Mario Puerta marcou o seu segundo hat-trick consecutivo. Cos seus goles contribuíu a terceira vitoria da temporada para o Oural. O equipo desta parroquia de Sarria é líder da Segunda Rexional zona sur xunto co Ferreira.
Tamén hai dous colíderes na zona norte con dez puntos. O Racing Villalbés B e o Pastoricense. Logo de catro xornadas, xa non hai ningún equipo que o gañara todo. A igualdade manda na categoría.
Unha fin de semana máis a calor e o sol volveron ser protagonistas. Situación que se prevé que cambie esta finde. Esencialmente o domingo xa que, en principio, choverá e as temperaturas máximas descenderán.
- Equipos que non perderon no que vai de liga: Racing Villalbés B, Pastoricense, Cospeito, Xermade, Oural, Ferreira e Palas.
- Nas catro xornadas que van de liga puntuaron todos os equipos que están en competición.
Gabri Blanco, capital nun filial que tamén sabe sufrir
Na zona norte, o Racing B mantense no máis alto pola diferenza de goles. Sumou a súa terceira vitoria da campaña ante o Cabreiros. Foi un partido con alternativas.
O encontro estivo parado un bo cacho mediada a primeira metade. A ambulancia tivo que vir buscar a Marco. Ao futbolista pontés do Cabreiros fóiselle a rótula de sitio. Está pendente de máis probas para saber o alcance definitivo da lesión.
O dobrete de Gabri foi capital para un Racing que tivo que sufrir por momentos o dominio local. O xuvenil Edu tivo un debut inmellorable co filial. O central de Lourenzá foi titular e marcou o terceiro gol dos seus.
O Cabreiros visita o sábado á Candelaria sen Chema Lladró. O pontés foi expulsado “pola maneira na que lle recriminou unha acción” ao colexiado. O club da Acea recurriu a sanción pero o Comité de Competición denegoulla. Ao non presentar probas alternativas, prevalece a versión do árbitro.
O Pastoricense non baixa o ritmo
Terceiro triunfo para o conxunto da Pastoriza diante da Candelaria. Iaguito abriu o marcador cun gran gol de vaselina. Os visitantes empataron de penalti despois de xa enviar dous balóns ao pau da portería rival.
Parecía que se ía chegar coa igualada ao descanso, pero non. Outra boa acción individual de Iaguito permitiulle a Borja Corbelle facer o segundo para os locais. Aínda habería tempo para que chegase o terceiro gol, neste caso en propia porta.
O partido chegou roto a segunda metade. Se había dúbidas, Cristian encargouse de disipalas noutra boa acción que culminou cun gran disparo preto da escadra da portería rival.
O Iberia, a Comercial e a Pontenova completan postos de promoción
Un trío de equipos ten sete puntos na táboa. Están a tres dos dous primeiros postos.
O Iberia non pasou do empate no campo do Alfoz. Impuxéronse as defensas aos ataques. Non quedaron nada contentos coa actuación arbitral. Ambos adestradores foron expulsados (no caso do Iberia foi Roberto Acebedo, que asumiu as funcións de primeiro míster ante a ausencia de Moro).
O defensa de Remourelle Borja e o mediocentro Bachir pérdense o encontro nas Valgas ante o Folgueiro. Ambos foron tamén expulsados.
A Comercial logrou o segundo triunfo do curso diante dun Abadín que viña de golear e foi el o goleado. Aos locais saíulles todo practicamente de cara. Xa marcharon 3-0 ao descanso.
Cadanseu dobrete de Yeray e Yoni foi unha lousa difícil de remontar. No cadro capitalino debutou o xuvenil Nico. O xogador (que aínda non tivera minutos co filial) foi o escollido por Andrés Rodríguez para suplir as baixas que ten o equipo.
O Sporting Pontenova empatou na casa ante un Roupar que conseguiu o seu primeiro punto da liga. Os locais puxéronse por diante, pero os visitantes empataron por medio de Nando. O primeiro gol que marcou foi anulado, pero ao pouco marcou outro que si subiu ao marcador.
O Cospeito invicto pero sen pegada
O Cospeito, o Xermade e o Muimenta están con seis puntos, a un da promoción. O equipo da Fonte mantén o grupo que fixo un temporadón o curso anterior. Continúa fiel a súa filosofía de xogo, facendo bos partidos pero pagando caro, polo momento, o seu desacerto cara a portería rival.
Con todo, a pasada xornada enfrontouse a todo un San Ciprián (que ten un punto menos: 5). Partido sen goles competido por ambos no que no segundo tempo os locais tiveron máis opcións para marcar.
O Xermade sumou o terceiro empate consecutivo. Foi ante o Folgueiro que queda cun punto menos na clasificación (5). O equipo de Boavista gañaba por 2-0 ao descanso. Os visitantes foron de menos a máis e lograron empatar.
O Muimenta sumou a segunda vitoria da campaña. Foi ante o Mondoñedo, no campo All Star do Viñas da Veiga. Adiantouse moi rápido o Muimenta por medio de Xulio. Iso deulle ás para conseguir o segundo bastante cedo. Os locais tentárono pero non foron quen de achegarse o suficiente no marcador.
A Candelaria e o Mondoñedo teñen catro puntos. O Abadín ten tres. Polo momento non conseguiron gañar o Cabreiros (2 pts.), o Alfoz (2 pts.) e o Roupar (1 pto.).
- Sen adestradores principais nos bancos do Muimenta – Alfoz
Ningún dos Veiga poderá dar indicacións dende os bancos do Pichón no encontro da quinta xornada. Nico Veiga, preparador do Alfoz e Manuel Veiga, técnico do Muimenta, deben cumprir un partido de sanción tras ser expulsados na anterior xornada.
A irrupción de Mario no fútbol rexional
Na zona sur, o Oural sumou a terceira vitoria seguida. Foi ademais no duelo de proximidade ante un Paradela mermado tamén polas baixas.
Mario Puerta adiantou o Oural cedo con dous goles, reafirmando nada máis comezar o seu bo momento de cara o gol. No segundo tempo, Juan recurtou diferenzas. O Paradela volcouse. Pero o que chegou foi a sentencia local de novo por medio de Mario. Sete goles no que vai de liga.
O bo momento do Oural volverase poñer a proba este sábado. Xoga na Reigosa co Friol que vén de perder o seu primeiro partido pero que fora capaz de gañar os tres anteriores. O que se esperan son goles. Cada equipo xa marcou doce nas catro xornadas que van. O técnico local Javi Pájaro non poderá sentarse no banco ao ter que cumprir sanción.
Ferreira, colíder tras gañarlle ao seu ex míster
O Ferreira faille compañía ao Oural no liderado. Superou ao Lemos B nun partido con certo morbo xa que Jesse, ex adestrador dos de Pantón agora é o preparador do filial. E tamén porque varias das fichaxes do Ferreira neste curso proceden desa canteira lemista.
A pizarra de Manu Rodríguez saíulle a perfección ao Ferreira. Os dous goles visitantes viñeron en accións a balón parado pateadas por Fagín. Tentouno o filial pero só puido facer un gol ao borde do descanso.
Primeira derrota do Friol e o Becerreá entra na promoción
Na terceira posición está o Friol tras perder o seu primeiro partido ante o Becerreá. O cadro friolés tivo o control do xogo, pero non o acerto das outras xornadas, acrecentado pola baixa de Alberto Buján.
Os locais marcharon enfadados coa actuación do colexiado, especialmente coa xogada da que sae o segundo gol rival. O certo é que o Becerreá púxose 0-2 no marcador e termou dos tres puntos. Lucky marcou o único tanto local.
Salientou o debut do xuvenil Mito Orol na portería do Becerréa. Unha vida vestindo de vermello e negro e chegou o premio da estrea co primeiro equipo. Titularidade e gran traballo.
O Palas continúa sen perder
O Palas segue con oito puntos na zona nobre (situado entre o Friol e o Becerreá). Esta xornada non pasou do empate no Catro Ventos ante o Carballedo.
Os locais puxéronse por diante nunha acción individual de Moncho. O gol do empate foi por medio de Marcos, pateou unha falta dende lonxe que ninguén tocou e entrou na portería rival.
O equipo máis goleador é sexto
O San Lázaro leva trece goles ao seu favor no que vai de liga. É o equipo que máis marca nas catro primeiras xornadas. Con todo, sumou un novo empate e queda a dous puntos da promoción.
Os pupilos preparados por Nico Longhini empataron co Quiroga (está cos mesmos puntos na clasificación). Tiveron ocasións para sentenciar con 2-1, pero na recta final o conxunto quirogués empatou por medio de Manuas.
Tamén ten cinco puntos o San Roque. Empatou na casa ante un Chantada B que aínda non gañou pero xa suma tres puntos.
Comezou moi ben o filial. A súa sorte petou dúas veces contra os paus da portería rival. Pero o San Roque tivo na maior parte do tempo o control e tamén ocasións. Os locais non foron quen de sentenciar co 1-0 e Iker empataría para os seus nos últimos intres.
Destacou nos locais o debut de dous extremos. Miguel Padrón (goleador) e Lucas.
O Brollón xa gaña
Na metade da táboa salientou o primeiro triunfo do curso para o Brollón. A afección dos Medos non fallou e ante o Sporting Lucense contribuíu para que chegara esa vitoria.
Nada máis comezar o segundo tempo, conectouse a dupla de fichaxes Nico – Isma para facelo primeiro. Máis adiante o Sporting queda cun menos por expulsión de Zoumana Traoré. O dobrete de Bertín sentenciou o encontro.
O Incio non aproveita a superioridade numérica
O Brollón ten catro puntos igual que o Lemos B, o Antas, o Incio e o Paradela. Precisamente Antas e Inicio igualaron a pasada xornada, duelo entre recén descendido e ascendido.
Mediada a primeira parte o Antas quedou cun menos por expusión de Marcos. Con todo, logrou adiantase no segundo tempo. O conxunto amarelo empatou case o final por medio de Edu e cando tamén eran dez no campo tras a expulsión de Iván Carnero.
Polo momento non conseguiron gañar o Chantada B (3 pts.), o Carballedo (2 pts.) e o Sporting Lucense (1 pto.).