Dous xogadores da 2ª Galicia xogarán, se nada se torce, o que queda de temporada en Preferente. Polo menos, dous futbolistas da 2ª norte. Alejandro Goás, dianteiro do Abadín pasaría a formar parte do Castro. David Permuy, central do Cospeito chegaría á Residencia. Todo despois de que na primeira xornada da segunda volta de 2ª, o Racing B volvera ao liderado da 2ª norte e o Oural ampliara a súa vantaxe na 2ª sur.
Os datos das dezaseis primeiras xornadas da 2ª en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Racing Villalbés B e Oural (12 vitorias)
- Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B e Pastoricense (un partido)
- Equipos que máis puntuaron: Racing Villalbés B (39 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (45 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Iberia (12 goles)
- O rei do empate: Xermade (9)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (18 goles)
- Tendo en conta as dúas xornadas de 2024…
- Gañaron os dous partidos: Racing B, Iberia e Sporting Pontenova no norte; o Brollón e o Incio no sur.
- Futbolista na mellor xeira goleadora: Rocky da Candelaria, Ospina do Oural e Jul do San Lázaro (3 goles)
- Porteiro menos goleado: Edgar do Racing B, Alonso de Jorge do Iberia, Javier Martínez do Folgueiro, Lino do Cabreiros, Dani Vila do Brollón e José Ángel do Paradela (1 gol)
O Racing Villalbés B volve ao liderado seis xornadas despois
O filial racinguista regresa á primeira posición logo de abandonala na xornada 10. É líder en solitario con dous puntos de marxe sobre o Pastoricense e catro con respecto ao Iberia. Suma cinco vitorias seguidas e acumula nove partidos sen perder. Aproveitouse do empate do Pastoricense e non fallou na súa visita ao Alfoz.
Con todo, o encontro foi moi desputado no Municipal alfocense. Os locais marcharon moi descontentos coa actuación arbitral. O Racing B tivo o balón no primeiro tempo, non xerou excesivo perigo, aínda que se puxo por diante cun bo gol de falta de Alfredo.
No segundo acto, os locais quedaron con dous xogadores menos polas expulsións de Liz e Valito. Antes, tiveran unha boa ocasión para empatar que petou no pau.
Os visitantes buscaron o segundo, pero chegou o empate local a través dun penalti. O Alfoz pediu dúas penas máximas máis ao seu favor. Máis tarde, o que chegou foi un penalti a prol do filial racinguista. Alfredo lograría o segundo seu e para o seu equipo. Finalmente tamén foi expulsado no Alfoz, Valea.
O Alfoz chegará en cadro ao duelo de proximidade xeográfica e clasificatoria coa Candelaria (un punto máis ten o Alfoz). O sábado (ás 16:00h) na Granda non poderán contar nin con Liz, nin Valito, nin Valea (os tres sancionados cun partido). Tampouco poderá sentarse no banco, o adestrador Nico que foi sancionado con catro encontros.
O Racing B recibirá o sábado (ás 16:00h) en Cospeito ao Folgueiro. Unha boa pedra de toque para avanzar, como mínimo, na súa presenza na promoción. Once puntos separan a ambos conxuntos. Na primeira volta o filial gañara 1-2.
Segundo empate seguido do Pastoricense
O cadro da Pastoriza volveu empatar por segunda fin de semana consecutiva no seu campo. Foi ante un San Ciprián que tamén está afeito a igualar. Acumula tres empates seguidos. O Pastoricense é 2º a dous puntos do líder e ten once máis ca o 6º clasificado. O Sanci mantén a 4ª praza. Afástase do liderado (nove puntos) e conta con catro de marxe con respecto ao 6º.
Moi serios ambos conxuntos na parcela defensiva. Intentaron combinar e chegar por bandas os locais que acabarían tamén descontentos coa actuación arbitral.
Con todo, quen se adiantou primeiro foi o cadro visitante. Borja Mella fixo un gran traballo ofensivo a través do fútbol directo. Por aí chegou a acción do gol. Borja peiteou a pelota e Racha colleu ás costas da defensa e marcou.
Aumentou o ritmo o Pastoricense. Nunha internada por banda e tras varios rexeites; Manu Penedo, cun bo disparo coa perna esquerda dende a frontal da área, igualou o partido. Nos minutos finais, ambos equipos quedaron cun xogador menos. Saavedra foi expulsado no Pastoricense e Gio no Sanci.
O Iberia comeza a 2ª volta como empezou a 1ª
O equipo de San Miguel de Reinante volveu facer gala da súa capacidade goleadora. Sumou o seu segundo triunfo seguido e marcoulle catro goles ao Muimenta no Pichón. Ao comezo da liga marcáralle tres nas Valgas. Os pupilos preparados por Moro quedan a catro puntos do líder e cunha vantaxe de nove sobre o 6º.
