O mercado segue moi activo a menos dun mes para que comecen as competicións. Hoxe chegamos con novidades en todas as categorías: na Terceira RFEF, o Racing Villalbés incorpora ao central santiagués Damián, ata agora no Polvorín. A Sarriana anunciou a chegada de dous dianteiros para perseguir o ascenso á Terceira: o prometedor Álvaro Herrero e Diego Santín.
Falando agora de renovacións: o capitán Maikel defenderá un ano máis as cores do Xove Lago na Primeira Galicia. Na Segunda Galicia, o Guntín consolida o seu forte proxecto e suma á causa a Samu e Mateo, que chegan desde o Xuvenil ‘A’ do CD Lugo. Tamén renova Elías no conxunto laranxa.
Outro equipo chamado a todo é o San Lázaro, onde renova o incombustible Mariano. En Alfoz tamén seguirán tres caras coñecidas: Rubén Val, Borja Nogueira e Juan Cortiñas. Na Terceira, pola súa banda, hai varias novidades. O ata agora porteiro do Palas, Brais Vázquez, será o novo técnico dos dos Chacotes. No Quiroga seguirá Josiño, que cumpre así once anos defendendo a camisola do equipo.
Tamén hai bombas no fútbol feminino: a SD Chantada perde á súa capitana, Iria, que pasa a ser xogadora do CD Lugo.