#Preferente Futgal #Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Trío de Ases o Cantón. A Sarriana segue invicta fóra da casa

O Trío de Ases Panadería o Cantón trae consigo a bagaxe da fin de semana para os conxuntos lucenses, con vitorias para Racing Villalbés, Viveiro, Castro e Residencia, empate para Sarriana e Lemos, e derrotas para Ribadeo e Polvorín.

O Racing consegue a súa primeira vitoria na magdalena

O Racing Villalbés asinou, unha vez máis, un partido moi serio na Segunda RFEF, neste caso ante a Ximnástica de Torrelavega. Os chairegos atopáronse incómodos nun primeiro tempo no que o vento favorecía aos cántabros, pero a solidez defensiva do cadro de Simón Lamas e, unha vez máis, a gran actuación de Santomé evitaron o tanto visitante. Na recta final do primeiro tempo, un saque de esquina a prol do Racing no que se sucederon tres remates saldouse co primeiro tanto de Uzal esta campaña. O coruñés batiu a Dani Sotres para adiantar aos seus, 1-0.

No segundo tempo, foi o Racing o que se viu aupado polo aire. Os locais aguantaban as intentonas rivais ben posicionados e saían con perigo sobre a meta cántabra, que puideron perforar en varias ocasións. Porén, o segundo tanto non chegou e, na recta final, tocou sufrir. A Ximnástica colgaba balóns á área por medio dun incisivo Saúl e Santomé tiña que intervir, primeiro para deter un tiro de Tovar desde a frontal e despois para sacar unha parada felina no tempo de desconto e permitir ao Racing sumar a súa primeira vitoria na casa nesta Segunda RFEF. Unha Magdalena que, á súa vez, precisa unha semana de respiro para recuperarse dos golpes climatolóxicos.

Unha vitoria, un empate e unha derrota na terceira rfef

O Viveiro impúxose en Cantarrana ao Arzúa (2-0) nun partido dominado de principio a fin polos celestes.



O fútbol combinativo mariñán, coas chegadas por fóra de Barroso e Nacho facían dano á defensa visitante e, precisamente Nacho, fixo o 1-0 cun remate de calcaño tras unha boa combinación de Núñez e Cora. O electrónico non se movería máis ata a reanudación, cando o Viveiro volveu golpear. Neste caso, unha xogada de estratexia á saída dun córner traduciuse nun bo remate de Gamarra para facer o 2-0.

O Arzúa non lle perdeu a cara ao encontro e apretou na recta final cun cambio de sistema, pero os locais aproveitaron as transicións para facer moito dano. Porén, o gardamallas visitante salvou aos seus de saír goleados de Cantarrana e, ao final, o marcador foi curto para o visto sobre o céspede, 2-0 para os de Alberto López.

Empate de moito mérito da Sarriana en Carballo ante o Bergantiños (1-1).



Dominaron os locais ao comezo, aínda que a primeira do choque foi para a Sarriana. Herrero finalizou ben un saque de banda, pero Santi Canedo salvou o tanto do lucense. O gol do Bergantiños chegou pouco despois, nun córner mal defendido que se saldou cun gran remate a portería, 1-0.

Ao pouco de empezar o segundo tempo, Herrero estrelou un balón no pau logo dun balón ás costas da espalda local e, minutos máis tarde, Keko faría xustiza logo dun rexeite nun saque de esquina, 1-1. O Bergantiños apertou tras o empate e Álex Ramos estrelou un balón no longueiro, pero ao final repartíronse os puntos nas Eiroas.

O Polvorín caeu na casa do Somozas (2-0).

Ambos conxuntos tiveron que adaptarse ao estado do Manuel Candocia nunha tarde moi chuviosa e con vento nas Somozas, buscando un fútbol máis pragmático que vistoso, con moitos duelos e intensidade nun céspede anegado por zonas e embarrado noutras. Maceira tivo a máis clara para os lucenses, pero o gardamallas local detivo o seu disparo e, pouco despois, Hugo Díaz faría un penalti no que non perdoaría o local Josemi para poñer o 1-0.

O Polvorín puido empatar nunha falta lateral antes do descanso, pero Maceira non estivo acertado. O segundo tempo continuou coa mesma tónica, moita loita no medio do campo, choques, disputas… Xa na recta final, cos albivermellos volcados, Álex Vázquez fixo unha internada por banda esquerda que rematou cun pase atrás para que David Mosquera fixera o definitivo 2-0 nas Somozas.



castro e residencia collen carreira; lemos segue como rei do empate e o ribadeo cae

O Castro conseguiu a súa segunda vitoria consecutiva ante As Pontes (3-1).

Un cadro chairego moi en forma desenvolveu un bo xogo ao longo do primeiro tempo, que foi igualado, pero obtivo premio na recta final. Marco fixo o primeiro no 40′ e Fito ampliou a renda desde os once metros, 2-0 tras os primeiros 45′. Porén, os veciños das Pontes saíron de vestiarios moi intensos e recurtaron diferenzas por medio de Michel. Tocaba sufrir, algo ao que está moi afeito un cadro cheo de veteráns como o Castro. Os vermellos resistiron as estocadas visitantes e Marino sentenciou cunha transición no 78‘ para desatar a tolemia no Arturo Pereiro, 3-1.

A Residencia respira ante un rival directo (2-1).

Os branquiazuis superaron ao Victoria CF nun duelo moi igualado ao longo do primeiro tempo, pero no que os lucenses foron claramente superiores tras o descanso. O dominio posicional da Resi tivo premio nun córner no minuto 70′, rematado por Tebi para poñer o 1-0. Antes, Pereira gozara de dúas claras ocasións que non fora quen de concretar pero, no 83′, o ariete enviaría o fondo das mallas un centro de Rois. O Victoria, porén, púxolle picante aos últimos minutos cun remate de Sergio no 86′ que supoñía o 2-1. O oficio da Residencia impediu máis sobresaltos e deixou os tres puntos na Cheda.

O Lemos empata ante a revelación da categoría (0-0).

Partido sen goles entre Lemos e Miño na Pinguela, nun duelo igualado no que os monfortinos foron mellores ao comezo pero, pouco a pouco, o Miño colleu o ritmo do choque. Non houbo grandes ocasións ata o minuto 70′, cando os visitantes trataron de conservar o resultado e buscaban os contragolpes, mentres que os locais apertaban e pechaban ao rival no seu campo. Dani Arias e Mauro tiveron dúas grandes opcións para anotar, mentres que o Miño estrelou un balón no pau. Ao final, igualada sen goles na Pinguela.

O Ribadeo cae ante o Mugardos na re-estrea de Tichu (1-2).

Derrota dos de Dani Moirón que, pese a que saíron ben ao encontro, viron como o Mugardos se adiantaba nunha falta lateral mal defendida. Pouco despois, unha transición dos visitantes puxo o 0-2, inxusto polo visto no terreo de xogo e co que se chegou ao descanso. O Ribadeo dominou no segundo tempo, con moita presenza en campo rival e ocasións, ata que Castrín fixo o 1-2 no 70′. Tras o gol, os celestes apretaron moito e gozaron de balóns parados e ocasións para empatar, pero non foron quen de empatar a contenda e os puntos marcharon para Ferrolterra.

Trío de Ases o Cantón. A Sarriana segue invicta fóra da casa

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 11

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *