Comezamos un novo episodio do noso Diario coa renovación de Cuadrado na Sarriana. O dianteiro cumprirá a segunda temporada na Ribela e volverá cadrar con Santi Gegunde, con quen compartiu vestiario no Racing Vilalbés.
Asier Seijas renova no Atlético Escairón. O monfortino afronta a terceira campaña consecutiva no Municipal e retorna así a Preferente, categoría na que militou co Lemos e co propio Escairón nunha etapa anterior.
O Palas anunciou a renovación do trío do 99. Adrián Viña, Martín Portomeñe ‘Porto‘ e Óscar Montalbán ‘Monti‘ vivirán a sexta temporada no club tras chegar desde os xuvenís. Cada un natural de tres conellos diferentes da Ulloa. Viña do Carballal en Palas, Porto de Ludeiro en Antas e Monti do Bispo en Monterroso.
O Cabreiros asina a fichaxe de Cristian Martínez, central pontevedrés afincado en Lugo. Con 29 anos, pasou hai dúas temporadas polo Muimenta. O cadro da Acea refórzase tamén con Adrián Suárez. O lateral esquerdo ou extremo de Cádiz aportaralle unha dose extra de físico ao equipo. Tras xogar en varios equipos da súa zona levaba dúas campañas no Castroverde. Causa baixa no Cabreiros un dos xogadores máis destacados na última temporada, David Otero, que xogará co As Pontes en Primeira. Tampouco continuán Jose Adega (fichou no Xermade), Sergio Cazás (fichou no Santaballés), Said, Alejandro, Dani Silva e Pani.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Nuria Louzao, xogadora All Star, é a nova presidenta do Antas. Asume esta nova función, pero seguirá xogando no club. Estará acompañada na directa por Justo como vicepresidente e Dani Abelairas como secretario, que tamén é cordinador deportivo do club. Tamén formará parte da directiva Maite, irmá dunha Nuria que releva a Koeman no cargo. O novo adestrador do conxunto masculino é Hugo Vázquez Ascariz, que chega procedente do Guntín, co que ascendeu o ano pasado a Primeira. Anteriormente lograra o ascenso co Sporting Lucense e o Corgo.
O xogador All Star Sebas Vera vai continuar no Corgo. Tamén segue no Municipal Willy e Brais. Ademáis van coincidir no primeiro equipo os irmáns Darriba. Kevin renova e Rubén sobe do equipo xuvenil tras ter minutos xa no sénior. Tamén se mantén Jose como delegado do primeiro equipo e adestrador na base.
O Catro Roldas vai contar co regreso dun dos seus xogadores de referencia no medio campo na última década. Óscar García ‘Garci‘ volve despois de pasar polo equipo de veteráns da parroquia de Román. O centrocampista vilalbés será un dos líderes dun vestiario con moita xente nova. Tamén se une Javi Dopico ao equipo adestrado por Suso Coto. O de Remourelle, que pode xogar de central ou lateral procede do Iberia xuvenil. É a décima fichaxe do Catro Roldas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
No Sober xogará Luigi. O ex xogador do filial do Lemos que chegara a debutar co primeiro equipo pasou polo Ferreira e procede do Rubián. Cuarta fichaxe do club de Centeás.
No fútbol feminino, Antía renova o seu compromiso coa Comercial.