O San Roque logrou un traballado triunfo na súa visita ao Sporting Meicende. As de Quiroga seguen a aumentar os seus rexistros no xogo posicional, como así o demostraron coa gran presenza que tiveron en campo contrario. Iso si, suaron tinta para gañar. As mellores ocasións foron para as locais no primeiro acto. De feito, o Meicende adiantouse xusto antes do descanso.
O tanto espoleou ás verdibrancas, que arriscaron en busca da remonta. Tres puntos que chegarían grazas ao ‘dobrete’ de Saray. Primeiro cun testarazo e logo cunha vaselina para certificar a vitoria. Neste encontro, debutaron as dúas últimas fichaxes do cadro de Montirón: Cris e Noe, ambas procedentes do Santiso.
Non tiveron tanta fortuna os restantes representantes lucenses da Segunda Galicia. Todos eles continúan sen estrenar o seu casilleiro de puntos na presente tempada. A Milagrosa perdeu por 6-0 na súa saída a Xallas. Volveron aparecer as pantasmas da falla de concentración e a fraxilidade defensiva. Porén, víronse brotes verdes na segunda metade. O cadro de Iván Dobarrio amosouse máis competitivo e dispuxo de ata tres boas oportunidades para maquillar algo o resultado, sen sorte algunha.
Outro que mellorou as súas prestacións foi o Antas. As de Dani Abelairas deixaron moi boas sensacións ante o Atlético San Pedro nun partido moi igualado. Os bos minutos no último tramo do partido non foron suficientes para intentar puntuar. Cabe destacar o gran partido de María, autora do único gol das da Ulloa. Recuperou un balón para desfacerse posteriormente de dúas rivais e anotar cun fermoso disparo.
Por último, o Chantada cedeu nunha mala segunda metade. Despois dunha primeira parte igualada e sen goles, as do Sangoñedo encaixaron tres goles nada máis regresar dos vestiarios. Unha vez encaixado o golpe, reaccionaron para recurtar diferenzas e dispuxeron dalgunha que outra ocasión para acercarse aínda máis no marcador. No entanto, foi o Xuventú Aguiño o único que volveu ver porta. E por partida dobre!
Primeiras vitorias do Carballedo e o Monte Forte na terceira galicia
Un Carballedo en clara liña ascendente sumou os tres primeiros puntos desta campaña ante o Arenteiro B. As de Sementa controlaron o partido durante os 90 minutos e mesmo puideron conquistar un resultado aínda máis escandaloso. Os seis goles de Jenny foron máis que suficientes para as do Catro Ventos.
Pola súa parte, o Monte Forte tamén dominou de principio a fin ao Órdenes. Apreciouse claramente a melloría semanal das de Cristian Penas; lideradas nesta ocasión por Carla, autora de tres goles.
A Comercial sobrepúxose a un mal inicio na primeira pausa de hidratación. As de Vicky ordeáronse sobre o terreo de xogo e melloraron as súas prestacións. O cadro vermello só atopou o camiño do gol nunha das múltiples ocasións das que dispuxo na reanudación. E a relaxación final, propiciou o empate do EF Silleda a dez minutos para a conclusión. Aroa e Yoli destacaron dentro da boa actuación coral da Comercial.
O Bandeira superou pola mínima a un San Lázaro que apenas creou tres ou catro ocasións en ataque. O líder pasou por enriba das capitalinas, especialmente na segunda metade. Aí chegou o único gol do duelo, a menos de vinte minutos para o asubío final. Por último, o CD Lugo B descansou nesta xornada.
O PM Friol B volve á senda da derrota e atópase en descenso
O filial friolés seguiu o camiño contrario. As de Geluco Villar foron de menos a máis durante o seu choque ante o Domaio. O PM Friol B perdía por 0-2 antes dos vinte minutos de xogo pero acabou soñando ata cun posible empate. Todo grazas a un gol en propia porta das visitantes nas postrimerías do partido. A sorte non estivo do lado das amarelas, que son as penúltimas da Primeira Galicia.
Xornada para olvidar na Terceira RFEF
Duro golpe de realidade para un CD Lugo que aínda non lle colleu o pulso á categoría. Cando as albivermellas quixeron empezar a carburar xa era demasiado tarde. E iso que só ían nove minutos de xogo. Porén o marcador xa sinalaba un contundente 4-0 a favor do Sárdoma. Con todo o peixe vendido, as de Joaquín Blanco fóronse asentando e competiron con dignidade para evitar unha sonora goleada.
O PM Friol encaixou unha clara derrota na casa nun novo partido no que Covi dirixiu desde a bancada pese a estar sancionada (como así reflectiu o colexiado na acta). As amarelas fóronse descompoñendo pouco a pouco despois dun inicio de partido disputado. O cadro friolés apostou pola solidez e as saídas rápidas sobre Lynda Muriel. Desperdiciou as súas oportunidades e cando as forzas flaquearon, o Real Avilés asestou os seus golpes en forma de goles. Un xusto antes do tempo de lecer e outro á volta dos vestiarios. Na reanudación, as do Principado impuxeron a súa superioridade ante un PM Friol que rematou goleado, sen ideas nin organización.
Resultados da xornada
Sárdoma 5-0 CD Lugo
PM Friol 0-4 Real Avilés
PM Friol B 1-2 Domaio
Chantada 1-5 Xuventú Aguiño
Sporting Meicende 1-2 San Roque
Atlético San Pedro 3-1 Antas
Xallas 6-0 Milagrosa
Arenteiro B 0-6 Carballedo
Comercial 1-1 EF Silleda
Órdenes 1-5 Monte Forte
Bandeira 1-0 San Lázaro
Descansou: CD Lugo B