Un empate un tanto decepcionante. Así se resume a visita do líder PM Friol ao feudo do Olímpico de León (2-2). As rapazas de Covi non pasaron da igualada a pesares de facer méritos suficientes para acadar os tres puntos na Primeira Nacional. Iso si, a circulación de balón e o caudal de ocasións; non foi tan fluido como en pasadas xornadas.
O PM Friol adiantouse por dúas veces no marcador, en sendos tramos finais de ambas partes. Pero as súas vantaxes mínimas duráronlle escasos minutos. Un discutido penalti e unha falta dubidosa déronlle aire ás locais cando máis o precisaban. E impediron o triunfo lucense.
O derbi caeu do lado das de Diego Vivero
- Antas 1-3 PM Friol B
O descanso do Lugo propiciou que só houbese un partido con intereses lugueses esta xornada. O gran derbi non defraudou e o PM Friol B impuxo o seu estilo dentro da igualdade reinante. As rapazas de Diego Vivero acumularon máis posesión e ocasións ante un Antas que volveu mostrar o seu bo facer defensivo. A adestradora do primeiro equipo Covi xogou e asinou un dobrete.
O Carballedo provoca o primeiro pinchazo do líder
- EF Lalín 1-2 Monte Forte
- Cruces 0-16 Comercial
- Carballedo 1-1 Santiso
- Milagrosa 0-4 Chantada
Nin unha soa derrota nunha semana na que lle tocou descansar ao San Roque. O derbi lucense marchou para Chantada, e con el o segundo posto da táboa. O cadro de Álex Cambeiro realizou o seu mellor primeiro tempo da temporada, dominando en absoluto á Milagrosa. O 0-3 ao descanso xa o di o todo. Na reanudación, houbo tempo para que Laura Carnero asinase o seu dobrete.
O Carballedo arrebatoulle ao líder os primeiros puntos desta campaña. O Santiso saiu con moita vida do Catro Ventos. E cun meritorio empate ante un Carballedo que as tivo de todas as cores, especialmente na segunda metade. Vero, Laura Delgado e Ana Lamas destacaron nun conxunto lucense que topou con paus, longueiros e mans a mans que non quixeron entrar.
No resto de partidos da xornada, triunfos para os nosos intereses. O Monte Forte venceu pola mínima a un EF Lalín que se viu superado en todo momento. Cheni certificou o mando visitante cun dobrete. O seu último gol, con suspense, ao bordo do desconto. E a Comercial arrasou no campo do Cruces. Jenny fixo nove goles e Xiana, outros tres.