Un novo equipo lucense pecha a porta por non ser sostible no fútbol afeccionado. O Garabolos non participará na Terceira Galicia por mor de non ter recursos económicos. Tan só seguirá o equipo na liga de veteráns. O presidente do club, José Manuel Ramil, afirmou que aínda non cobraron as subvencións correspondentes ao ano pasado que tiñan que vir do Concello de Lugo e da Deputación provincial.
«Non entendo como as subvencións para uns veteráns sexan a mesma cantidade ca un equipo de Terceira cando os veteráns xa saben que teñen que pagar a súa ficha», apunta Ramil quen recoñece que é un problema que lles toca afrontar a todos os clubs que non teñen fútbol base. Cre que despois de todos os equipos que están desaparecendo, o Garabolos non vai ser o último, especialmente na capital da provincia onde di que «somos moitos a repartir e as axudas van para os grandes».
O conxunto da capital lucense descendera o ano pasado á Terceira despois de competir na temporada anterior na Segunda Galicia. Os arrastres producidos doutras categorías impediron a continuación do Garabolos que finalizou cuarto por abaixo con 28 puntos. A pesar de chegar a última xornada con algunha que outra opción de salvación, unha vitoria nos últimos 11 encontros fíxoo imposible. O presidente afirmou que aínda que o equipo seguira na Segunda probablemente se producise o mesmo desenlace.
Con esta situación a Terceira Galicia volverá sufrir cambios despois dun verán bastante movido no que finalmente se optou por tres grupos de oito equipos cada un. O grupo centro (no que estaba encadrado o Garabolos) seguirá tendo oito conxuntos xa que todo fai indicar que o Guntín será trasladado a este grupo por razóns de proximidade. Deste xeito, será o grupo sur o que quede con sete equipos: Relámpago Taboada, FC Becerreá, Incio, Río Sil, Sober e Quiroga.

