#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Segunda RFEF #Terceira RFEF

O fútbol galego pendente do Racing Villalbés

Once do Racing Villalbés na 20ª xornada de liga da Segunda Federación ante o Rayo Cantabria cos lucenses Álex Santomé, David Vérez, Kiko, Javi Varela, Jose Varela e Rares no equipo titular

Varios equipos do fútbol galego e lucense permanecerán moi atentos á última xornada da Segunda RFEF. O posible descenso do Racing Villalbés provocaría unha baixada en cascada de clubs dende a Terceira Galega. O Viveiro e os equipos lugueses da Preferente poderían verse influenciados pola clasificación do grupo I da cuarta categoría do fútbol estatal.

As contas do Racing Villalbés (dom. ás 12h)

  • Pontevedra – Racing Villalbés (o Racing ten que gañar para ter opcións)
  • Marino – Covadonga (se o Racing gaña, necesita que o Marino perda para quedar polo menos no posto de promoción de descenso)
  • Coruxo – Gimnástica Torrelavega (se o Racing gaña precisa que o Marino e a Gimnástica perdan para conseguir a salvación)

O Racing Villalbés é o equipo do fútbol galego máis metido na loita pola salvación. Con todo, o Fabril aínda non ten a permanencia asegurada, necesita a vitoria se non quere depender do resultado do Marino e arriscarse a caer ao posto de promoción de descenso.

Simón Lamas chegou ao banco do Racing en 2019 coa temporada xa comezada. O equipo viña dun período de éxito con Gilsanz e logo da distitución de Juan Peón.

O cadro chairego precisa unha vitoria no último partido de liga para ter opcións de permanencia. O adestrador Simón Lamas cre que «o grupo chega ben, realizamos ante o Coruxo un dos partidos máis completos da temporada, a pesar de contar con varias baixas. Pensamos en darlle continuidade a esa versión».



«Vexo ao equipo convencido de que temos capacidade e de que sabemos como neutralizar ao Pontevedra. Chegamos nun bo momento incluso para que, no caso de ter que xogar unha promoción de descenso, o equipo responda ao 100%», salienta Simón.

«A nosa ambición por xogarnos a vida ten que facerse valer»

A última cita da temporada desenvolverse nun dos escenarios referencia do fútbol galego, Pasarón. O conxunto da Boa Vila rematará na segunda posición a liga regular e participará na fase de ascenso para tratar de volver á Primeira RFEF. Na primeira volta, empataran (1-1).



O técnico do Pontevedra, Yago Iglesias, xa adiantou na previa que Charly, Álex González, Chiqui e Garay non serán da partida. Ademais, apuntou que rotará aos futbolistas máis habituais, circunstancia que tamén agardaba o técnico vilalbés: «Esperamos un equipo con algunha rotación, pero igualmene o Pontevedra tratará de dar unha boa imaxe ante o seu público para chegar con boas sensacións ao play off. Agardemos que teñan tamén a cabeza algo posta nesa eliminatoria. A nosa ambición por xogarnos a vida ten que facerse valer«.

copa máxicos
Escaneando este código QR ou premendo sobre el, podes escoller aos adestradores do IV All Star Futbolinlugo, unha vez feita unha selección previa

Simón Lamas cumprirá un novo partido de sanción (aínda lle queda outro) e non poderá dirixir aos seus dende o banco. Esa situación permitiralle estar pendente dos resultados do Marino e da Gimnástica de Torrelavega. «Tanto no banco como no campo temos suficiente só con gañar. O reto de vencer ao Pontevedra en Pasarón é o suficientemente importante como para despistarnos con outros campos«.

«Confiamos na profesionalidade do Coruxo e do Covadonga»

No caso de gañar, o Racing ten que agardar que polo menos un dos seus rivais perda. Se ningún dos dous suma puntos, o cadro de Vilalba sálvase. Non obstante, xogarán partidos contra equipos sen importantes motivacións clasificatorias en xogo. «Confiamos plenamente na profesionalidade dos equipos implicados, o Coruxo e o Covadonga. Aínda que non se xogan nada importante, cremos que van desputar un partido serio», apela o preparador.

O Racing preséntase na última xornada con 37 puntos nunha competición de 18 equipos. Pase o que pase este domingo, os xogadores do club chairego van deixar catro rivais por baixo na clasificación: «Co sistema de liga que temos, sabíamos que iamos estar nesta situación. Loxicamente, o equipo competiu tan ben e por riba das perspectivas iniciais que durante a temporada houbo algún momento que nos parecía que podíamos conseguir a permanencia con máis solvencia. O grupo pasou o baixón do momento difícil do curso e agora está competindo moi ben, a pesar de ter sempre baixas importantes durante a segunda volta».

Na memoria máis recente dos seareiros racinguistas están os dous puntos perdidos nos últimos intres co Cayón na Madalena. Simón cre que non é o momento de realizar unha valoración global: «Unha vez finalice a competición recopilaremos as análises de toda a tempada. Agora temos que esgotar as posibilidades ata o final. Este equipo ten moitísima competitividade dentro e seguro que imos ter as nosas opcións nesta última xornada frenética«, conclúe o míster.

O efecto cascada no fútbol galego

No caso de que o Racing descenda, provocaría a baixada do 15° clasificado na Terceira RFEF. Este arrastre só se evitaría se un equipo galego da Terceira ascende no play off. Se prosigue a cascada, tamén lle afectaría a un equipo da Preferente (dependendo de que equipo arrastre na Terceira, caería para a zona norte ou a sur). A partir de aí, ese descenso involucraría a un dos grupos da Primeira Galicia e así sucesivamente. No caso de que ese arrastre inflúa nun equipo lucense da Preferente podería provocar un descenso a maiores na nosa Primeira e Segunda Galicia. 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *