É sabido que na Terceira Galicia existen grandes xogadores. Talentos que non se asentaron en categorías superiores. Ou traballadores que carecen de tempo para probar fortuna en competicións máis ambiciosas. Outros, simplemente queren seguir xogando cos seus amigos. Independentemente da Liga na que participen. Ese é o caso do noso protagonista: Daniel Fuenteseca. Máis coñecido no noso fútbol coma Debasa.

Debasa é un dos homes a seguir neste inicio ligueiro na Terceira Galicia. Cal é a razón? Tiremos simplemente de números. O xoven dianteiro leva a frioleira de sete goles en só catro partidos. Unha media de 1,75 tantos por encontro. Proba suficiente para demostrar que o todopoderoso Corgo baila ao ritmo dos seus ‘chicharros’.
O propio xogador é consciente desta realidade e recoñece que este ano lle están «saíndo as cousas bastante ben» aínda que non contaba que lle fose «tan ben». Iso sí, é mérito de «todo o equipo». Debasa recoñece que non agardaban «ser tan superiores aos rivais». «Estou sorprendido», engade. O dianteiro non esconde que tivo «a opción de quedar no Lucense, nunha categoría superior» pero que xoga «ao fútbol polos amigos». Por iso, cambiou de equipo.

Sobre o nivel da competición, afirma que «hai xogadores moi válidos para categorías superiores, moi bos». De todas formas, agora só pensa en «ir pouco a pouco». Esa é a fórmula para festexar un posible ascenso do Corgo. No entanto, queda moita tela que cortar na Terceira Galicia. E o duelo de artilleiros está servido. Debasa ten dous grandes rivais na loita final polo Pichichi da categoría: Lucas, do Fonsagrada (1,20 tantos por partido) e Quiñones, da Comercial (1 tanto por encontro). Para que logo digan que os nosos dianteiros non teñen gol!

