O capítulo 426 trae máis novidades do balompé provincial. Xusto na véspera dunha data significativa. Este venres remata o prazo para a inscrición dos equipos nas categorías autonómicas. No fútbol afeccionado inclúe ata a Primeira Rexional. Nesta categoría, apuntarase previsiblemente a UD Xove Lago. Antonio Meitín encabezará dende a presidencia unha directiva que sae ao rescate do club.
Salientamos que o ribadense Rubén Vilela renova por dous anos na estrutura do Deportivo. Vén de rematar a súa etapa xuvenil e formará parte do Fabril en 2ª RFEF ás ordes de Óscar Gilsanz. Xa debutou no filial o curso anterior no partido xogado en Abegondo fronte ao Racing Villalbés. Vilela chegou á base do cadro coruñés en idade infantil.
Na 3ª RFEF, o CD Lugo B fixo oficial a chegada de José Sobrido. O atacante de 26 anos chega a Lugo procedente do Estradense. O ribeirense completou a súa etapa de formación no Celta. Logo militou en varios equipos do fútbol galego como a SD Compostela, o Arenteiro ou o Gran Peña. Polo medio tamén pasou por dous equipos vascos: o San Ignacio e o filial do Alavés. En cambio, non seguirá no filial albivermello Anwar Mediero que ficha na mesma categoría na UD Ourense.
No 426, Sommariva remata unha etapa no Meira
Na Primeira Rexional, o Meira anunciou as baixas que son definitivas para a nova campaña. Algunhas xa eran coñecidas como a de Kevin Pierre, de quen xa comentamos a súa fichaxe polo Ribadeo. Tamén a dos irmáns Óscar e Iván López que vos adiantamos que todo apuntaba a que se incorporarán ao Riotorto.



Tampouco seguirán Santi Sommariva (36 anos) nin o porteiro Juanmi (41 anos). Ambos deixan a práctica do fútbol sénior, aínda que previsiblemente Juanmi seguirá xogando no Pol de veteráns. Ademais, non continúan na Lomba Álvaro Vega nin Iago Iglesias que acumulaba cinco anos no club como delegado ou segundo adestrador.
Continuando o camiño pola Terra Chá, paramos no Arturo Pereiro. O Castro anunciou a continuidade no seu proxecto de Hugo Díaz. Xogará no primeiro equipo tras formarse na súa base.

Na Segunda Galicia, saltou a sorpresa no Pichón. Álex Vázquez non será o míster do Muimenta a próxima temporada. O preparador lucense renovara cunha condición que finalmente se deu. Adestrará a tempo completo no fútbol base do CD Lugo e non poderá compatibilizar ambos cargos.
No Sporting Pontenova reciben un regreso. O gardamallas Óscar Presno volve ao cadro pontenovés logo de formar parte do club xa na base. Ademais renova Álex ‘Teixi’.
Na Terceira Galicia norte, o Catro Roldas continúa comunicando as súas renovacións. Miguel Paz ‘Forlín’ seguirá sendo un dos capitáns do conxunto amarelo. Pola súa parte, o Matela confirmou a continuidade de Micael Simão que se incorporou o pasado curso o club. Tamén se mantén Luis.
Na zona sur, o Sober tamén anunciou a continuidade dunha boa parte dos xogadores que continúan no club. Mantéñense dezasete. Ademais Ibán González seguirá sendo o adestrador por terceira tempada consecutiva.
Segue o porteiro Manuel Núñez e os xogadores Iván García Luaces, Iván González ‘Roxo’, Diego Losada, Sergio e David Fernández López, Javier González Castro, Iván Mendes, Jorge Núñez ‘Pibe’, José Manuel ‘Cazón’, Abdul Chaggour, Brais López Peña, David Piñeiro, Maikel Oliveira, Juan Pablo ‘Juampi’ e Wellington.
Por suposto, capítulo á parte merece Martín Piñeiro. O presidente do club seguirá marcando goles en Centeás e nos campos rivais. Será a súa 15ª campaña dun Home de club. Só na fase regular do pasado curso anotou 25 tantos.
O Río Sil incorpora a Jorge Tourón. O xogador monfortino vivirá a súa terceira etapa sénior no equipo da Carqueixa. O atacante pasou polo Brollón e procede do filial do Club Lemos.
No 426, saídas na Comercial e renovacións no Monteforte

No Terceira Galicia futfem, a Comercial fixo públicas as xogadoras que non continúan o próximo curso. A xogadora e porteira All Star Nei, a gardamallas Belén, Lore e Noa causan baixa no grupo preparado por Vicky Burgo.
Pola súa parte, o Monteforte comunicou as súas primeiras renovacións. A xogadora All Star Ainhoa, xunto con Anacris e Emilia mantéñense no conxunto monforitno.