Faltan tres xornadas para que remate a 1ª fase na Terceira Rexional. Agás para o Cazás e o Rioaveso que teñen pendente o encontro que non desputaron a pasada finde. Xogarano a do 20, o que obriga a retrasar os dous últimos partidos da zona norte por norma federativa, como acontece nalgúns grupos da Segunda.
Castro B e Lemos B seguen liderando pero con seis equipos máis con opcións. Os detalles, da xornada na que o Celeiro se reencontrou co triunfo, contámolos nunha nova entrega do #TresEnRaia.
Na zona norte, o filial do Castro continúa na cabeza igualado a puntos co Catro Roldas (xogarán entre si na penúltima xornada). O equipo preparado por Isaac Rouco deu un golpe de autoridade ao vencer na casa da Comercial. O porteiro local Joshua fixo varias intervencións de mérito a pesar de encaixar tres goles. O gol de Peri para os da capital non impide que tanto Castro como Catro Roldas estean agora a catro puntos de distancia.
O cadro de Román tamén cumpriu no seu duelo co Nuevo Nausti. A pesar da goleada, o conxunto amarelo tivo que pelexar o partido fronte a un rival ao que non lle saíu nada. O outro equipo na pelexa, o Rioaveso, está agora a cinco puntos das dúas primeiras prazas, pero cun partido menos. Os duelos directos que ten co Castro B e co Catro Roldas fan que dependa tamén de si mesmo.
Por outra banda, salienta nesta xornada o primeiro triunfo do Celeiro. Os pupilos preparados por Martín Rodríguez realizaron un gran encontro ante un Friol B que non baixou os brazos. Foi a tarde de Óscar Docal mandando no medio do campo, con pases e un gol incluídos.
Os tres puntos dánlle a oportunidade ao cadro viveirense de pelexar aínda polo 6º posto nesta recta final de 1ª fase. Está a seis puntos e con gol average a favor. Quedar na sexta praza supón pasar a 2ª fase cun punto que che permite competir, de inicio, case de ti a ti cos equipos punteiros da categoría.
Na zona sur, o Lemos B continúa camiño do seu obxectivo tal e como nos contou hai unha semana o seu adestrador, Perry. O filial lemista superou ao Carballedo (6º) que se afasta en seis puntos do 4º posto. O Lemos B podería asegurar na próxima xornada o liderado se é quen de gañarlle ao Sober e pendente doutros resultados.
Non obstante, tanto o Rubián, o Monterroso B e o Sober apuran as súas opcións. O Rubián volveu ao camiño da vitoria ao vencer ao filial do Taboada. Continúa a seis do líder. Os mesmos puntos ten o Monterroso B que venceu pola mínima en duelo directo ao Sober. O cadro soberés está 4º a oito do primeiro posto.
No 5ª praza aséntase agora o Castroverde ao enlazar o segundo triunfo seguido. Derrotou por un gol de diferenza ao Relámpago. Os xogadores preparados por Iago Núñez sitúanse a dous puntos da cuarta posición. E aínda lles queda un partido na última xornada co Sober. Quedar cuarto supón pasar á 2ª fase con dous puntos.