Tres equipos partirán con vantaxe no encontro de volta das semifinais polo ascenso á Primeira Galicia. Na zona norte, o Sanci e o Racing Villalbés B colleron a dianteira. No sur, o San Lázaro ten dous goles ao seu favor, mentres que o cruce entre o Brollón e o Friol está igualado. No caso de que o rematar os minutos regulamentarios unha eliminatoria estivese empatada, xogaríanse 30 minutos de prórroga. Se permanecese sen cambios, o pase decidiríase nos penaltis. Logo, aínda queda a eliminatoria final para decidir os ascensos.
O Sanci amosa a súa carta de presentación con tres goles diante do Iberia (3-0)
A vitoria máis contundente da ida da primeira eliminatoria polo ascenso á 1ª protagonizouna o Sanci. Marcou tres goles e non encaixou ningún ante o Iberia na Veiga. Con todo, foron os visitantes que sen puideron adiantar no marcador ao comezo. O gardamallas Madariaga salvou un man a man ante Prieto. Na seguinte xornada, os locais si anotaron por medio Hugo Fustes.
Os pupilos preparados por Jaime Méndez estiveron moi acertados e marcaron dous máis antes do minuto 20. Antón (de falta directa) e Borja Mella foron os autores. O Iberia refíxose e intentouno pero a falta de efectividade volveu ser o seu hándicap. Con todo, nas Valgas preparan o partido de volta con intención de remontada. A afección de San Miguel apertará ata que sexa posible.
- Iberia – Sanci (dom. ás 17:00 h nas Valgas)
O filial racinguista, única vitoria a domicilio ante o Folgueiro (0-2)
O Racing Villalbés B foi o único que logrou unha vitoria como visitante. Trae dous goles de vantaxe para a «casa». A volta xogarase no artificial da Fonte en Cospeito, lugar onde o filial xogou esta tempada a maioría dos seus encontros como local.
Con todo foi un encontro igualado onde os xogadores adestrados por Iván Lamas souberon aproveitar o seu potencial goleador. Entrou ben na segunda metade o filial e adiantouse cun tanto de Migui que definiu por medio de vaselina. Tivo algunha opción para empatar o Folgueiro e os visitantes erraron un penalti. Cara o final do encontro o máximo goleador da zona norte Gabri Blanco marcou un gran gol dende lonxe.
- Racing B – Folgueiro (dom. ás 17:00h na Fonte)
O San Lázaro tamén toma vantaxe (2-0)
O San Lázaro saíu vitorioso dun partido no que non houbo moitas ocasións no primeiro tempo para ningún dos conxuntos. Nada máis saír do descanso, os locais marcaron por medio de Vigo cun remate na área pequena. O Becerreá volcouse tras encaixar o tanto, pero o San Lázaro termou. Nunha boa xogada de Ily (ex xogador do Becerreá), Yelko anotou o segundo.
- Becerreá – San Lázaro (dom. ás 19:00 h no Municipal)
O Brollón – Friol decidirase nuns Medos que se vestirán de gala (0-0)
Hai uns días en Futbolinlugo, o xogador do Brollón, Adrián Castañer presumiu de afección. Agora os seareiros dos Medos tentarán ser claves no partido de volta da eliminatoria co Friol xa que está igualada. Na Reigosa houbo moita xente, pero non goles.
Foi un encontro moi desputado. No primeiro tempo as defensas impuxéronse aos ataques con algunhas accións de perigo máis puntuais. Seguiu existindo un ritmo alto no segundo acto. Ninguén se logrou impoñer cun claro dominio e as ocasións foron escasas.
- Brollón – Friol (dom. ás 18:00 h nos Medos)
Foto de portada: Racing Villalbés