O Muimenta foi o que se puxo por diante. Jesús aproveitou un erro do porteiro para marcar por segunda semana seguida. Aínda así, o Iberia foi capaz de remontar no primeiro tempo. Franchi de falta directa e logo Dani Prieto.
O equipo celeste tivo máis o balón no segundo acto, con acercamentos, pero costoulle xerar ocasións claras. Ao contragolpe sentenciou o Iberia con goles de Samuel e Adrián Barrera. O Muimenta continúa en descenso a dous puntos da salvación.
O Iberia recibe o domingo (ás 16:00h) ao Sporting Pontenova. De gañar, o cadro das Valgas avanzaría e moito na súa clasificación para o play off. Para os visitantes é unha oportunidade de dar caza aos seus antecesores. Sepáranos nove puntos. Nos locais non poderá estar Franchi que cumprirá un partido de sanción. Moro volverá xogar contra o equipo que adestraba o curso anterior. Na 1ª volta o cadro pontenovés xa dera a sorpresa (1-0).
Quinto partido sen perder do Folgueiro
O equipo de Boavista gañoulle na casa ao Abadín. Afianza o 5º posto na táboa (con máis 2 con respecto ao 6º) e achégase ao 4º posto (está a dous do Sanci). Tres vitorias e dous empates e o seu balance dos últimos cinco encontros.
Bo partido de ambos. Os locais adiantáronse cedo ante un Abadín escaso de efectivos. Tratou de buscar o empate o cadro adestrado por David Lorenzo no segundo tempo, pero o que chegou foi a sentencia local por medio de Erni.
O Abadín só viaxou cun cambio e foi precisamente a súa última incorporación. Antonio Gavín ‘Tontxu’ volve ao fútbol da man do club abadinense tras militar hai uns anos no Sporting Pontenova. Pode desempeñarse en varias posicións de tres cuartos de campo.
Esta chegada prodúcese ante a inminente saída do dianteiro Alejandro Goás. Se non hai cousa de novo, xogará o que queda de temporada no Castro en Preferente. O atacante é o máximo goleador da 2ª norte. Trece goles marcou na primeira parte do curso. Onde o coñecen ben é noutro equipo de Preferente, na Residencia; xa que estivo no seu fútbol base como xogador e agora como formador.
O Sporting Pontenova dá un paso adiante na loita polo play-off
O Pontenova e o Xermade xogaron un dos duelos directos da xornada. Ambos equipos pelexan por entrar entre os cinco mellores ao final de temporada. Na primeira volta gañara o Xermade e agora devolveulla o cadro pontenovés. O gol average queda empatado. O Sporting está a dous puntos da zona de privilexio. O cadro xermadés (7º) queda a catro.
Entrou mellor o Xermade cun tiro ao pau. Tentou combinar o cadro local nuha primeira parte igualada. O Sporting Pontenova púxose por diante cun penalti.
Na segunda metade, os locais tiveron a sorte de marcar o segundo favorecido polo aire. Un despexe dende o seu campo acabou entrando na porta rival. Persistiu o Xermade na súas e marcou Juan nos minutos finais, pero sen case xa posibilidade para empatar.
No Sporting Pontenova debutou Hector Quezada que chega procedente do Astur de Vegadeo. O centrocampista coincide no Sporting con seu irmán, Brayan.
O Cospeito non se dá enganchado á parte alta
O Cospeito comezou a segunda volta do mesmo xeito que a primeira: empatando co Cabreiros. É o terceiro empate nas últimas catro xornadas do equipo da Fonte. Está nunha zona lonxana á pasar apuros, pero fáltalle unha maior regularidade para engancharse á loita pola promoción. Está agora mesmo a sete puntos do Folgueiro. Pola súa parte, o punto sumado polo Cabreiros permítelle afastarse unha miga máis do descenso directo. Amplía a seis puntos a diferenza.
Foi un encontro entretido e con moitas ocasións. O Cospeito conseguiu o gol no primeiro tempo. O Cabreiros igualou no segundo por medio de Joan. A lesión de Dani Río resentiu aos visitantes no segundo tempo. O xogador é dúbida para esta fin de semana.
Á escaseza de efectivos no Cospeito, súmase a saída de David Permuy. O central da parroquia vilalbesa de Oleiros xa non ía estar na convocatoria da fin de semana por molestias físicas. A maiores, cóntase con que fiche na Residencia de Preferente. Permuy ten 23 anos.
Vitoria necesaria da Comercial
O conxunto capitalino derrotou ao Roupar logo de tres xornadas sen gañar. O triunfo permítelle asentarse na zona media da táboa e fuxir de pasar apuros, polo momento. A nove puntos do play off e nove de vantaxe sobre o descenso directo.
