#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Borja Candal e Tanketín dende lonxe e os 4 de Iván Navia

A 19ª xornada da Segunda Rexional ten en Borja Candal, en Tanketín e en Iván Navia a tres dos seus protagonistas. Pero hai moitos máis, tal e como aperecen recollidos en #ONoso11AChaira.

Quedan 33 puntos en xogo na categoría e cada vez está máis preto a parte decisiva. Na pasada xornada produciuse o segundo picazo consecutivo do Folgueiro e do Friol. Mentres que o Meira recupera a súa fortaleza e o Guntín e o Ferreira gañan con alma de líderes.

Na zona norte, o Meira ampliou diferenzas con respecto ao Folgueiro. Os pupilos preparados por Ramón Labarada sumaron a 13ª vitoria da campaña e contan con catro puntos de marxe sobre o segundo clasificado. 

O conxunto meirego levouse o triunfo na Lomba ante o Goiriz e pon en orde as súas contas. No que vai de segunda volta levan dúas vitorias, un empate e unha derrota. 



Xogaban primeiro contra último e os Farra, Kevin, Seixosmil e compañía amosaron a súa superioridade. O certo é que os visitantes queixáronse da actuación arbitral con respecto á ilegalidade dalgúns dos goles, pero os de Meira tiveron ocasións dabondo para aumentar máis aínda a vantaxe. 

Unha das grandes citas da xornada estaba na Rúa. Polas festas da Candeloria e polo partidazo entre a Candelaria e o Folgueiro. En Boa Vista na primeira volta gañaran os do Folgueiro pola mínima (2-1). 

Desta vez, non houbo goles que celebrar para ningunha das afeccións. Empataron 0-0. Ambos tiveron algunhas ocasións pero non as transformaron en goles. O Folgueiro queda co gol average ao seu favor.



A Candelaria segue preto dos postos de play off. Sétima clasificada, a dous puntos do quinto. O cadro do Vicedo ve como se volve marchar unha miga o Meira e como se achega por detrás o Cospeito, a dous puntos. 

Precisamente, o equipo adestrado por Luis Romay acumula dezasete partidos sen perder. Xa dobrara a xornada anterior unha volta sen coñecer a derrota.

Venceu á Comercial, rememorando o duelo vivido hai unhas semanas no concurso Sesión Plenario. Foi un encontro nada bonito de ver para o espectador. 

Púxoselle de cara ao Cospeito cun gol en propia porta. E logo tamén cun novo tanto de Álex Rábade. Os visitantes melloraron no segundo tempo pero só foron quen de marcar un gol nos últimes intres do xogo. 

A Comercial segue tentando saír desa zona de perigo por mor dos posibles arrastres. Ten vinte puntos, mantén tres equipos por baixo na clasificación. Nunha distancia de catro puntos ten a cinco rivais como antecesores



Tanketín foi un dos protagonistas da xornada co seu gol para o Guitiriz

O Guitiriz chega no mellor momento ao partido co líder

Na 4ª posición, a un punto do Cospeito e a sete da cabeza, mantense o Guitiriz (este domingo precisamente visita o campo do líder). O seu bo momento de resultados foi ratificado cun novo triunfo no duelo de proximidade ante o Xermade. Son dez partidos sen perder e os últimos catro sumando consecutivamente de tres. 

O conxunto guitiricense adiantouse cedo no marcador co tanto de Erik. Realizou unha gran primeira parte que culminou antes do tempo de lecer co segundo gol, da autoría de Javi Tanketín. Foi cun lanzamento de falta case dende o medio campo

No segundo tempo, o partido estivo máis trabado. O Xermade non se rendeu e marcou a través dunha falta lateral. Apertou ata o final buscando o empate pero non o conseguiu. 

O Iberia regresa á promoción a cambio do muimenta

Nas Valgas xogouse outro dos grandes encontros da xornada: Iberia – Muimenta. Sexto contra quinto na pelexa polo play off. A gran vitoria dos locais provoca que se cambien as posicións. Agora é o Iberia quen ocupa a quinta praza cun punto de marxe sobre os celestes (gol average a favor incluído). 

Os locais volveron realizar un gran traballo coral e dominaron claramente o partido. O equipo preparado por José Manuel foi superior ante un Muimenta mermado polas baixas. Os de San Miguel marcaron dous goles xusto antes do descanso. Aí os visitantes perderon a Rico por lesión.

Á volta dos vestiarios, o Iberia sentenciou practicamente o resultado co 3-0. Jairo anotou o gol da honra para o Muimenta que tratou de meterse no encontro, pero a efectividade local desmontou a defensa visitante e marcaron tres goles máis.

Desexámoslle unha boa recuperación a David Méndez logo da súa lesión

Sete equipos en catro puntos na zona media – baixa

O corte na táboa clasificatoria segue producíndose entre a 7ª e a 8ª posición. O Alfoz é o primeiro equipo que aparece no grupo de conxuntos que tratan de fuxir dos postos baixos e tentan recurtar diferenzas coa zona de arriba. Está a oito puntos da Candelaria.

O Alfoz volveu ao camiño da vitoria ante o Fonsagrada logo de remontar o tanto inicial dos locais. Ao descanso eran os pupilos de Nico os que mandaban no marcador. 

No segundo tempo, o equipo verdibranco empatou ao pouco de volver dos vestiarios. A situación do partido foilles favorable porque os locais quedaron con dous futbolistas menos por expulsión. O Fonsagrada criticou duramente a actuación arbitral. 

O tanto da vitoria chegou case o final da autoría de Pablo Liz. A parte negativa para os do Castro de Ouro chegou en forma de lesión. David Méndez tivo que marcharse lesionado de gravidade logo de romper o peroné. 

Cos mesmos puntos que o Alfoz, está o Castro B. O filial vermello superou con moita claridade a un Roupar que se presentou con baixas importantes. 

Sobresaíu Iván Navia, como xa ten feito máis veces nesta campaña. O dianteiro foi autor de catro dos seis goles do seu equipo. O atacante leva 16 goles no que vai de temporada, un menos ca Sergio Cazás do Cabreiros e Seixosmil do Meira (ambos con 17 tantos). 

Na zona baixa, o Cabreiros empatou co Celta Barreiros no Cascabeiro. Terceiro empate seguido do conxunto adestrado por Paco López que queda con catorce puntos máis ca o seu rival

O cadro de Barreiros sumou un punto dez xornadas despois. Gran traballo dos locais que mereceron máis ao longo dos noventa minutos. Adiantáronse no marcador e mesmo puideron ampliar diferenzas, pero non estiveron atinados á hora de lanzar un penalti. 

Dende os once metros si estiveron acertados os visitantes. Grazas a un penalti conseguiron un punto. 

O Celta Barreiros fichou nas últimas semanas a Jorge e a Pita procedentes do Foz e a Miguel Yanes procedente do Lourenzá. Este sábado xoga co Goiriz para ver quen evita a última praza.

Jesús é o porteiro menos goleado do grupo norte da Segunda Rexional

O Guntín segue na cabeza moi perseguido polo Ferreira

Na zona sur, o Guntín mantense no máis alto. Venceu pola mínima ao Brollón. Os laranxas comezaron dominando o balón e cos visitantes saíndo á contra e aproveitando tamén o balón parado.

Foi desa maneira como o Brollón se adiantou no marcador. Mediada a primeira metade, Pablo Tourón marcou nun remate de cabeza. Xa no segundo tempo, foi a través dun saque dende o recanto como o Guntín equilibrou o resultado.

Logo, o Brollón deu un pase adiante coa súa defensa e o Guntín foise con máis intención ao ataque. O xogo volveuse máis bronco e houbo polémica. O Brollón tivo dúas ocasións ao contraataque que non aproveitou. Noutro córner os locais marcan o segundo. Nos intres finais, o gardamallas Sebas foi determinante.

Un novo gol de Julito resultou decisivo nun dos partidazos da xornada. O Ferreira superou pola mínima ao Oural e segue en modo persecución do líder. Está a un punto do Guntín.

Os susto do partido foron as lesións de Samba nun nocello e Edgar que recibiu un balonazo nun ollo. Ambos tiveron que marchar en ambulancia, pero, por sorte, están ben.

O Oural segue agora ás portas da promoción de ascenso. Está a dous puntos do 5º posto. A pesar de acumular cinco xornadas sen gañar, mantense metido na loita.

O Becerreá achégase ao 3º posto

O Friol é terceiro pero coa súa segunda derrota seguida afástase da cabeza da clasificación. Queda a sete puntos do líder e por detrás aperta forte o Becerréa, precisamente o rival que foi quen de derrotalo a pasada finde.

