O San Ciprián superou ao Cabreiros (4-0). 15 puntos en xogo, 15 sumados e 15 goles a favor. Son os números do 15 que presenta o San Ciprián en cinco xornadas. Aos locais saíulles o encontro de cara xa nos primeiros minutos. Adiantáronse por medio de Borja Mella, tras centro de Bruno. Uns minutos máis tarde, o dianteiro de Cervo marcaría o dobrete.
No segundo acto, Iván setenciou despois dun rexeite. Tentouno o Cabreiros, pero non foi quen de facerse dono do partido en ningún momento. Xoel redondeou a conta co cuarto gol. Antes do remate do escontro foi expulsado o visitante Alberte Ledo.
O Iberia non perde de vista ao líder
O Iberia mantense invicto ante á Piringalla (3-1). O equipo de San Miguel de Reinante sumou a cuarta vitoria do curso e queda a dous puntos do líder. A vitoria foi sufrida e con polémica, o cadro local amosou o seu descontento coa actuación arbitral.
O Iberia adiantouse por medio de David Ruiz. Os visitantes igualaron por medio de Román. No segundo tempo, a Piringalla soubo sufrir, pero aguantou ata o tempo extra. Aí os locais levaron a vitoria cun gol de Dani Prieto, o seu cuarto desta temporada. Carlos sentenciou nos últimos intres. O adestrador local Mora foi expulsado ao final.
O Xermade gaña por cuarta vez
O cadro xermadés sumou os doce puntos na súa visita ao Celta Barreiros (0-3). Saíu ben ao partido o cadro visitante. Refixéronse os locais, pero xusto encaixaron o gol nunha acción a balón parado. Marcou o central Fran García para celebrar o seu cumpreanos.
Na segunda metade, o Xermade sentenciou. Marcaron Álex Gimeno e Sergio Corrales que entrou no segundo acto. Os erros condenaron a un Celta Barreiros que queda na metade da táboa con seis puntos.
O Casás non perde
O cadro capitalino logrou o terceiro triunfo do curso ante o Cospeito (3-0). Os locais presentáronse con baixas na convocatoria, pero aínda así lograron sacar adiante o encontro e continúan invictos. Non houbo moito fútbol vistoso e tampouco moitas ocasións.
Á media hora de xogo, Herrero aproveitou un centro lateral para marcar. Reigosa fixo o segundo antes do tempo de lecer. Tentouno o Cospeito, pero non logrou batir a meta rival. No tempo extra do partido, Fonseca redondeou o marcador.
O Pontenova suma a terceira vitoria do curso
Os pupilos preparados por Merino alcanzaron os dez puntos ao superar ao Muimenta (0-1). Melloraron os celestes con respecto ás anteriores citas, pero aínda así non lles deu para puntuar. Estivo mellor o Muimenta no primeiro acto, imprimíndolle máis intensidade.
Os visitantes atopáronse co gol nada máis comezar o segundo tempo. Tras unha combinación entre Héctor, Sergio e Fran, o balón chegoulle a Marcos que anotaría.
Riotorto, Folgueiro e Candelaria con nove puntos
O Riotorto venceu ao Mondoñedo (4-1). O balón parado volveu ser cruel cun Mondoñedo que deu a talla a pesar de comezar encaixando. Logrou empatar antes do descanso. Estivo no partido no segundo tempo ata que Óscar e Iván puxeron terra de por medio. Posteriormente sentenciou Panchi cun gran gol dende lonxe.
O Folgueiro superou ao Alfoz (1-3). Trataron ambos equipos de sacarlle rédito ás segunda xogadas. Na segunda metade, púxose por diante o Alfoz nun contragolpe.
Os locais non controlaron o resultado e fóiselles o partido, a pesar de xerar antes ocasións. Empatou o cadro visitante e na recta final déronlle a volta definitiva.
A Candelaria gañoulle ao Guitiriz (3-1). Foi un partido moi desputado con poucas ocasións na primeira parte. Logo do paso polos vestiarios, a Candelaria foi máis polo partido e logrou os dous goles. Os visitantes marcaron o seu gol ao final non quedando tempo para máis.
O Ferreira estréase no liderado
O cadro de Pantón superou ao filial do Lemos (1-3). O encontro resolveuse no primeiro tempo con tres goles visitantes. Marcaron Rafa, Oski e Dani. Tentouno o filial no segundo acto, anotou por medio dun penalti pero non foi capaz de seguirse achegando no marcador.
Segundo empate seguido do Brollón
O Brollón igualou co Paradela (1-1). Non se viviu un encontro moi vistoso nos Medos. O Brollón dominou o balón, pero non creou moito perigo ante unha defensa ben executada do Paradela. Os visitantes adiantáronse antes do tempo de lecer por medio de Romy. Na segunda metade, os locais lograron o empate por medio de Mario.
O Becerreá, o Palas e o Paradela tamén invictos
O Becerreá venceu ao Incio (1-4). Os visitantes tamén resolveron o partido no primeiro tempo. Anotaron catro goles, dous deles de Higi que foi un dos grandes destacados do encontro.
Con todo, o Incio logrou marcar un gol no primeiro tempo. Roi anotou tras unha boa xogada. Gañaron máis solidez en defensa os locais no segundo tempo, pero foron incapaces de acercarse máis no resultado.
O Palas empatou co Chantada B (1-1), que sumou o seu primeiro punto. O filial adiantouse nun contragolpe ante un Palas que se presentou no partido con numerosas baixas. Empataron os celestes rápido. No tramo final, o gol puido chegar para calquera.
O San Roque, o máis en forma do grupo
Os pupilos preparados por Piru sumaron a terceira vitoria seguida ante o Páramo (1-2). En canto a resultados, son os mellores. Tres triunfos de xeito consecutivo para sumar nove puntos e achegarse a zona alta. Vitoria de mérito ante un O Páramo que comezara moi ben a temporada.
A peor nova para O Páramo aínda oi a lesión de Julio. Estaba realizando un gran encontro, pero rompeu un pé co que estará varios meses de baixa. Dende aquí todo o noso ánimo.
Friol, Santa Comba e Portomarín con 7
O Friol goleou ao Quiroga (0-4). No primeiro tempo, o Friol demostrou que tiña outro ritmo e anotou dous goles.
No segundo acto, igualáronse máis as forzas, a pesar de que os locais quedaron cun xogador menos e tamén remataron enfadados coa actuación arbitral. No tramo final si baixaron os brazos e o Friol goleou.
O Santa Comba volveu gañar ante o Rubián (2-1). Segundo triunfo seguido, desta volta ante un rival co que competiu o curso pasado en 3ª. Na primeira metade, o Santa Comba adiantouse por medio dun gran gol de Borja. Puideron facer algún gol máis, pero marcharon así o descanso.
O Rubián empatou con outro bo gol de Geri. Non pasaron moitas máis accións importantes ata os último minutos. Os locais valéronse do balón parado para lograr os tres puntos.
O Portomarín levou os tres puntos nun final trepidante ante o Antas (3-2). A cita comezou igualada, cunha lixeira vantaxe para o Antas con chegadas. Os locais marcaron antes do descanso nun man a man. No segundo tempo, o Antas empatou en segunda acción, tras un balón parado.
Pouco despois, de novo o Portomarín se puxo por diante por medio de Fran. No tramo final volveu a emoción. Os visitantes empataron xa no tempo extra por medio de BEsteiro nunha xogada individual. De novo, Julito marcou o gol do triunfo local. Os de Hugo Vázquez aínda volveron ter a oportunidade para empatar nunha gran ocasión de Félix.