Con todo, o resultado é enganoso. Os locais aproveitaron as ocasións que tiveron. O Roupar tivo máis o balón aínda que lle faltou xerar ocasións. Tivo máis presenza aínda no segundo tempo o cadro visitante pero non conseguiu marcar.
Na Comercial salientou a entrada do xuvenil Moha que marcou ao pouco de entrar. E tamén o regreso do capitán Peri que levaba uns meses sen xogar por motivos persoais.
A Candelaria gaña un duelo clave co Mondoñedo
Era o encontro principal da zona baixa. A Candelaria sumou tres puntos no Viñas da Veiga cos que deixa a sete puntos o descenso directo. O conxunto local sigue con dous de diferenza con respecto á zona de perigo. Con todo, o Mondoñedo queda co gol average ao seu favor ao gañar por 1-3 na primeira volta.
Na primeira metade, a Candelaria xogou co vento a favor. Púxose por diante cun gol a balón parado logo de rematar dúas veces na liña. Puideron marcar algún máis e fixérono antes do descanso. Un balón en longo ás costas da defensa e Rocky marcou o segundo. Novo dobrete de Rocky. Seis goles en 2024. Tres na Copa e tres na Liga.
No segundo acto, o vento estivo a favor dos locais. Este factor meterolóxico favoreceu que un centro do Mondoñedo se convertese en lanzamento e entrase na portería. Termou o cadro visitante e apenas pasou apuros.
O Abadín é 13º con dezaseis puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con doce. En descenso directo están o Muimenta (10 pts.) e o Roupar (5 pts.).
O sábado (ás 16:00h) no Novo o Roupar recibe ao Muimenta. Xogan os equipos que ocupan posicións de descenso. Vital para ambos. Na primeira volta gañara o Muimenta 2-1.
O Oural agranda a súa distancia
O equipo do Luis Pallín volveu sacar a súa capacidade goleadora a relucir. Logrou a 12ª vitoria do curso. Coa derrota do Friol, ten agora un marxe de seis puntos sobre o club friolés e o Brollón. Conta con nove puntos de diferenza co 6º, que marca a posición de fóra de play off.
O Oural superou a un Chantada B que agora é último na clasificación. Con todo, o resultado foi un castigo excesivo para o filial chantadés. Os locais dominaron a primeira metade.
Un rexeite, tras unha boa xogada entre Cayuela e Ospina, foi aproveitado por Diego Díaz para facelo primeiro. Logo a sociedade Mario e Ospina conseguiría o segundo e o propio Ospina faría o terceiro.
A raíz do tempo de lecer, os locais entraron fríos e o Chantada B empezou a facer dano. Un penalti sobre Efrén supuxo o tanto visitante. Estaba mellor o filial, pero a capacidade goleadora local voltou ser determinante. Mario e Manel sentenciaron.
O Friol queda a seis puntos do líder. Perdeu co Antas e apértase moitísimo o espazo entre o 2º e o 6º clasificado. Tan só tres puntos de distancia. Iso si, o gol average entre ambos queda empatado.
Non saíu ben ao encontro o cadro friolés. Desta situación aproveitouse o Antas que marchou gañando 0-1 ao descanso. No segundo acto, por medio dun penalti, os visitantes lograron o segundo tanto. Chegou a recurtar distancias o Friol logo dun córner, pero non lles deu para empatar.
O sábado (ás 16:00h) o Antas recibe ao Oural no que será un dos grandes encontros da xornada. O conxunto do Castro Seoane irá coa intención de poder dar outra machada aos de arriba e regresar á zona de privilexio. Mentres que para o Oural é unha nova oportunidade de certificar o seu liderado e dar un paso moi adiante de cara a ter garantida, pola menos, a súa participación na promoción de ascenso. Na 1ª volta o Oural gañara 3-0.
O Brollón xa é terceiro
O equipo dos Medos venceu noutro dos partidazos da fin de semana ao Ferreira. Os tres puntos permítenlle subir á terceira praza e igualar co Friol (2º). Con todo, insistimos nas poucas diferenzas que hai nesa zona da clasificación. Si que deixa minimamente descolgado ao Ferreira (7º); queda a cinco da promoción e a oito do Brollón. Con todo, no duelo directo están empatados xa que na primeira volta gañara o Ferreira 4-3.
Foi un encontro moi igualado. O xogo foi eminentemente directo nun terreo de xogo dos Medos que mellorou, pero que non está evidentemente nas mellores condicóns. Isma para os locais e Rafa e Fagín para os visitantes tiveron algunhas das mellores oportunidades para marcar no primeiro tempo.
