Esta fin de semana remata a competición na Terceira Rexional e só queda un ascenso por decidir. A pasada finde o Castro B, o Lemos B e o Carballedo subiron á Segunda. A atención ponse agora no grupo C2 con tres posibles candidatos para ascender. Os detalles no #TresEnRaia.
O grupo C2 é o que queda con maior aliciente competitivo porque na anterior xornada o Celeiro cumpriu con creces ante o Catro Roldas. O cadro preparado por Martín Rodríguez derrotou ao que nese momento era o líder pola mínima. O golazo de Poti desequilibrou a balanza en Trasvías nun partido no que Javi Díaz ‘Teso’ sobresaíu na defensa. Por iso, nos permitimos o xogo de palabras no titular. O bo facer de Teso e dos seus compañeiros fan que o conxunto viveirense teña opcións de ascender. Detallarémolas este sábado nun especial sobre a última xornada da Terceira.
O Celeiro xogará o seu partido ante o Friol B e o Catro Roldas e a Comercial xogarán en Román dependendo cada un de si. Aínda que o líder é o conxunto capitalino que aproveitou a pasada xornada para poñerse de novo na cabeza. Derrotou ao filial do Friol nun encontro no que regresou á titularidade o dianteiro Javi Castro logo de varios meses de lesión.
No grupo C1, a praza de ascenso foi ocupada polo Castro B. O filial chairego sabía que dependía de si para subir e así o fixo. Derrotou no seu partido ao Cazás e xa non mirou para o outro resultado. Os pupilos adestrados por Isaac Rouco conseguen chegar a unha nova división xa no primeiro ano de constitución do equipo.
Pola súa banda, o Rioaveso tentou chegar con esperanzas ata a última xornada pero era consciente da dificultade. Superou ao Nausti nun partido axustado no que Eddy anotou un dobrete para os de Paraños.
No grupo C3, foi o Lemos B quen saíu vitorioso no duelo de filiais polo ascenso. Superou ao Monterroso B nun choque polémico en Cerdeiriños. O cadro lemista consegue o ansiado ascenso no seu terceiro intento logo da súa creación.
No outro partido do grupo sen nada en xogo o Castroverde superou con contundencia ao Relámpago Taboada. Pablito con tres goles e Manu cun dobrete e dous pases de gol foron protagonistas claros.
No grupo C4, tampouco fallou o Carballedo no seu primeiro match ball para lograr ascender. Venceu ao Taboada B para desatar a alegría no Catro Ventos. Primeiro ano competindo chegou unha pandemia e no segundo ano logran o ascenso.
O Rubián e o Sober xogaron o seu duelo sabendo que xa non tiñan posibilidades de facerse co liderado. O conxunto soberino venceu pola mínima.