Unha chilena frustrada, un hat-trick nos Medos e un golpe na mesa na Carqueixa

Álvaro tivo que ir ao hospital logo dunha mala caída, Valenzuela marcou tres goles para o Incio e o Ferreira gañou o partidazo fronte ao Río Sil

Foto de portada: Celta Barreiros

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

A xornada na Segunda Rexional foi accidentada en Mondoñedo para Álvaro. O futbolista do Celta Barreiros tivo que ir ao hospital logo dunha mala caída. Os seus sacaron tres puntos que os achegan ao primeiro obxectivo. O Cabreiros e o Ferreira, seguen os pasos do Becerreá e do Meira e xa saben que xogarán polo ascenso. Contamos os detalles nunha nova entrega dos #OncesFutbolinlugo.

Na zona norte, grupo 2A, faltan dúas xornadas para rematar a 1ª fase. Ademais de recuperar o encontro entre o Sanci e o Roupar. Xogarase esta finde. Por normativa federativa as dúas últimas xornadas téñense que desputar coa clasificación ao día. Por iso, neste grupo, os dous últimos partidos móvense á finde do 20 e á do Entroido.

Deportes Élide

O Cabreiros é o único club do grupo que ten confirmada a súa presenza na fase polo ascenso. E todo a pesar de caer na súa visita á Rúa ante unha Candelaria que se mete na zona de privilexio. O gol average a favor que teñen os pupilos de Abel Rochela con respecto ao Iberia permitiralles vivir máis tranquilos as últimas dúas xornadas.

A igualdade é máxima con tres postos posibles para cinco equipos. O Celta Barreiros cumpriu na súa visita ao Mondoñedo e queda a dous puntos de confirmar a súa loita polo ascenso. Para iso, o Derbi das Praias desta finde vai estar do máis interesante ao tratarse dun duelo directo. Os de Barreiros non poderán contar con Álvaro. O xogador marchou en ambulancia do Viñas da Veiga logo dunha mala caída sobre o ombreiro tras un intento de chilena. Despois da inspección hospitalaria pertinente terá que estar un tempo en recuperación.

Á espera de xogar o seu encontro pendente, o Sanci é 3º a tres puntos do líder. Esta xornada venceu nun duelo clave ao Iberia cun axustado marcador. Agora o equipo preparado por José Manuel baixou a quinta praza e queda a dous da Candelaria. Do duelo xermadino entre o Xermade e o Roupar saíu con vida o conxunto verde ao gañar pola mínima. Dependendo do resultado no partido aprazado, pode ter opcións matemáticas ata a recta final.

Na zona norte, grupo 2B, xa encaran o tramo decisivo. Os oito equipos están ao día polo que esta finde xogarán a penúltima xornada da 1ª fase. Co Meira xa clasificado, seis clubs pelexan por tres postos con tres puntos de diferenza entre eles e unha chea de duelos directos.

Os resultados da xornada colocan ao Guitiriz na segunda praza con 18 puntos. Confírmase a traxectoria de menos a máis do conxunto guitiricense. Só unha derrota nos seis últimos duelos. Venceu pola mínima ao Goiriz no Suso Cruz. O equipo do Ventiño tivo a mala nova da lesión de Raúl. Sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo polo que perde o que queda de temporada.

Un punto por debaixo queda o Cospeito logo de perder ante o Matela. O golazo de Joni mete de cheo ao equipo de Outeiro na loita pola fase de ascenso (6º) e dependendo de si mesmo.

A derrota do Cospeito e a vitoria do Muimenta ante o Meira con gol de Jairo fan que o derbi deste domingo estea máis quente que o forno do Rozas. Ambos equipos chegan empatados a puntos ocupando o 3º e o 4º posto. Por detrás, Goiriz e Matela teñen 16 puntos.

E na 7ª praza aparece o Fonsagrada con 15 puntos logo de vencer na súa visita ao Abadín. O Fonsagrada é, xunto co Cospeito, o equipo que só terá un duelo directo nas últimas dúas xornadas. Remata a liga contra o Meira; o Cospeito fará o propio co Abadín. O resto de equipos xogarase entre si o pase a estar entre os mellores.