Dani Vila realizou unha gran parada no segundo acto a un bo tiro de Pandiani. O partido pintaba de empate ata que nos minutos finais a fortuna estivo do lado local. Un despexe do Ferreira, peta en Davicín e o balón entra dentro da portería. Gol decisivo nun encontro que volveu contar con boa expectación no campo dos Medos.
Empate a todo entre o Becerreá e o San Lázaro
Non deixou de haber partidazos na parte alta da zona sur. Xogaron o 4º e o 5º e empataron a tres goles. Espectáculo ao servizo da clasificación. O Becerreá segue por diante con dous puntos de marxe sobre o San Lázaro (5º) e sobre o Antas (6º). Iso si, o gol average queda para o Becerreá que na primeira volta vencera 2-1.
Tolemia de goles. O San Lázaro puidose poñer por diante pero fallou un penalti. Adiantouse o Becerreá e antes do descanso igualaron os locais.
No segundo tempo, aperta o San Lázaro e logra a remontada momentánea. Ao pouco, empata o Becerreá botando man do balón parado. Candal consegue poñer en vantaxe de novo aos celestes. Na recta final, José Antonio marca o tanto de novo do empate. Nos últimos intres puido gañar calquera.
O Palas non quere renunciar a zona alta
Tras acabar e comezar o ano con derrota, o Palas volveu ao camiño da vitoria. Sumou os tres puntos diante dun rival directo da zona media, o San Roque. O triunfo permítelle ao club dos Chacotes non quedar tan afastado dos postos de promoción nos que xa estivo ao comezo da liga. Está a sete puntos do 5º. En cambio, ten doce puntos con respecto ao descenso directo.
Os locais non saíron metidos no partido e o Palas foi medrando no mesmo. O San Roque chegaba ben ata tres cuartos de campo, pero erraban na toma de decisións; o rival roubaba e xogaba ao contragolpe. Nunha acción desafortunada, o Palas púxose por diante.
No segundo tempo, custoulle ao Palas manter o ritmo da primeira. Os locais axustaron no medio do campo e comezaron a controlar máis o partido. Tivo un remate ao pau nun córner o Palas. Tentaron os locais a igualada. Tiveron tres ocasións moi claras, pero non estiveron afortunados de cara o gol.
O Lemos B tenlle a medida tomada ao Carballedo
A segunda volta comezou con duelos directos na cabeza e tamén na zona baixa. O Lemos B deu un paso adiante ao vencer o Carballedo co que toma catro puntos de distancia. Ademais de quedarse co gol average ao seu favor. Na 1ª volta xa gañara tamén 0-4. O filial lemista conta con sete sobre o descenso directo.
O Lemos B conseguiu marcar cedo e puido ter calma para xogar o partido. Moncho case empata o encontro ao pouco de comezar o segundo acto. Pola contra, Anthony aproveitouse dun erro rival para facer o segundo.
Moncho e Doval puideron volver meter o Carballedo no partido pero non estiveron acertados. O filial lemista sentenciaría con dous tantos máis.
Ruboi estréase con vitoria no Incio xusto ante un ex equipo
Roberto Díaz ‘Ruboi’ chegou ao Incio logo da non continuidade de Julio Corral. O técnico quirogués debutou precisamente ante o equipo da súa vila e do que xa foi adestrador. A última vitoria de Corral e a primeira de Ruboi afasta ao cadro amarelo do descenso directo. Sete puntos de marxe. Ademais de deixar a catro puntos ao Quiroga, aínda que o conxunto verde si mantén o gol average.
Foi un encontro desputado e aberto. Adiantouse o Incio por medio de Darwin. O Quiroga logrou empatar por medio de Nacho e pasou a estar máis cómodo no campo. No segundo tempo, o gol podía chegar para calquera e quen o marcou foi Weimar para os locais.
O Sporting Lucense sae do último posto
Os pupilos preparados por Merino deron a sorpresa da xornada ao vencer ao Paradela, o equipo máis en forma da categoría. Seis triunfos seguidos na liga e un na Copa levaba o conxunto paradelés. Cos tres puntos o Sporting Lucense pasa a ser penúltimo e queda a tres da salvación.
Cerrou ben o partido o Sporting Lucense. Na segunda parte, aproveitou unha das primeiras xogadas para poñerse por diante. Roubo de balón e na transición a pelota chegoulle a Kevin que a cruzou ante a saída do porteiro Jose Ángel. Tentouno o Paradela de varias maneiras, pero o traballo defensivo visitante resultou desta vez e sumaron tres puntos importantísimos.
O Quiroga é 13º con trece puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición tamén con trece puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (10 pts.) e o Chantada B (9 pts.).