A Federación Galega de Fútbol publicou o calendario da Primeira Futgal para a nova campaña, así como unha circular na que se explica o sistema de competición.
Nunha temporada na que se prometían moitos trocos, o grupo III segue a estar conformado por dezaoito conxuntos lucenses, non optando así pola proximidade xeográfica e si por unha distribución provincial que perxudica en distancia aos conxuntos, sobre todo, da Mariña e do sur da provincia.
A liga contará con 34 xornadas e arrancará o vindeiro 8 de setembro e rematará o día 11 de maio de 2025. A xornada inagural queda do seguinte xeito:
Chantada Atlético – Residencia
SD Burela – Lourenzá
Santaballés – Guntín
Oural – Pastoricense
Castro – Outeiro de Rei
Xove Lago – San Lázaro
Taboada – Foz
Meira – SD Chantada
Racing Vilalbés B – Monterroso
Cabe destacar o derbi mariñán entre o Burela, que quedou ás portas do play off de ascenso, e o Lourenzá. Os dous conxuntos afrontan unha nova etapa con novos inquilinos nos seus bancos. Oke dirixirá aos burelaos e Ángel Maragoto aos laurentinos. Outro encontro destacado é o que enfronta a un recén descendido desde a Preferente, como o Castro, e o sempre perigoso Outeiro de Rei. Oural e Pastoricense, dous recén ascendidos veranse as caras no Luis Pallín.
Na última xornada veranse as caras nun derbi chairego o Castro e o Pastoricense no Arturo Pereiro, o Burela e a Residencia na Marosa e o Monterroso e a SD Chantada, no que son os choques máis destacados.
Podes consultar aquí o calendario ao completo: Real Federación Galega de Fútbol – Visualización del Calendario (futgal.es)
A Federación Galega tamén publicou no día de hoxe o plan competicional para esta categoría na que ascenderá de xeito directo o primeiro clasificado de cada grupo.
Ademáis os segundos e terceiros clasificados disputarán un play off de ascenso que se xogará, a doble partido, contra conxuntos dos outros grupos. O segundo clasificado do grupo III (o grupo lucense) xogará contra o terceiro clasificado doutro grupo. Os enfrontamentos realizaranse por sorteo puro. Os gañadores terán que disputar unha segunda eliminatoria que dilucidará os equipos que ascendan á Preferente Futgal.
As eliminatorias disputaranse entre o 18 de maio e o 8 de xuño, salvo que algún dos equipos en liza teñan que xogar encontros de Copa. Nese caso, cada encontro do play off retrasarase unha semana.
Descenderán a Segunda Futgal os tres últimos clasificados de cada grupo.
Consulta aquí a circular co plan de competición da Primeira Futgal: Circular_n_14_PRIMERA_FUTGAL_AFICIONADOS.pdf