Os Máxicos non perden o ritmo da competición
-
- 0
- 5min de lectura
Nova semana para os Máxicos da Primeira, que puxeron todo o seu empeño en sacar tres puntos para os seus equipos. O Meira deu un paso adiante na procura pola salvación, mentres que San Lázaro e Oural empataron para perder puntos nesa mesma loita.
A Milagrosa pecha o seu grupo tras caer ante o Mos (0-1). Unha Milagrosa con moita falta de gol non foi quen de sumar nada positivo na casa diante dunha UD Mos que competiu ben e levou o gato á auga cun gol mediado o primeiro tempo. O positivo, aos de Madriles tan só os afastan 5 puntos dos postos de salvación, polo que aínda queda moito por dicir para os albivermellos.
A Residencia vence diante dun Lourenzá moi combativo (0-2). Os de Rafa Casanova, logo de ver atrancos no seu fútbol combinativo, optaron por xogar máis directo e, froito dun saque de esquina, Pereira anotou o 0-1. Pouco despois, Artai fixo o 0-2 para deixar o choque inclinado antes do descanso. Na segunda metade, a sobriedade defensiva dos visitantes impediu aos Máxicos locais anotar e achegarse no electrónico, 0-2 na Santa Cruz.
O Guntín supera ao Chantada Atlético para afastarse da zona de perigo (1-0). Logo dun choque moi igualado e competido, os do Ladairo conseguiron un gol cando xa se achegaba o final do partido para sacar tres puntos de ouro diante dun Chantada Atlético no que redebutou o técnico Fernando Corredoira logo da marcha de Edu cara o Lemos.
O Burela imponse no Acebreiro logo de empezar perdendo (2-5). Os locais comezaron anotando cunha boa transición, pero os Máxicos mariñáns empataron nun balón parado e remontaron a contenda tamén nun saque de esquina. O 1-3 chegou antes do descanso, pero o Pastoricense fixo o 2-3 xusto na reanudación. Na recta final, dous goles máis do Burela (un de penalti e outro nun córner) sentenciaron o choque a prol do líder diante dun Pastoricense débil no plano defensivo.
O Santaballés gaña diante do Outeiro de Rei (1-2). A primeira ocasión local foi aproveitada por Redondo, que se xirou na área para facer o 1-0. O Santaballés, porén, estivo ben ao longo de toda a primeira parte e, aínda que Vérez errara con anterioridade, empataron nun centro lateral rematado por Xoán. Na segunda metade, os de Freire conseguiron o 1-2 nunha boa acción de Martín e o Outeiro quedou cun home menos tras a expulsión de Navia. Na recta final, aínda que os locais buscaron o gol, o electrónico non se movería máis.
San Lázaro e Oural empatan e non queda contento ninguén (0-0). O San Lázaro, a excepción dos primeiros 10 minutos, foi controlador dos ritmos de xogo e tivo as máis claras no primeiro tempo. Na segunda metade, aínda que os Máxicos visitantes deron un paso adiante, as malas decisións foron protagonistas e non houbo grandes ocasións para ningún dos dous equipos, que quedan na zona baixa da táboa logo do empate sen goles.
O Foz volve gañar ao Castro nun duelo controlado (3-0). Logo de media hora de dominio do Castro, Álvaro rematou un centro no segundo pau para transformar a primeira ocasión dos focenses. Xa despois da reanudación, un penalti cometido polo Castro traduciuse no 2-0, obra tamén de Álvaro e, cos visitantes volcados e deixando espazos ás costas, o irmán pequeno, Aitor, sentenciou o choque a prol dos de Pelayo nun bo exercicio de transicións.
A SD Chantada supera a un Xove que chegaba nunha gran dinámica (1-0). Os chantadinos completaron un gran choque no Sangoñedo, con varias ocasións antes do gol, que chegou nun centro de Damián rematado por David, logo dun balón filtrado por Nodar. O Xove mudou o seu sistema e introduxo cambios no segundo tempo, pero o bo traballo defensivo dos Máxicos do Sangoñedo evitou que os mariñáns perforasen a meta local e deixou os tres puntos na casa.
O Taboada asalta Cerdeiriños (0-2). A primeira parte estivo igualada, cun Monterroso vertical e un Taboada que agardaba o seu momento. Este chegou no descanso, pois a expulsión de Lucas condicionou aos vermellos, que xogaron cun home menos toda a segunda metade e viron como Gabri adiantaba aos seus no 51′. Dúas expulsións máis, sumadas á de Fernandito, puxeron a recta final de cara para un Taboada que sentenciou no engadido logo de ver un bo número de cartóns.
O Meira supera ao filial do Racing e soña coa permanencia (1-0). Xogo directo sobre Farra, intensidade e unha boa defensa do Racing protagonizaron un encontro no que Seixosmil aproveitou unha boa peinada nun balón parado para facer o 1-0 antes do descanso. Na segunda metade, os Máxicos de Iván Lamas buscaron o empate, pero a seguridade defensiva local impediu aos chairegos facer ocasións claras no segundo tempo, máis alá de centros á área sen rematador. Ao final, os tres puntos quedaron na Lomba.