encauzar o seu camiño co leonés Adrián Benavides.
Fronte ao Betanzos comezou mandando axiña. Fanego foi o xogador máis incisivo nos primeiros intres e logrou marcar ao recoller un rexeite tras un lanzamento de Rolle. O Viveiro seguiu insistindo e a piques estivo Diego Santín de facer o segundo. Pouco despois, noutra boa xogada Fanego chegou o segundo. O extremo viveirense asistiu para que Rolle empurrara o balón ao fondo da portería.
No segundo tempo, Adri Lombao e Diego Santín contaron con claras ocasións para sentenciar. Foi o dianteiro berciano o que fixo o terceiro tras unha boa asistencia de Rolle.

O Lemos vence no campo do Escairón e depende de si mesmo para seguir en Preferente (0-1)
Os monfortinos decidirán o seu futuro na categoría na Pinguela na derradeira xornada fronte ao Mugardos, rival directo. Un triunfo aseguraría a continuidade dos de Edu Rodríguez en Preferente que cun empate evitaría praza de descenso directo, pero tería que depender doutros resultados para non caer ao posto de descenso condicionado (á espera dos ascensos que poda haber de equipos galegos de Terceira a Segunda RFEF).
O encontro foi de moito fútbol directo e moi trabado. Non existía continuidade no xogo o que dificultou que o partido fora vistoso para o espectador. A primeira metade resultou escasa de ocasións, salvo nalgún erro puntual que o rival tentou aproveitar.
O segundo tempo seguiu unha liña semellante ata que a falta de media hora un despexe de Álex Ávila foi aproveitado por Armesto para marcar un tanto que pode valer unha permanencia.
O triunfo do Ribadeo no campo do Mugardos dalle vida aos mariñáns (0-1)
Encontro de moita tensión o disputado na Pedreira entre dous rivais directos pola permanencia. O Ribadeo precisaba os tres puntos para seguir con vida e os de Luchi amosaron a súa mellor versión. Sólidos en defensa e con claridade nas contras. Malia todo o primeiro cuarto de hora foi de claro dominio local. Gabarre e Julián contaron con dúas ocasións moi claras para marcar e Javi Pita realizou unha intervención de moito mérito diante de Piquero. No primeiro achegamento do Ribadeo á portería contraria chegou o gol. Unha rápida contra culminouna de Xavi Iriarte de xeito maxistral diante da saída de David Gómez. O gol fíxolle dano aos locais que apenas se achegaron á área ribadense ata o descanso.
No segundo tempo os mariñáns estiveron moi seguros en defensa e só concederon unha ocasións en todo o periodo final. De novo Javi Pita resultou decisivo nun man a man diante de Gabarre. No último cuarto de hora o Ribadeo contou con boas ocasións para sentenciar. A volta de Álex Meitín, que xogou uns minutos tras o seu periodo de lesión, deulle aos de Luchi moita presencia en ataque. O atacante xovense gozou dunha boa ocasión para sentenciar, ao igual que Xairo ou Simón.
O Ribadeo para seguir en Preferente precisa vencer ao Sofán na derradeira xornada no Pepe Barrera e agardar o pinchazo de O Val ou Lemos. Co empate ou derrota dos ferrolterráns o Ribadeo evitaría a posición de descenso directo (sempre que os de Luchi sumen os tres puntos). Unido a isto, se o Lemos perde diante do Mugardos, o Ribadeo evitaría calquera situación de perigo.
O Pol cae no Municipal fronte ao Sigüeiro (2-4)
Encontro sen moito en xogo, feito que se reflectiu no resultado final. O Sigüeiro amosou o por qué da súa clasificación e foi xusto vencedor no Municipal. Os visitantes lograron adiantarse no marcador tras un erro defensivo que aproveitou Adrián Pereira. Non tardou en igualar o Pol tras un penalti claro cometido sobre Ríos que transformou Cuadrado. Antes do descanso, unha diablura de Ríos serviu para que o extremo fixera o segundo para os de Manolo García.
No segundo tempo un penalti dubidoso para o Sigüeiro significou o empate. A falta de tensión debido ao instrascendente do encontro foi aproveitada polos visitantes para marcar dous novos goles.
Foto de portada: Mundito Carballo Durán.