Moito en xogo nun Trío de Ases O Cantón que nos trae malas novas nunha xornada de derbis na Preferente. No Municipal do Saviñao, o Pol venceu a un Escairón que xa é matematicamente equipo de Primeira Futgal. No Pepe Barrera, Ribadeo e Lemos empataron sen goles nun partido bronco que deixa aos mariñáns contra as cordas e aos monfortinos tamén nunha situación delicada.
Na Terceira RFEF, o Polvorín venceu no derbi provincial ao Viveiro e a Sarriana gañou no campo do Betanzos. O Racing Vilalbés prolongou a súa mala xeira tras perder na Madalena diante do Noia. O cadro chairego xunto coa Sarriana asinaron a súa clasificación matemática para o play off de ascenso.
O Racing Vilalbés prolonga a súa mala xeira ao caer na Madelena diante do Noia (0-1)
Os chairegos caen á cuarta praza tras perder fronte ao Noia nun encontro no que os de Alberto López levaron a iniciativa no primeiro tempo e que serviu para ver ao canteirán Gegun coa camisola do primeiro equipo. Os visitantes optaron por un fútbol máis directo sobre os seus puntas e na procura de sacarlle partido á velocidade de Facu. O Racing defendeu ben os balóns á área e chegou con certo perigo á área rival. Álex Santomé resultou decisivo nunha boa ocasión de Hugo Losada.



No segundo tempo o Noia colleu o mando do partido. Os locais trocaron de sistema e a entrada de Alberto Leira deulle consistencia ao centro do campo. Brais Pedreira, Jose Varela e Barroso protagonizaron varias chegadas á área rival, onde novamente faltou precisión no remate. A falta de dez minutos para o final chegou o único gol do partido, obra de Facu tras un bo tiro cruzado. O Racing pouco despois quedou con dez por expulsión de Edgar e no tempo de desconto Fito tivo unha boa oportunidade para empatar.
A Sarriana remonta no campo do Betanzos e asegura o play off (2-3)
O conxunto sarriao venceu nun encontro difícil no García Hermanos e pelexará polo ascenso a Segunda RFEF. Os de José Antonio Rodríguez non se atoparon cómodos sobre o céspede e foron os locais os que se adiantaron no marcador cun disparo de Pais co primeiro cuarto de hora de xogo cumprido. Co paso dos minutos os sarriaos gozaron de boas ocasións para empatar. As máis claras nas botas de Azael e Vilela, pero ámbolos dous atopáronse coa gran intervención do gardameta Brais.
A entrada de Boedo e Guitián tras o intermedio déronlle outro aire á Sarriana, que logrou o empate cun tanto de Álex Millán. Foron os mellores minutos dos visitantes que gozaron de ocasións moi claras. Keko e Álex Millán estrelaron dous balóns no longueiro. A falta de vinte minutos para o final, Juan de Dora desfíxose do dominio sarriao cun golazo de vaselina. Non tardou en reaccionar a Sarriana e unha boa xogada de Azael resolveuna á perfección Santi Gegunde. Nos últimos minutos o dominio sarriao intensificouse e tras outra boa xogada de Azael o porteiro Brais deixou o balón morto e Boedo marcou o tanto da vitoria, e consumou o descenso xa virtual do Betanzos.
O Polvorín suma a segunda vitoria consecutiva ante un Viveiro que segue preto do perigo (1-0)
O Polvorín amosouse superior a un Viveiro que non foi quen de levar a cabo o seu plan de partido. Os de Álex Ortiz pecharon á perfección os espazos e foron quen de chegar con claridade á área rival. Padín avisou ao comezo e pouco despois Maceira obrigou a Ayoub a intervir con éxito. No ecuador do primeiro tempo, Antón aproveitou unha indecisión da zaga celeste para anotar o tanto da vitoria. Antes de chegar ao descanso, Antón gozou de dúas novas oportunidades para facer o segundo. O Viveiro apenas chegou á portería rival, salvo nunha ocasión de Adri Lombao.
Tras o intermedio o Viveiro comezou a gañar presencia en campo contrario, aínda que co paso dos minutos o Polvorín retomou o mando. Herrero e Padín contaron con boas ocasións para ampliar a vantaxe, aínda que a inspiración do gardameta Ayoub impediuno.

O Escairón perde diante do Pol e descende a Primeira Futgal (1-2)
A boa dinámica do Escairón nas últimas xornadas non puido ter recompensa. Os pupilos de Brais Prados caeron no Municipal diante do Pol e xogarán a vindeira campaña en Primeira Futgal.
A primeira metade resultou parella cun Escairón que practicou un fútbol moi directo. O Pol buscou xogar o balón aínda que o mal estado do céspede non llo permitiu. Os locais gozaron de bos minutos e contaron con ocasións de Yann e Julito para adiantarse no marcador. Cuadrado protagonizou o achegamento máis perigoso dos de Manolo García.
Na segunda metade o Pol adiantouse tras unha boa xogada persoal de Ríos que rematou Cuadrado ao fondo da portería. O Escairón acadou o empate tras un saque de banda que colleu descolocado ao cadro chairego que aproveitou Yann para superar a Marcos. Os do Saviñao buscaron o segundo tanto no último cuarto de hora xogando continuamente en campo contrario, pero foi o Pol o que levou os tres puntos no último suspiro do choque. Unha boa xogada combinativa entre Hamza e Ríos rematou co pase deste último a Rivas que non perdoou.
O encontro amosou ás claras a delicada situación dos dous conxuntos. Tensión, bronca, pouco fútbol e moito medo a cometer erros. Así transcorreu un choque que deixa ao Ribadeo en descenso a tres puntos da permanencia. O Lemos, fóra de descenso, con dous puntos máis que O Val, está situado nun posto de máximo perigo ante un posible descenso do Compostela en Segunda RFEF que provocará un arrastre.
Na primeira metade as ocasións brilaron pola súa ausencia. O Ribadeo non foi quen de chegar con perigo á portería de Losada, salvo nun remate de Kevin Pierre que acabou no lateral da rede. O Lemos estrelou un balón no longueiro tras un saque desde o curruncho. No rexeite, os de Edu Rodríguez reclamaron penalti tras unha caída de Nacho na área que o colexiado non estimou.
Nada máis comezar o segundo tempo o Ribadeo gozou dunha ocasión inmellorable para marcar tras sinalar o árbitro o punto de penalti tras ser derribado Kevin Pierre na área. O lanzamento de Castrín detívoo Losada de xeito providencial. O encontro gañou en intensidade e co paso dos minutos esta transformouse nun xogo bronco que rematou coa expulsión de Castrín por dobre amonestación. O Lemos non soubo aproveitar a superioridade numérica e apenas inquedou a portería de Javi Pita. No minuto 95, Xavi Iriarte desfíxose dos rivais que lle saíron ao paso e tras gañar a liña de fondo o pase atrás rematouno alto Roi cando a bancada xa cantaba o gol.
Foto de portada: Mariluz Fagín.