O CD Lugo rompeu con todos os tópicos ao grande. Nin o debut na categoría, nin o céspede natural, nin a viaxe. As de Joaquín Blanco abriron a lata nada máis comezar cun gol de Iria. Un tanto que disipou todo tipo de nervos e medos. Máis aínda, cando Ana fixo unha ‘trastada’ dentro da área para poñer o 0-2 co que se chegaría ao descanso.
O segundo tempo foi un exercicio de control e pausa para as albivermellas. O CD Lugo non pasou apuros ante un Gijón FF que o intentou sen sorte. Sara mostrouse infranqueable na portería. E Ana fixo o resto. ‘Dobrete’ particular e sentenza definitiva tras un gran pase de Cande.
Pola súa parte, o PM Friol empatou no feudo do Victoria. Foi un partido aberto e no que non se viu gol algún antes do tempo de lecer. Un descanso no que chegaron ata tres cambios para as amarelas, que non terminaron de dar coa tecla no primeiro acto.
A emoción quedou para a reanudación. Yoleidis inaugurou o marcador para as de Covi Regueiro preto da hora de xogo. Porén en menos de vinte minutos, as ‘cebras’ voltearon o resultado.
Cando o encontro chegaba ao seu remate, apareceu outra das poucas caras que quedaron da pasada campaña. Lynda Muriel anotaba o segundo tanto para as da Reigosa, que arañaban así un punto dun feudo difícil. Un gol balsámico, xa que se asinou xusto instantes despois dunha nova expulsión da adestradora Covi Regueiro. Tempada nova, vellos costumes!
Resultados da xornada
Gijón FF 0-3 CD Lugo
Victoria CF 2-2 PM Friol
premio Xogadora Torre de Núñez
Comezamos coas primeiras destacadas da tempada, que optarán ao premio mensual de Torre de Núñez. Un lote de produtos do referente cárnico provincial, que irá a parar cada mes á xogadora máis destacada dos últimos 30 días.
Formatos competicionais e calendarios
Así mesmo, aproveitamos este primeiro #ConFdeFutbolista para deixarvos un resumo do formato competicional da Primeira á Terceira Galicia así como os seus calendarios.
Esta mesma semana comeza a Primeira Galicia co PM Friol B como único representante lucense. Na vindeira fin de semana arrancarán a Segunda e a Terceira Galicia.