Os Máxicos seguen con paso firme na procura dos seus obxectivos nesta temporada, cando xa se achega o ecuador da competición.
O Burela arrolla ao Xove no derbi (0-6). Aínda que comezou mellor o conxunto de Xove, os visitantes tiraron do seu bo fútbol e as boas combinacións para facer dous tantos que marcaron o partido. Pouco despois, un córner a prol do Burela traduciuse no 0-3 e, xa no segundo tempo, tres novas accións dos da Marosa convertíronse en tres tantos máis que puxeron o definitivo 0-6 no electrónico do Municipal.
Tropezo da SD Chantada ante un Foz en liña ascendente (1-1). O bo fútbol combinativo dos chantadinos non emerxeu ao longo dun primeiro tempo no que o Foz estivo repregado e buscando facer dano con contragolpes. Xa no segundo tempo, os locais deron un paso adiante e conseguiron o 1-0 logo dunha boa acción culminada por David. Xusto na seguinte xogada, o Foz logrou o 1-1 aproveitando un desaxuste local. Coa contenda de novo igualada, a SD intentou romper o empate con máis corazón e cabeza, pero as ocasións de Manu e de Pablo non remataron no fondo das mallas dun Foz que mereceu o punto que sacou do Sangoñedo.
O líder Pol non falla en Riotorto (0-2). O Riotorto púxolle as cousas moi complicadas ao Pol ao longo da primeira media hora de xogo, pero un erro defensivo local permitiu a un efectivo pol adiantarse e, pouco despois, dobrar a diferenza cun golazo de cabeza de Omar. Na segunda metade os visitantes defenderon o resultado mentres que o Riotorto estivo a piques de recurtar diferenzas por medio de Cristian, pero o marcador non se moveu. Ao final, 0-2 para o Pol nun choque con moito fútbol directo e disputas na Veiga.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/WhatsApp-Image-2023-12-02-at-09.28.46.jpeg)
A Milagrosa cae na recta final na casa do Monterroso (2-0). O choque en Cerdeiriños estivo marcado pola igualdade e polas disputas, con dous equipos moi intensos e que non querían cometer erros diante do seu rival, aínda que era o Monterroso quen propoñía máis con balón. Os espazos comezaron a aparecer na segunda metade debido ao baixón físico visitante, ata que Raúl Antas fixo o 1-0 a falta de vinte minutos para o asubío final. Lorenzo sentenciou pouco despois ante unha Milagrosa combativa pero pouco presente no plano ofensivo, 2-0.
O Santaballés faise forte na casa a costa do Lourenzá (3-1). Foi mellor o cadro chairego ao longo dos 90 minutos disputados na Liga, nun choque cun inicio frenético. Adiantáronse os locais no primeiro minuto de xogo e, cinco minutos despois, o primeiro achegamento visitante traduciuse no 1-1. O Santaballés seguiu buscando a portería rival e conseguiu o 2-1 antes do 20′ e, desde ese instante, fixéronse co control ofensivo e defensivo do partido e impediron que o Lourenzá se achegase á liña defensiva propia, ata que sentenciaron co definitivo 3-1 na recta final do encontro.
Continúa a mala xeira do Guitiriz ante o Outeiro de Rei (0-2). No primeiro tempo, igualado polo estado do terreo de xogo, a máis clara foi para o local Saúl, que estrelou o balón nos paus. Xa na segunda metade, o Guitiriz quedou cun home menos nunha acción polémica, e o Outeiro aproveitou a superioridade para facer o 0-1 logo dun centro lateral. Pese ao resultado, os locais estiveron a piques de empatar por medio de Josito, pero serían os visitantes quen sentenciarían nun contragolpe cando xa se cumpría o templo reglamentario no Suso Cruz, 0-2 a prol do Outeiro de Rei.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Atlético Escairón supera a unha boa versión do Guntín (3-1). Comezou o choque con chegadas do Guntín, pero golpearon primeiro os locais cun gol de falta directa de Asier. Os visitantes continuaron insistindo e empataron cun golazo de Mateo que perforou a rede do Saviñao. Cando xa remataba o primeiro tempo, o Escairón logrou o 2-1 logo dun balón filtrado tras gañar unha segunda acción e, xa no comezo da segunda metade, ampliaron as diferenzas cun disparo lateral. Na recta final ambos conxuntos puideron anotar algún tanto máis, pero o resultado mantívose no 3-1 a prol dos locais.
Empate entre Taboada e Chantada Atlético no derbi (1-1). Estivo ben repregado o Taboada no primeiro tempo, facendo dano en contragolpes a un Chantada Atlético que non se atopaba cómodo. Nun deles, Mosky forzou un penalti protestado polos visitantes e transformado por Jacobo, 1-0 ao descanso. Xa na segunda metade, os chantadinos apretaron aos rivais e acadaron un merecido empate por medio de César, froito dun xogo máis vertical e agresivo. Ambos equipos buscaron as súas opcións na recta final, pero o electrónico non se movería más, 1-1 na Medela.
Un bo Meira supera sen dificultades a un mermado Portomarín (5-0). O conxunto de Labrada segue mellorando en xogo e resultados, neste caso a costa dun Portomarín que se presentou con numerosas baixas na Lomba. Logo dun primeiro tempo de acoso constante por parte dos locais, o marcador ao descanso era de 3-0. Xa na segunda metade, os miñotos estiráronse e procuraron recurtar diferenzas, pero os locais seguiron controlando o xogo e conseguiron dous tantos máis, 5-0 para o Meira.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/Maxicos-2324-1.jpg)