O Páramo ten por diante dúas semanas ao estilo Champions, xogando os mércores dous encontros aprazados

Na zona sur, grupo 2A, quedan máis xornadas por diante ao ser nove equipos en lugar de oito. Non obstante, a igualdade tamén é unha constante e prevese emoción nestas últimas xornadas.

O líder indiscutible segue sendo o Becerreá a pesar de caer a pasada finde no regreso á competición do Páramo. O cadro da Montaña ten unha diferenza de nove puntos co 2º (Paradela) cando quedan doce en xogo para eles e ten asegurada a súa presenza na fase polo ascenso.

Porén, a batalla comeza a partir de aí. O Páramo é 3º cun punto menos ca o Paradela. Iso si, os futbolistas preparados por Santi López teñen que xogar dous partidos aprazados no seu día. Farano no medio da semana, os dous próximos mércores. Primeiro contra o Corgo, logo ante o Sporting Lucense.

Na 4ª posición, marcando zona, aparece a Milagrosa con 16 puntos; mesma puntuación coa que lle seguen Antas e Sporting Lucense. De feito, Mila e Sporting igualaron a pasada finde con tres goles para cada un.

Pola súa banda, o Antas derrotou a un Corgo que perde opcións de entrar na zona nobre. O conxunto da Ulloa dominou pero acabou pedindo a hora. Destacaron as dúas últimas incorporacións: a experiencia de Alberto baixo paus, que volve ao Antas con 46 anos, e Carión, que debutou cun bo gol.

Polo medio, colouse un Palas que queda a dous puntos da cuarta praza. Derrotou ao Santa Comba nos Chacotes e deixa tamén con poucas posibilidades de chegar aos postos top aos pupilos preparados por Martín Real.

Na zona sur, grupo 2B, faltan tres xornadas para rematar a 1ª fase. Ademais de recuperar o encontro directo entre o Chantada B e o Oural. Xogarase a finde do 20 de febreiro. Por normativa federativa as dúas últimas xornadas téñense que desputar coa clasificación ao día. Por iso, neste grupo, está previsto que os dous últimos partidos se xoguen na finde do Entroido e na primeira de marzo.

O Ferreira é o único do grupo que ten asegurado xogar polo ascenso na 2ª fase. Situación permitida logo de triunfar na Carqueixa no apaixoante duelo co Río Sil. Primeira derrota do equipo soberés dos últimos sete partidos.

O Río Sil tivo en Sergio Campos o seu xogador máis incisivo por banda dereita, mentres o Ferreira apostou polos mareos á defensa rival de Adrián Enríquez e a vea goleadora do central Diego Blanco. O gol average a favor que teñen os de Pantón co Incio fanlles vivir tranquilos esta recta final. En canto ao liderado conta agora con catro puntos de vantaxe sobre o Río Sil (20 puntos).

Valenzuela marcou o seu primeiro trío de goles nun partido co Incio e acumula seis no que vai de liga, segundo os datos proporcionados por Futgal

Na terceira posición aparece o Oural con 19 puntos. Superou a un Quiroga que se terá que conformar con loitar pola permanencia. Conta con tres puntos máis que o Chantada B (co que ten duelo pendente). O filial chantadino é e venceu a un Bóveda que queda con opcións mínimos de chegar ao cuarto posto.

O outro duelo salientable da xornada viviuse nos Medos entre o Brollón e o Incio. O cadro amarelo chegou a poñerse 0-4 no marcador con protagonismo de novo para Valenzuela. Unha das fichaxes deste ano está rendindo a un gran nivel nas últimas xornadas e foi o autor de tres goles.

Non obstante, tres tamén os meteu posteriormente o Brollón e o cadro de Míchel acabou pedindo a hora. Aínda así, sumou tres puntos de relevancia. Ambos equipos están moi vivos na pelexa por entrar entre os catro primeiros.

Imagen por defecto
Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Artículos: 541

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.