#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Friol, de 3 en 3 en puntos e goles

O Friol é o único equipo da categoría na provincia que gañou todo no que vai de liga. Lidera en solitario a zona sur. Amosa o seu poderío goleador en homes como Alberto Buján ou Dani Roca.

Mentres tanto, o filial do Racing e o Pastoricense colideran a categoría con sete puntos no norte despois de igualar no seu duelo.

Os hat-tricks foron protagonistas na xornada. Cinco xogadores marcaron tres goles. Barrera no Iberia, Álex Goás no Abadín, Alberto Buján no Friol, Mario no Oural e Cepeda no Incio. 

Na zona norte, os dous primeiros clasificados xogáronse o poderío do liderado sobre o escenario privilexiado da Madalena. O Racing Villalbés B entrou ben no encontro. Púxose por diante por medio de Hugo López. 



A partir de aí, foron algo a menos os locais e comezaron a familiarizarse co terreo de xogo os visitantes. Antes do tempo de lecer empatou o Pastoricense por medio de Iago Ares, que realizou un gran partido a pesar dos seus problemas físicos. 

No inicio do segundo tempo, Adri volveu poñer por diante aos seus. Houbo polémica por se estaba en fóra de xogo. Primeiro gol do dianteiro vilalbés logo da súa incorporación ao filial. 

Máis tarde, nun penalti, Edu empatou para os visitantes. Dani Yáñez e Cumbraos foron expulsados. O filial xogou con nove nos últimos minutos, pero o Pastoricense non aproveitou esa vantaxe. 



Con seis puntos están o Iberia e o Pontenova. O cadro de San Miguel de Reinante volveu ao camiño dos tres puntos no duelo de proximidade ante o Mondoñedo. 

No encontro pasou o que quixeron os locais. Xa o descanso gañaban por 2-0 con goles de Samuel e Barrera (de penalti). No segundo tempo Barrera completou o seu hat-trick e Dani Prieto marcaría un tanto máis. 

Outra mala nova para o Mondoñedo foi a lesión de Vázquez. Está a espera de probas tras caer sobre o seu xeonllo. En principio descártase que sexa unha rotura grave.

O Sporting Pontenova enlazou a segunda vitoria seguida na casa do Muimenta. Púxoselle o encontro de cara nos primeiros vinte minutos cun 0-2. 

Tiveron ocasións os locais para achegarse no marcador e non estiveron acertados. Os visitantes servíronse do contragolpe para sentenciar no segundo tempo. 



O Cospeito entra na zona de promoción logo de lograr os primeiros tres puntos da temporada. Foi gañando na casa do Roupar. Un partido con moitas alternativas no marcador.

O Roupar aproveitouse do balón parado para marcar o primeiro cun gol en propia.  Antes do tempo de lecer, tamén a través da pelota quieta, igualou o Cospeito.

Arrincou ben o Roupar no segundo tempo. Marcaron de falta dende o medio do campo. Sacaron rápido e pillaron a Alberto adiantado. 

Con todo, o Cospeito foi quen de empatar e gañar. O tanto de Raúl significou os tres puntos. 

Con cinco puntos, empatado co Cospeito, está o Xermade. 

Catro puntos teñen o Folgueiro, o Sanci, a Comercial, a Candelaria e o Mondoñedo. 

Precisamente o Folgueiro e a Candelaria igualaron nun duelo no que os locais pagaron caro o mal inicio. A Candelaria marchou con dous goles de vantaxe ao tempo de lecer. 

No segundo tempo, logrou empatar o Folgueiro con bo xogo polas bandas. Con todo, foron os da Rúa os que tiveron a mellor ocasión para gañar. Javi parou un penalti. 

O Sanci derrotou á Comercial nun encontro ben competido polos da capital. O peso do xogo levábano os locais, gozaron de ocasións e atoparon a boa resposta do gardamallas Joshua. Os visitantes marcharon gañando ao descanso ao marcar de penalti. 

Na segunda metade os goles de Antón (tamén de penalti)e Diego tras rematar un centro déronlle a volta ao marcador. Madariaga tamén foi providencial nos intres finais para que os tres puntos quedaran na casa. 

O Abadín sumou os tres primeiros puntos da temporada e superou ao seu rival Cabreiros que queda con dous. Os locais dominaron amplamente o partido principalmente no segundo tempo. 

Luciuse Álex Goás, autor de tres goles ademais de darlle un pase a Noé González para completar a goleada.