O cadro preparado por Antón Méndez e Javi Gómez queda a un punto do conxunto friolés. Ademais o Becerreá ten un partido menos. Recuperará o Martes de Entroido o encontro pendente co Paradela.

Encontro igualado na Reigosa principalmente nun primeiro tempo no que non pasaron demasiadas cousas reseñables. Si no segundo acto, onde os visitantes incrementaron o ritmo. Fixeron moito dano á contra e atopáronse cunha frouxa defensa local, afectada polas baixas.

O quinto clasificado é a Milagrosa. Mantén a posición de privilexio a pesar de perder co Chantada B. Queda a dous puntos da terceira praza e a nove do liderado. Este sábado recibe ao Friol no Luis Gorgoso.

O filial da SD deu unha das sorpresas da finde e logrou tres puntos moi importantes na súa loita por fuxir da parte baixa. É o primeiro triunfo dende que Xende e Perry colleron ao grupo en Nadal.

O conxunto chantadino foi superior ao longo dos noventa minutos ante unha feble Mila que só inquietou no tramo final de encontro. Con este triunfo acadan os 18 puntos e manteñen a tres rivais por baixo na clasificación. O seu inmediato antecesor é o Lemos B que está tres puntos por riba.

Ismael ‘Chipi’ é porteiro no Sporting Lucense pero na pasada xornada saíu como xogador de campo e marcou o gol da vitoria

O San Lázaro e o Sporting Lucense benefícianse dos resultados

Dous equipos da zona media reforzaron a súa moral na pasada xornada e ven máis de preto os postos de play off. O San Lázaro colócase a cinco puntos da quinta praza logo de gañarlle con claridade ao Lemos B.

Os de Diego Rey foron merecedores do triunfo, ante un filial que non realizou un bo partido. Dos cinco goles marcados polos locais, salienta o de Borja Candal. O mediocentro volveu case que repetir o seu ‘zapatazo’ de inicio de tempada e marcou outro gol dende uns sesenta metros.

Pola súa banda, o Sporting Lucense queda a sete puntos do quinto posto. Pero co seu triunfo volve ao camiño da vitoria e mantén o gran nivel de resultados amosados neste 2023 (volverá poñerse a proba na finde co Ferreira). Venceu ao Carballedo nun marcador axustado con remontada incluída no Catro Ventos.

O Carballedo chegou ao descanso cun gol ao seu favor. Incrementou a súa vantaxe no segundo tempo. Superada a hora de xogo, o Sporting logrou empatar o partido. Primeiro anotou nunha acción moi protestada polos locais por presunta falta ao porteiro. Logo marcou o segundo por medio dun penalti.

Tiveron os de Rodrigo Amarante a ocasión de volverse poñer por diante pero non acertaron. En cambio, si o fixeron os visitantes. Foi Ismael, o porteiro suplente que entrara como xogador de campo debido ás baixas, o que marcou o gol da vitoria.

Na zona media, tamén o Paradela empatou no Gandarón ante o San Roque. Segue sen perder na casa no que vai de curso, pero afástase un pouco máis da zona de play off. Hai que lembar que ten un partido menos como xa comentamos.  

O equipo visitante fixo un gran traballo defensivo e buscou as súas opcións para xerar perigo. No primeiro tempo si que non houbo grandes oportunidades de gol para ningún. 

No segundo acto, as posibilidades aumentaron. O San Roque tivo unha das máis claras cando Jano enviou un balón ao pau. Alejo tamén fixo intervir ao gardamallas Roi para evitar o gol local. 

Levamos a posición de defensa a Brian Lorenzo ante os moitos candidatos que había no centro do campo.

Primeira vitoria de Abel Rochela no Corgo

Na zona baixa, salientou o primeiro triunfo do Corgo con Abel Rochela como adestrador. Son tres puntos que os meten de cheo na loita pola salvación porque se enfrontaban ao Río Sil, rival directo. 

Houbo unha parte para cada equipo e na primeira adiantáronse os visitantes. O inicio do segundo tempo, o Corgo saíu con todo e conseguiu marcar tres goles nun cuarto de hora. Aínda que o resultado rematou 4-2, ese arrinque foi crucial.

Este resultado permítelle ao Corgo abandonar o último posto da clasificación. Queda a tres puntos do seu rival o Río Sil con quen iguala no gol average. Aínda que a «zona tranquila» márcana o Brollón e o Lemos B con 21 puntos, os equipos de abaixo demostran por resultados e por xogo que pelexarán ata o final.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *