O Tres en Raia Panadería O Cantón desta xornada tráenos a derrota do Racing Vilalbés no campo do Marino de Luanco en Segunda RFEF, que deixa aos chairegos a un só punto do play out. Na Terceira RFEF, o Viveiro acadou un valioso punto en Cantarrana fronte ao Pontevedra B. Sarriana e Polvorín acadaron sendos empates fronte ao Arzúa e o Silva, respectivamente. Na Preferente, a Residencia venceu pola mínima no Arturo Pereiro ao Castro no derbi provincial. O Ribadeo goleou nun gran encontro ao San Tirso no debut de Pichi como adestrador. O Lemos caeu na súa visita ao campo do Boiro.
O Racing Vilalbés cae no campo do Marino e queda a un punto da promoción de permanencia (2-0)
Un dos peores encontros da temporada dun Racing que atravesa o seu peor momento en Segunda RFEF. Na súa visita a Luanco, o cadro local fíxose rápido co dominio do xogo e aos poucos minutos estrelou un balón no longueiro. Na seguinte xogada Miguel fixo o primeiro para o conxunto asturiano tras un erro dos chairegos na saída de balón. Os de Simón Lamas trataron de reaccionar antes do intermedio, pero sen éxito.
A segunda metade comezou da peor maneira, cun penalti en contra que transformou o histórico Lora. O Racing Vilalbés tentouno ata o final por tódolos medios, pero non lle saiu ningunha das situacións en ataque.
A Sarriana cede un empate fronte ao pechacancelas Arzúa (1-1)
Viuse sorprendida a Sarriana no comezo pola intensidade dun Arzúa no que debutaba Alberto Mariano no banquiño. O conxunto arzuán dificultou o habitual xogo combinativo dos de Jorge Cuesta, que malia todo foron quen de xerar boas ocasións de gol. German puxo a proba ao gardameta Chema antes de que Iker Hurtado contara cunha boa opción para adiantarse, pero o seu remate saiu fóra. Nos últimos intres do primeiro tempo a Sarriana apretou e contou con dúas boas ocasións de Boedo.
No segundo tempo o Arzúa baixou en intensidade e a Sarriana púxose por diante ao transformar German un penalti por mans na área. Co marcador a favor, os sarriaos deron un paso atrás ante o empuxe do Arzúa que colgou multitude de balóns á área. Nun deles Manu Mosquera batiu a Javi Liz acadando o empate.
Un tanto no desconto impide o triunfo do Polvorín diante do Silva (1-1)
Dominio do balón do Polvorín ao longo de todo o partido, que non se traduxo en ocasións para os pupilos de Roberto Trashorras. No primeiro tempo só Jorge e Arhon inquedaron ao porteiro rival.
No segundo tempo, o filial albivermello deu un paso adiante e chegou con máis perigo á área rival. Rubal e Julio contaron con ocasións moi claras que non lograron transformar. Nunha xogada individual de Jorge, este foi derribado na área e Rosón transformou a pena máxima. Quedábanlle menos de dez minutos ao partido e o Silva aproveitou a súa mellor arma: o balón parado. Co tempo cumprido unha falta lateral despexouna Brais, pero o rexeite caeulle a David que rematou ao fondo da portería.
O Viveiro golea en Cantarrana ao Pontevedra B, rival directo pola permanencia (5-1)
Triunfo clave do Viveiro na carreira por manter a categoría. O encontro comozou con dominio visitante, aínda que sen demasiada profundiade. A partir dos vinte minutos de xogo, o Viveiro trocou de sistema e comezou a chegar á área rival con Manu e Martín como principais referencias polas bandas. Unha acción pola dereita rematou co tanto de Manu. Pouco despois, Nacho contou cunha clara ocasión para facer o segundo. Gamarra e Rolle tamén contaron con boas opcións de gol antes do descanso.
No segundo tempo o Viveiro aproveitou os espazos que deixou o filial granate e Gamarra ampliou diferencias no marcador a pase de Rolle. O Pontevedra B anotou por medio de Arnosi, pero pouco despois o debutante Morais fixo o terceiro. Nos últimos intres Diego sentenciou á saída dun córner e Arturo pechou a conta desde o punto de penalti.
O Ribadeo golea ao San Tirso no debut de Pichi no banquiño (4-0)
O primeiro partido de Pichi como adestrador do Ribadeo non puido deixar mellor sabor de boca no Pepe Barrera. Os mariñáns deixaron o encontro visto para sentencia nos primeiros vinte minutos fronte a un San Tirso que amosou unha pobre imaxe no feudo ribadense. O conxunto local dominio o partido desde o seu comezo e no primeiro achegamento un centro de Castrín rematouno Álex Meitín de espuela ao fondo da rede. Puido ampliar diferencias Castrín nun lanzamento de falta desde a frontal que se estrelou no pao, pero só dous minutos máis tarde fixo o segundo cun potente remate tras un bo servizo de Tichu. O terceiro non se fixo agardar e Xaime sacou un córner milimétrico para o certeiro remate de Simón. O Ribadeo mantivo o dominio do xogo e Álex Meitín puxo a proba ao gardameta visitante cun remate cruzado preto do descanso. O San Tirso non inquedou a Carrera nos primeiros corenta e cinco minutos.
A reacción do San Tirso non chegou no segundo tempo e só Jorge rematou a portería nun mal despexe da zaga. A falta de vinte minutos para o final, Tichu fixo o cuarto tras un bo servizo de Álex Meitín. Santi estivo preto de acadar a manciña cun bo tiro desde dentro da área que despexou ben David Lameiro.
Un solitario tanto de Edrosa dalle o triunfo á Residencia no derbi fronte o Castro (0-1)
A Residencia sumou a segunda vitoria nos últimos tres encontros e cre firmemente nas súas opcións de permanencia. A primeira metade resultou parella, pero con máis dominio do balón por parte dos de Dani Galán, que contou cunha boa ocasión de Pereira a centro de Gabri. No ecuador do primeiro tempo chegou o único tanto do encontro. Rasilla conectou con Edrosa e este superou a Josema cun bo tiro cruzado. Preto do descanso o colexiado expulsou a Marino con dous cartón amarelos consecutivos, decisión moi protestada polo cadro chairego.
No segundo tempo, o Castro buscou o empate e asumiu riscos cun xogador menos, pero sen acadar opcións claras de gol. A Residencia non xestionou ben a superioridade numérica e tivo que defender o xogo directo dos de Rafa Casanova. Malia todo contaron cunha boa ocasión de Rasilla para sentenciar.
O Lemos caeu no campo do Boiro nun encontro no que mereceu máis (1-0)
Saiu ben o Lemos ao céspede de Barraña cunha presión alta e roubando balóns na primeira liña dun Boiro que non foi quen de desenrolar o seu xogo. Os monfortinos foron moi superiores no primeiro tempo e gozaron de boas ocasións para marcar. Mauro, cun balón ao pao, Brais cun lanzamento que saiu fóra por pouco, tiveron as máis claras.
No segundo tempo o dominio foi alterno e sen moitas ocasións. O Boiro contou con achegamento á área rival, pero sen perigo ata que faltando dez minutos, nunha xogada a balón parado chegou o único tanto do encontro. David Noya rematou no segundo pao deixando ao Lemos sen premio.