En descenso están o Alfoz cun punto e o Roupar sen puntuar. 

Na zona sur, o Friol é o único equipo da categoría na provincia que gañou os tres partidos do que vai de liga. O cadro preparado por Javi Pájaro derrotou precisamente ao equipo que superara o curso anterior nas semifinais polo ascenso. 

O encontro estivo marcado tamén pola lesión de Romi. O dianteiro que xa mollara no partido sufriu unha luxación de ombreiro. O partido parouse durante un bo cacho. Por sorte puidéronllo colocar e se todo vai ben librará da operación.

Nese momento, o Friol xa gañaba 2-4. O parón non lle afectou e reafirmou o seu dominio con dous goles máis. Alberto Buján marcou tres e Dani Roca dous. 

Con sete puntos están o Oural, o Ferreira e o Palas. O Oural superou a un Sporting Lucense que pagou caro os erros defensivos e tamén máis falta de puntería cando puido achegarse no marcador. 

Sergi logrou empatar o tanto inicial visitante. Pero despois entrou en escena Mario que completou un hat-trick. Colon e Diego reafirmaron a capacidade goleadora dos pupilos preparados por Negrete. 

O peor aínda foi a lesión de xeonllo de David a quen lle mandamos moito ánimo. 

O Ferreira e o San Roque empataron no Baliño. Ao descanso o resultado xa era o definitivo 1-1. Empezaron máis fortes os locais no segundo tempo. Puideron marcar o gol do triunfo pero o largueiro evitou o tanto procedente dunha pena máxima. O San Roque resistiu cun xogador menos por expulsión. 

O Palas e o San Lázaro tamén empataron. Así que «a proba para testar» non lle saíu tan mal o conxunto da Ulloa. Nun roubo tras presión adiantáronse no marcador os do San Lázaro xa no segundo acto. 

No xogo directo insistiu o Palas. Nun balón morto marcou un golazo pola escadra Mateo, porteiro suplente que entrou como revulsivo para o ataque e a súa entrada non puido estar máis acertada.

No quinto posto hai un pequeno corte de tres puntos. Ocupa posto de promoción o San Lázaro. 

Seguen con catro puntos o Lemos B, o San Roque, o Quiroga, o Becerreá e o Paradela.

Precisamente o Lemos B e o Quiroga xogaron xuntos e empataron. O Quiroga entrou moi ben ao partido e púxose por diante cedo nunha gran acción de Sergio Pollo ‘Pacho’. O filial lemista foi de menos a máis e acabou remontando momentaneamente o partido na primeira metade. Yerai e César marcaron os goles. Aínda anotaron un máis antes do tempo de lecer que foi anulado. 

No segundo tempo, os locais buscaron o empate. Lográrono por medio dun balón colgado dende lonxe. O Lemos B gozou de dúas ocasións moi claras antes do final pero non atinaron coa portería rival. 

No equipo preparado por Jesse debutou Anthony. O polivalente futbolista dominicano volve xogar na estrutura do Club Lemos tras facelo en varias etapas no primeiro equipo. Ademais de pasar por varios clubs do sur da provincia, o ano pasado xogou a segunda parte da temporada ás ordes de Jesse no Ferreira. 

O Becerreá empatou co Carballedo na casa. Non foi boa a primeira parte dos locais. Pouco ritmo e imprecisos. Os visitantes tiveron algunha oportunidade para marcar. 

Mellorou o Becerreá na segunda pero a expulsión do porteiro Álex voveu nivelar as cousas. O partido volveuse tolo e puido marcar calquera pero o final 0-0. 

Con tres puntos están o Antas e o Inicio que conseguiron gañar de tres por primeira vez no curso. 

O Antas realizou un bo partido ante o Brollón no Castro Seoane. Gran rigor defensivo sobre o que trataron de xerar ocasións. Un gol no primeiro acto, outro na segunda parte. 

Isma e Castañer tamén tiveron as súas opcións para un Brollón sen acerto. 

Pola súa parte, o Incio presentouse ao encontro co Chantada B con varias baixas, pero resistiron a pesar de non dominar nin ter moito o balón. Cepeda foi clave e resolutivo con tres goles. Excesivo castigo para o filial da SD.

Todos os equipos puntuaron xa. Momentaneamente Sporting Lucense e Carballedo son quen ocupan os dous postos de descenso directo cun punto. 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *